Posts Tagged ‘transemigración’

Datos e singularidades encol do ‘retorno’

Mércores, Novembro 17th, 2010

Calcúlase que entre 1960 e 1990 case 400 mil galegos emigraron a Europa, unha cifra só comparable á de andaluces, aínda que Andalucía contaba con moita máis poboación. Alemaña e Suíza foron os destinos principais, seguidos de Francia, Holanda e Reino Unido. A crise económica iniciada en 1973 iniciou o retorno, que foi máis importante ao longo da década dos oitenta. Este retorno, cifrado en case cen mil persoas, tivo unha incidencia intensísima en moitos concellos, precisamente aqueles que experimentaran unha emigración máis numerosa nas décadas anteriores. Nun detallada obra publicada a mediados dos anos 90, publicado pola Xunta, Informe sobre el retorno en los municipios de Galicia, refería a porcentaxe que en cada concello do país significaban os emigrantes retornadas. Cómpre salientar, por dar algúns exemplos, os casos de Cerceda (29%), Carnota (22%), Carral (17%), Aranga (8%), Muxía (18%), Rois (11%), Somozas (12%), Val do Dubra (8%), O Corgo (10%), Folgoso do Courel (8%), Avión (8%), Barbadás (16%), Castrelo do Val (10%), Cenlle (15%), Cualedro (19%), Esgos (14%), O Irixo (16%), Larouco (15%), Muíños (13%), Porqueira (8%), Rairiz de Veiga (9%), Río (8%), Riós (8%), A Rúa (9%), A Teixeira (11%), Verín (9%), Vilar de Barrio (11%), Vilardevós (9%), Xinzo de Limia (44%), Moaña (18%) ou Salceda de Caselas (7%).

Era habitual que en cada concello ou comarca, a emigración se dirixise, tanto no caso americano coma no europeo, a países determinados, en boa medida polo ‘efecto de arrastre’ iniciado por algunha persoa da zona. Así por exemplo, se nun número moi importante de concellos o principal país americano de destino foi Arxentina, Venezuela domina con claridade en Brión, Carral, Cedeira, Trazo, Vimianzo, Monforte, Allariz, Cerdedo ou Moaña; Cuba é o primeiro país en Mugardos, Xinzo, Sarria, Vilalba, Viveiro, Sada ou Monfero; Brasil éo en Cariño, Touro. Verín ou Laza; Uruguai en Soutomaior, Baiona, Valdoviño, Ponteceso ou Coristanco; México nas Pontes e en Avión; a República Dominicana na Guarda e Panamá en Castro Caldelas. No caso europeo domina Suíz (sobre todo na provincia da Coruña) e Alemaña (sobre todo na de Ourense), pero atopamos concellos nos que predominou a emigración a Francia (Betanzos, Boiro, Cariño, Ourol, Catoira, O Grove), ao Reino Unido (Parada de Sil, Sober, Friol, Vilarmaior, Moeche, Coirós, Corcubión, Laxe) ou a Holanda (Cotobade, Neda, Miño, Muros ou Dodro).

As remesas enviadas polos emigrantes galegos (sobre todo os que traballaban en Europa) tiveron un impacto moi grande na economía galega dos anos sesenta, setenta e oitenta. A Galicia chegan rendas do exterior que en palabras de Julio Sequeiros serviron para “complementar as rendas producidas polas explotacións agrarias familiares (…) para inflar artificialmente o mercado interior galego (…) e para financiar a modernización agropecuaria que se tiña que dar para o abastecemento alimentario do auxe urbano-industrial de España e o paralelo e masivo acceso de amplas masas traballadoras a bens de consumo duradeiros e a melloras dietéticas”. O 46% dos investimentos realizáronse no sector terciario (apertura ou mellora de bares, restaurantes e hoteis, principalmente, así como na compra de taxis), un 27% no sector secundario (industria) e un 19% no sector primario, isto é, na modernización das explotacións agropecuarias.

Como escribiron Alexandre García-Caballero e Ramón Area Carracedo, na súa Psicopatoloxía do Retorno, un dos posibles motivos psicolóxicos ou sociolóxicos de que parte importante das inversións que se fixeron cos cartos da emigración se dedicaran á hostalaría e ao pequeno comercio e non á industria está na gran preocupación polo ascenso social, por pasar a ser propietario, por ser ‘alguén’. O pequeno comercio sería estruturalmente o equivalente moderno do minifundio: é teu, non tes que renderlle contas a ninguén, dá pouco pero a inversión tampouco é moita, e require moitas horas de traballo aínda que o esforzo físico tampouco é de moita intensidade. Cal é a vantaxe entón? “Non ter que enzoufar as mans coa terra (…) Ser alguén, ese era o propósito. A emigración podía dotar aos que migraban dunha identidade. O retorno é connotado segundo os atributos de éxito que se poidan exhibir, por exemplo o Mercedes de volta de Alemaña ou o chalé nas aforas da aldea”.


Secretaría Xeral de EmigraciónEste artigo foi publicado
grazas ao financiamento
da Secretaría Xeral de Emigración
da Xunta de Galicia.