Posts Tagged ‘homenaxe’

O Padroado da Cultura Galega homenaxea a Manuel Saa

Venres, Novembro 12th, 2010

O Padroado da Cultura Galega celebrou o seu 46 aniversario nunha cerimonia no Centro Ourensán de Montevideo, entregando a Vieira de Prata ao emigrante ourensán Manuel Saa, odontólogo e antigo presidente da institución. Así mesmo, militou no Partido Socialista de Uruguai e no Bloque Nacionalista Galego, do que aínda hoxe é o portavoz en Montevideo.

Saa lembrou o seu primeiro acto patriótico galego en 1983 cando viaxou a Bos Aires con outros directivos do Padroado da Cultura Galega, para despedir os restos de Alfonso Castelao que serían repatriados á súa terra. Lembrou tamén as palabras de Eduardo Galeano na súa obra maxistral de ‘Las venas abiertas de América Latina’, nas que di que “a causa nacional latinoamericana é, ante todo, unha causa social: para que América Latina poida nacer de novo, haberá que empezar por derrubar aos seus donos, país por país. Ábrense tempos de rebelión e de cambio. Hai quen cren que o destino descansa nos xeonllos dos deuses, pero a verdade é que traballa, como un desafío candente, sobre a conciencia dos homes”.

Emocionada homenaxe a Maruxa Boga

Venres, Novembro 12th, 2010

Anna Terrón, secretaria de Estado de Inmigración e Emigración, entregou a Medalla de Ouro da Emigración, con carácter póstumo, a Maruxa Boga polo seu labor a favor da cidadanía no exterior e destacou a traxectoria desta recoñecida actriz e xornalista, filla de pais galegos, que se converteuse na voz da emigración en Arxentina. Recolleu a distinción Dores Rial, que foi unha das súas amigas máis próximas durante varias décadas, e que recoñeceu tamén que “para min foi coñecer Galicia a través dela. Eu saín dunha aldea de Galicia, e que podía saber eu o que sucedía alí? Foi a través dela que coñecín a Galicia da emigración, a Galicia que sufría, a Galicia dos mortos”.

Maruxa Boga naceu en Arxentina, en 1915. Filla de galegos, converteuse moi pronto na voz dos que emigraron a Arxentina. Os seus pais naturais de Galicia emigraron na época do exilio. Foi actriz, xornalista e promotora da cultura galega. Comezou a súa traxectoria como condutora do programa de radio Galicia, que dirixía Marxa Vilanueva.

No ano 45 xunto a Tacholas (Fernando Igrexas) e ao seu marido, Alfredo Aróstegui, conduciu o programa radial Lembrando a Galicia, que se estableceu como baluarte da cultura e as tradicións galegas en Bos Aires. Polo programa pasaron persoas como Eduardo Blanco Amor, Ramón Suárez Picallo e Alfonso Rodríguez Castelao. Máis tarde, fundou a compañía de Teatro Tacholas Boga, que se dedicou a representar comedias, moitas delas de temática galega. Terrón destacou, así mesmo, que Maruxa Boga, ao longo da súa vida, “defendeu contra vento e marea os valores democráticos, sobre todo durante a época do franquismo”. “Sentía unha forte vinculación coa causa republicana e presumía da súa condición de filla de galegos”, agregou.