Posts Tagged ‘entrevista’

Casdeiro: “A única conexión que interesa cos residentes no exterior é a que dá votos, é unha vergonza”

Mércores, Xaneiro 5th, 2011

Casdeiro leva traballado tanto tempo e con tanta intensidade, dedicación e amor por Fillos.org, que hai quen nalgún momento puido confundir o futuro da asociación e das redes creadas coa propia continuidade do seu traballo individual. Casdeiro xa hai tempo que non é o presidente da asociación e Fillos de Galicia (Fillos 5.0 xa) continúa adiante, quizais cunha faciana máis modesta (cando menos no que se refire á súa interface e á suspensión dalgunha das súas ferramentas), pero co mesmo obxectivo. Co mesmo obxectivo e coa forza de sete mil membros, o que o convirte, se cadra cómpre dicilo unha vez máis, no sétimo centro galego do mundo e sen dúbida o que ten un futuro máis prometedor.

CasdeiroPouca axuda recibiu Fillos e o propio Casdeiro nesta andaina de máis dunha década. Tampouco é que a filosofía de Fillos e do propio Casdeira sexa a de estar por estar nin a de estar para recibir subvención tras subvención. Todo o contrario, de feito a axuda (insuficiente) que o anterior goberno da Xunta lle achegaba era un convenio publicitario, un servizo que Fillos lle emprestaba á administración galega. Como exemplo, Casdeiro pon o nulo apoio que a asociación recibiu para levar a cabo cursos de galego online para os fillos residentes no exterior: “a Xunta prefería pagar a ducias de profesores para que fosen polo mundo a dar clase a catro alumnos cada un(ha), que apoiar un plan de e-learning moito máis económico e que podía chegar a centos ou milleiros de persoas”.

Pero os poderes públicos non souberon e non saben ver o servizo potencial que Fillos podería servir na (re)conexión coa diáspora galega espallada por todo o mundo, os galegos e fillos de galegos residenten nos cinco continentes. Non a souberon ver porque en realidade dende a Galicia administrativa nunca se soubo detectar a gran vantaxe de contar con centos de milleiros de embaixadores do país: empresarios, xornalistas, políticos, artistas… Un potencial que outros países (Italia, Irlanda, Euskadi…) si saben explotar e que Galicia desaproveita. Como di Casdeiro: “A única conexión que interesa é a que dá votos, é unha vergonza”.

Que retos enfronta Fillos neste momento?

O principal reto é a subsistencia. A mudanza que tivemos que facer foi moi importante, e grazas a Blogaliza agora temos a base para continuar, dunha maneira máis modesta, restruturada, integrada con eles… Vai ser unha etapa diferente, non necesariamente peor, aínda que perdemos algúns contidos e servizos, mais… o que é preciso agora é erguer sobre esa base, ese sustento, unha estrutura organizativa con nomes, apelidos e caras que queiran tirar para diante co proxecto. Iso é o principal: que haxa un relevo efectivo na dirección, e despois está a necesidade de recursos económicos, que grazas a termos mudado a Blogaliza e outro hosting máis modesto para os servizos secundarios, son moito menores. Pero sempre se necesita pagar algún mantemento técnico.

Que é o mellor e o peor da túa experiencia en Fillos?

O mellor sen dúbida son as amizades feitas, o saber que fixemos o que ninguén máis quería facer -nin a Xunta- pero que era preciso facer: xuntar familias, espallar a cultura, tender pontes virtuais entre as dúas Galizas: demostrar que con Internet a fenda da emigración podía pecharse en boa medida. O peor, a sensación de esgotamento que arrastro desde hai anos, o síndrome burnt-out tan común entre activistas de moitos campos… E tamén ver que non damos atopado un relevo efectivo na coordinación do proxecto nin as administracións públicas da cor que sexan, apostaron nestes xa case 14 anos por apoiar en serio o que facemos. Tamén a sensación de que non souben aproveitar o que a xente quería achegar en diversos momentos, ao proxecto. E que ao final pagaron os usuarios por todos eses problemas e carencias, organizativas, políticas e persoais.

Que representa o acordo con Blogaliza? Que vos aporta a vós? Que lle aportades a Blogaliza?

