Posts Tagged ‘escultor’

Falece en Montevideo o escultor Eduardo Martínez ‘O Cañotas’

Venres, Novembro 12th, 2010

Eduardo Martínez naceu na parroquia de Argalo, no concello de Noia, o 15 de xuño de 1926 e casou con Ramona Branco, orixinaria de Santa Cristina de Barro, coa que tivo dous fillos, Concepción e Camilo, emigrando en 1951 a Río de Janeiro, aínda que dous anos despois entrou en Uruguai de maneira ilegal, regularizando a súa situación en 1955, momento no que puido afincarse a súa familia no país austral. Traballou durante 35 anos como carpinteiro na empresa de Juan Carlos Nogués, fillo dun galego de Vigo.

Recoñecido como un xeneroso home de traballo e solidario dentro da colectividade galega de Montevideo, tamén lle puxo ese sinal á súa carreira de escultor e escritor autodidacta que iniciou alá por 1988, cando se xubilou. Esculpiu 40 tallas que doou a institucións galegas e españolas, tanto en Uruguai como en Galicia. Afirmaba que “a miña intención como escultor non é crear obras de arte, senón por unha banda renderlle homenaxe a moitas persoas da cultura e da política galega ás que coñecín, vivindo en Uruguai. E doutra banda, espertar o interese dos meus paisanos, para que se instrúan”, aseguraba hai un par de anos nunha reportaxe. O Padroado da Cultura Galega outorgoulle a Vieira de Prata no ano 2005 e moitas institucións rendéronlle homenaxes nos últimos anos.

Explicaba tamén de onde xurdía o seu alcume, O Cañotas, que viña de cando era pequeno e un veciño estaba a tirarlle das orellas para que lle dixese quen eran os que lle roubaron na horta, e a esposa do veciño pediulle que non lle tirase das orellas, “non ves que é duro coma o Cañotas”.

Cañotas morreu o sábado 23 de outubro na súa casa de Cidade da Prata, próxima a Montevideo. A mellor definición da súa vida deulla ao xornalista Armando Olveira no libro Galicia en Uruguai: “son destro para traballar, ambidestro diría, pero son zurdo para pensar, medio anarquista de ideas, admiro a Castelao e a Antón Avilés de Taramancos, o gran escritor coruñés que leo cada día da miña vida”.