Posts Tagged ‘psicopatoloxía’

Transmigración: estranxeiros nos dous países?

Martes, Novembro 9th, 2010

Hai un relato de Mario Benedetti no que se conta como un grupo de emigrantes discute, unha tarde si e outra tamén, se as árbores que hai nunha rúa da súa cidade de orixe, no seu país de orixe, son carballos ou teixos. As discusións son longas e intensas, pero nunca chegan a poñerse de acordo. Un día achégase ao grupo outro emigrante, paisano deles, que acaba de chegar da cidade, do país que abandonaron. O primeiro que lle piden todos, unha vez que entra pola porta, é que lles resolva o debate que levan anos sostendo: “Por favor, acláranos a dúbida pola que levamos tantos anos discutindo: as árbores desa rúa son carballos ou teixos?”. O recén chegado garda silencio durante uns segundos e responde: “a verdade é que non o sei, compadre: hai anos que arrincaron esas árbores”.

Os emigrantes que retornan ao seu país de orixe atópanse con moitos problemas que para eles teñen efectos psicosociais magnificamente estudados na obra Psicopatoloxía do retorno. Despois de facer un grande esforzo por adaptárense aos seus países de acollida, moitas veces con culturas e linguas moi distintas á súa, teñen que levar a cabo un novo proceso de adaptación a un espazo, a un contexto que recoñecen como seu, pero que xa non se parece ao que uns anos abandonaran, provocando que en moitos momentos, mentres non completen con éxito esa adaptación se poidan sentir un pouco estranxeiros na terra que consideran propia, o mesmo que se sentían alleos no país que os acolleu, por moi ben que estivesen integrados. Un emigrante cando marchou tivo que adaptarse a unha nova cultura. Ao facer isto converteuse noutro, as experiencias que viviu, a xente que coñeceu fixérono outro. Volver implica en certa medida renunciar a ese outro que fomos, e transformarnos outra vez nun outro distinto, parecido a aquel que partiu, que é o que na casa esperan ver chegar. É un imposible. Nin de aquí, nin de alí. Non é extraño atopar casos de emigrantes retornados que en Arxentina, por exemplo, eran alcumados el gallego e que agora, en Galicia, son chamados o arxentino.

O dó inicial polas dificultade de adaptación a unha nova cultura vén seguido dunha identificación e idealización da cultura adoptiva, que en paralelo leva consigo unha desvalorización da propia. O retorno implica actualizar eses sentimentos contraditorios. Durante anos a volta das vacacións serviu como un lapso que achegaba ao emigrante á comunidade de orixe, pero non debemos esquecer que estes episodios eran por definición feirados, é dicir, estaban inzados de actividades, visitas, dispendios e tarefas extraordinarias. Un heroe só pode selo por un instante. O cotián convérteo nun home normal. Por iso non é o mesmo un retorno vacacional, que pode reforzar a narrativa principal, que un retorno definitivo, que pode destruíla.

Na súa Psicopatoloxía do retorno García-Caballero e Area Carracedo explican que a adaptación é difícil, e guíase polas contradicións que a persoa atopa entre os dous países. Deste xeito, os que veñen de Centroeuropa quéixanse da falta de limpeza, de orde e de puntualidade, do mal que funciona a administración ou da falta de cultura dos seus paisanos. Porén, os que veñen de Venezuela láianse da frialdade da xente, da dificultade para falar ou da falta de confianza. Os autores do libro explican un caso real dunha persoa, que estivera emigrada en Suíza, que foi quen de adaptarse con éxito converténdose nun dos membros máis activos dun colectivo veciñal: “Os seus coñecementos profesionais foron gabados e utilizados para beneficio da comunidade. En consultas posteriores, protesta pola falta de participación social nestas iniciativas, comparando esta situación coa realidade suíza”.

García-Caballero e Area Carracedo explican que a emigración favorece a creación dunha identidade allea á nacenza, na que o individuo é por primeira vez axente da súa propia historia. No retorno, en moitos casos, o contorno fai renunciar ao emigrante a esa nova identidade. Á volta resulta obrigado facer balance. En moitos casos o balance é negativo por desencontros cos fillos: “Os emigrantes saíron cun tempo de razón ilustrada (marcharon para mellorar, para progresar) e cando retornan atopan o tempo dos fillos, postmoderno e escáptico. As dúas narrativas que aquí se confrontan son o modelo sacrificial (dos retornados) e o modelo do abandono (dos fillos)”. É dicir, que mentres eles consideran que fixeron un esforzo moi grande para mellorar a súa vida e sobre todo o de seus fillos, estes o que interpretan é que durante anos foron privados de seus país, téndose que criar con avós, provocando un conflito pais-fillos.

Os autores conclúen que “o retorno é un fenómeno silandeiro” e reclaman que non debe ser así: “o debate sobre a emigración e o retorno debe saír das cociñas e das consultas, as historias de vida deben pasar a estar presentes nas escolas, nas asociacións, nos concellos. Temos que escoitar abertamente, porque a carón de nós hai xente que fala con acento de Berna ou de Bos Aires, xente que aprendeu moitas cousas importantes para este país e que merecen que o aproveitemos”. Os autores argumentan que gústenos ou non, a emigración e o retorno son uns dos marcos da nosa identidade, dunha identidade que debemos aceptar para poder transformala nos cantos que menos nos gusten: “Os cambios teñen que ser guiados por estratexias, e entre elas as que máis posibilidades teñen de permitir un cambio non son nin a negación nin a confrontación nin a transformación bucólica. Con todo, as tres foron as máis empregadas. Mentres a familia confrontou, a sociedade e a elites intelectuais negaron e as institucións transformaron bucolicamente a realidade que enxergabamos”.