Para nós significa o futuro: cando ninguén quería tomar o relevo dos nosos proxectos, cando a Xunta do PP nos retirou o apoio económico que -malia ser insuficiente- nos daba o bipartito, e que non era ningunha subvención… iso hai que deixalo claro: estabamos ofrecéndolles un servizo de promoción online, era un convenio publicitario… pero aínda así o anterior Secretario Xeral optara por contratalo connosco e iso substituíu eficazmente á vía tradicional das subvencións, moi pouco acaida para o noso servizo online. En definitiva, cando xa non tiñamos cartos para seguir a pagar un custoso servidor, e fracasara por sorpresa a negociación con Reditegal… foron Blogaliza/Algueirada os únicos que nos deron una vía para continuar coa comunidade virtual, o miolo de Fillos. Aínda que do resto tivemos que encargarnos pola nosa conta como puidemos e salvar os trastos. En canto ao que lles achegamos nós pois terían se cadra que dicilo eles, porque cartos desde logo non ;-D Apenas imos pagar por uns pequenos servizos complementarios. Imaxino que para eles é interesante contaren con 7.000 novos membros, e abrirse á Diáspora. Supoño que o tempo será quen nos diga o que lles achegamos, aínda é cedo para velo plasmado nalgo concreto.

Cal é a complexidade de Fillos, tanto a nivel técnico, como de coordinación entre as moitas persoas implicadas no proxecto?

A complexidade actual non é a mesma que a que foi medrando durante todos estes anos. Chegamos a un punto no que a devandita complexidade, o mantemento, requiría tanta enerxía -humana e económica- que rematou por colapsar en canto esta desapareceu: eu xa non podía dedicarlle tempo, a persoa elixida para relevarme non continuou… a Xunta retirou os cartos e non podiamos nin pagar o servidor nin contratar máis técnicos. A supervivencia implicaba necesariamente un colapso controlado até acadarmos un nivel máis baixo de complexidade e xa que logo de custos. É a dinámica de calquera sistema complexo nun caso semellante. Nós tivemos a sorte de ter un sistema amigo, con máis enerxía, que permitiu a integración. Agora está por ver como iso vai afectar á coordinación a nivel humano, pero grazas ao traballo feito por Martín Vázquez o ano pasado, tiñamos un motor social case 100% compatible co de Blogaliza e por iso para os membros a continuidade debería ser doada. A partir de aí, é abrir un camiño novo, da man do resto de usuarios de Blogaliza, espero.

Algún proxecto de futuro en mente? Ou vello proxecto que cumpriría recuperar?

Eu xa non son quen ten que liderar máis proxectos en Fillos: xa hai tempo que non estou ao cargo desas funcións. A miña etapa de coordinador xa rematou, non sen tempo! e agora tócalle a outros idear e poñer en marcha proxectos. Posiblemente o Atopadoiro sexa un deles, xa que o noso actual presidente é o encargado deste servizo e é unha persoa que fai un traballo valiosísimo e que merece atopar un apoio suficiente, aínda que non sei como, porque require cartos pagar o hosting, o mantemento técnico, etc. Por desgraza moitos dos proxectos secundarios que naceron no cénit de Fillos, nos anos nos que tiñamos xente, enerxía, algo de cartos… penso que están a se perder neste colapso, na transición. Se cadra ata que nazan novos proxectos será preciso un tempo de reconfiguración e reprantexamento de moitas cousas internamente. Precisamente nese punto estamos na asociación, de debater e ver que ideas teñen os socios para o futuro.

Que representa a perda do batepapo? Nótase? Hai quen o bota de menos?

Uf, pois non che sei. Imaxino que si, que moita xente o acha de menos, pero penso que a Rolda é algo máis notorio a nivel interno: eran milleiros de persoas inscritas e agora ficaron un tanto incomunicadas. O problema de Fillos era moitas veces que os que usaban unha vía de contacto co resto de membros non usaban a outra. Os que as usabamos todas (Taboleiro, Rolda, Batepapo…) pois notamos menos cando hai interrupcións nalgún servizo, pero hai moita xente da vella escola que só usaba a lista de correo e eses serán os que agora estean máis desligados. Hai todo un traballo que facer para recuperar o dinamismo da comunicación entre membros.

Cal é a importancia da lingua galega no proxecto de Fillos, sobre todo en base a experiencias concretas que tivestes? Ocórreseche algún proxecto que cumpriría desenvolver relacionado con isto?

Pois é fulcral. Fillos non se pode entender sen a lingua galega, é un dos motivos polos que naceu. Cumpriría na miña opinión desenvolver todo o que ten que ver coa recuperación da lingua na Diáspora. Aí nunca tivemos o apoio da Xunta: preferían pagar a ducias de profesores para que fosen polo mundo a dar clase a catro alumnos cada un(ha), que apoiar un plan de e-learning moito máis económico e que podía chegar a centos ou milleiros de persoas. Así que aí seguimos ancorados nun precario voluntarismo de aprendizaxe mutua, mentres se desbalden os cartos públicos dunha maneira sumamente ineficiente e nada acaída aos novos tempos.

En que medida até o momento se aproveitaron as posibilidades de Internet e as novas tecnoloxías en xeral para poñer en conexión aos galegos que residen fóra cos que o fan no territorio de Galicia?

Practicamente en nada. A única conexión que interesa é a que dá votos, é unha vergonza. Así nos vai. Polo menos esa é a miña experiencia desde Fillos. Os únicos que fixemos algo fomos os propios galegos da Diáspora e algúns galiciáns (galegos de Galiza) concienciados e solidarizados cos de fóra.

Que nivel de preocupación teñen os medios de comunicación galegos sobre este tema?

Ben pouco, penso eu. Polo menos os máis fortes. Só aparece a Diáspora cando se fala do voto emigrante, pero moi poucas veces nos dan a voz. Polo demais, como se non existíramos. Haiche excepcións, pero… o que fai falta é que a Diáspora teña a súa propia voz, algo que tentamos con PlanetaGalego.info pero que está visto que non puidemos nin comezar a artellar. E non estaría de mais unha sección permanente en todos os xornais, TV, radios e medios online, dedicada a informar sobre a actualidade da Diáspora.

Percíbese en Galicia o potencial económico, cultural e lingüístico dos millóns de galegos repartidos por todo o mundo, eses embaixadores de luxo?

Moitas veces non. Pero é só parte do inmenso descoñecemento que hai da Galiza exterior. E que conste que á inversa tamén existe: hai moitos galegos e descendentes que teñen unha visión distorsionada do que é a Galiza territorial, pero iso é culpa dos medios e dos gobernos, que transmiten imaxes interesadas para os manipularen.

Desapareceron Vieiros e GZNación, Chuza e Fillos resistiron aínda que houbo momentos no que mesmo se temeu pola súa desaparición. Cal é o problema de Internet en Galicia neste momento? Por que custa tanto que os proxectos vaian adiante?

Non o teño analizado como debería para contestarche a isto, pero coido que houbo bastante de mala xestión en canto á dependencia excesiva de poucas fontes de financiamento… Coido que se pecou de amateurismo en certos casos e que non se diversificaron fontes, algo básico en calquera empresa ou organización para resistir problemas. Se es demasiado dependente dunha fonte de enerxía, en canto esta desaparece, non tes maneira de manter a complexidade e crecemento orgánico que puxeches en marcha nos tempos de abundancia. Eu agora ando moi metido en cuestións enerxéticas, de resiliencia, co do Teito do petróleo e o seu impacto no sistema civilizacional industrial, e iso estame a servir para entender moitas cousas que pasan. Deberiamos aprender moito da ecoloxía. Como ben di Goretoxo, ao fin e ao cabo, administramos leiras, por moi virtuais que sexan.

Como ves a eliminación do dereito de voto nas eleccións municipais para os non residentes?

É algo que xa tiñamos recollido en diversos manifestos políticos que espallou Fillos. Agora estase a falar do bombardeo de emails aos deputados pero este tipo de ciberaccións xa as faciamos nós hai anos en defensa do dereito a voto e á nacionalidade. Pero volvendo a esta reforma concreta, a municipal é a única instancia electoral na que admitiamos que non tiña demasiado sentido o voto dos non residentes, aínda que hai xente na asociación e na comunidade virtual que tampouco aí quería dar nin un paso atrás nos dereitos políticos da Diáspora.

Crisanto, presidente da A.C. Fillos de Galicia: “O reto de Fillos neste momento é a súa continuidade”

Mércores, Xaneiro 5th, 2011

Crisanto, presidente de FillosFernando Afonso, Crisanto, é o novo presidente da Asociación Fillos de Galicia dende hai uns meses. Ten o reto de continuar o labor realizado pola asociación, agora xa baixo o paraugas de Blogaliza. Crisanto foi nos últimos anos unha das persoas que máis traballou nas actividades da rede de Fillos.org. Seu é unha boa parte do mérito do éxito do Atopadoiro (unha ferramenta que permitiu o reencontro de case un cento de familias espalladas polo mundo) e súas tamén foron algunhas iniciativas para que Fillos servise como vehículo de reconexión coa lingua e cultura galegas dos residentes no exterior, entre elas un curso de galego online, do que xa se realizaron dúas edicións.

Que retos enfronta Fillos neste momento, en xeral como asociación, e ti como presidente en concreto?

Os retos de Fillos nestes momentos son os da súa continuidade como proxecto, dada a baixa participación e os poucos socios que temos. Na perspectiva está tamén que Casdeiro, animador e creador de fillos, non pode dedicar máis tempo a Fillos.

Que representa a perda do batepapo (o chat do portal Fillos.org)? Nótase? Hai quen o bota de menos?

O batepapo daba moita vida a Fillos. Ti entrabas e case sempre había alguén conectado e podías botar unha parolada con el; agora iso acabouse. Eu sei que hai xente na Arxentina que o bota de menos. Non sei se será posible, pero hai que ver a maneira de volvelo pór a funcionar de novo. Coido que unha boa fórmula sería que aparecese na páxina de Fillos quen está conectado nese momento e picando no seu nome se puidese derivar a un programa de ‘chat’ para poder parolar con ese ou máis membros. Habería que estudar a posibilidade, pero o Batepapo era un xeito de animar Fillos.

Como vai ser a xestión e o funcionamento do atopadoiro?

Teño problemas de configuración para recibir o correo do Atopadoiro dende o 12 de setembro. As peticións de reencontros que chegaron ata esa data están todas metidas na base de datos, pero o que daba resultado era a procura activa que facía eu a través do teléfono, sempre que na petición daban datos abondo para facela posible. Eu traballo nas procuras dende aquí, pero quería organizar estas procuras dende cada país da diáspora. Non sei coma van alá as comunicacións por teléfono, se hai tarifas planas a nivel estatal ou se hai que pagar por cada chamada que se faga.

Como ves a eliminación do dereito de voto nas eleccións municipais para os non residentes?

Eu, e isto é unha opinión persoal, son partidario de eliminar o dereito de voto nas municipais. Eu como residente fóra de Galicia pero dentro do Estado e con intereses no meu concello non teño a posibilidade de votar os representantes do Concello. É lóxico, pois eu non resido nel, así que tampouco sería lóxico que alguén que reside na diáspora poida votar nos comicios municipais nun concello onde non reside. Sobre outras trabas que se están a poñer nas eleccións xerais habería que estudalas independentemente unha por unha; o que hai que evitar é a manipulación dos votos dos emigrantes por parte dos partidos políticos.

Tedes en mente algún proxecto relacionado coa lingua, algún curso de galego online, por exemplo?

A nivel persoal teño en mente volver dar outro curso de galego online, que sería o terceiro, pero temos que asentar ben primeiro o funcionamento de Fillos 5.0 antes de pólo en marcha. Teño que amañar o do correo que uso no curso de galego que só recibe correo pero non envía, e logo comunicarlles ós membros o inicio do curso para que se vaian apuntando. Solucionado isto non hai máis problema.

Goretoxo: “O acordo Fillos-Blogaliza é un achegamento entre dúas virtualidades de Galicia”

Mércores, Xaneiro 5th, 2011

O 17 de agosto a empresa Algueirada, responsable do servizo de blogs en galego Blogaliza anunciaba o acordo ao que chegara con Fillos de Galicia para a integración da maior comunidade online da diáspora. Asegurábase a supervivencia do proxecto de Fillos que, a cambio, achegáballe a Blogaliza unha comunidade numerosa (case sete mil internautas) espallada por todo o planeta.

Pedro Silva, (a) GoretoxoPedro Silva (Goretoxo) creou Blogaliza en 2003, que dende o comezo se converteu na referencia do blogomillo, da blogosfera galega. A partir de 2008 a xestión corresponde á empresa Algeuirada, formada polo propio Goretoxo, Tati Mancebo e Alfredo Ferreiro. Neste ano 2010 Blogaliza foi a gañadora do primeiro premio Rosalía de Castro, concedido pola Deputación da Coruña a persoas, empresas, entidades ou asociacións que axuden a impulsar a presenza do galego. Para Goretoxo, o acordo entre Blogaliza e Fillos supón grandes vantaxes para os dous pero ademais representa “un achegamento entre dúas virtualidades de Galicia: a dos blogs e a da diáspora, que teñen máis en común do que normalmente nos paramos a pensar, e é, ademais, a demostración práctica de que é posible colaborar, é bo empregar recursos en común”. Goretoxo cre que “todo o que se fai na Galicia territorial é perfectamente consumible, adoptable e reutilizable tanto polos habitantes dese territorio que teñen o galego como lingua de vida, como polos que hai espallados polo mundo enteiro”, sen acreditar en que teña que haber espazos separados.

Finalmente, Goretoxo amósame optimista sobre o estado das iniciativas e proxectos que dende Galicia empregan a Rede como escenario e ferramenta de difusión e creación: “o número de blogues segue crecendo, temos máis plataformas comerciais na nosa lingua e contamos cunha comunidade de tradución forte e madura”.

Cal é a complexidade de Fillos, tanto a nivel técnico, como de coordinación entre as moitas persoas implicadas no proxecto?

Despois de moitos anos de actividade, Fillos chegou a desenvolver unha gran cantidade de subproxectos ao redor da súa web, polo que chegou a ter unha certa complexidade técnica. O ano pasado abordaron unha migración a unha plataforma que lles permitira unificar infraestruturas e optaron por unha solución semellante á que temos en Blogaliza, baseada en WordPress. Finalmente este ano entraron a formar parte de Blogaliza, como grupo de usuarios o que lles permite despreocuparse do mantemento e a atención aos sistemas.

Que significa para Blogaliza este acordo?

Supón, en primeiro lugar, a entrada de case 10.000 usuarios no sistema, o que case duplica o número de usuarios totais. Tamén un achegamento entre dúas virtualidades de Galicia: a dos blogs e a da diáspora, que teñen máis en común do que normalmente nos paramos a pensar. E, ademais, a demostración práctica de que é posible colaborar, é bo empregar recursos en común.

Que lle achega Blogaliza a Fillos?

Basicamente infraestrutura tecnolóxica, servidores, copias de seguridade, conectividade. Tamén un novo contexto de relación: ao lado dos habitantes desa diáspora telemática pódense atopar calquera outro habitante de Blogaliza.

Que proxectos dirixidos á diáspora che gustaría poñer en marcha, habendo medios e non?

Persoalmente sonche bastante contrario a pensar que hai un consumidor de produtos culturais no pais e outro na diáspora. Mais ben penso que, alén do lugar de residencia, existe unha comunidade cultural, unha koiné. Contando con esta premisa, penso que todo o que se fai na Galicia territorial é perfectamente consumible, adoptable e reutilizable tanto polos habitantes dese territorio que teñen o galego como lingua de vida, como polos que hai espallados polo mundo enteiro. Sobre propostas concretas, non che sei, pero teño claro que o potencial está nas persoas: se os galegofalantes poden ter acceso a ferramentas na súa lingua, se poden crear contidos na súa lingua, habemos ter futuro.

Cal é a importancia da lingua galega no proxecto de Fillos?

Citando autoridade: “se aínda somos galegos é por obra da lingua”. Toda, penso.

Ocórreseche algún proxecto que cumpriría desenvolver relacionado con isto?

Supoño que a difusión é básica, e tamén o sería unha certa curiosidade pola lusofonía, imaxino.

En que medida até o momento se aproveitaron as posibilidades de Internet e as novas tecnoloxías en xeral para poñer en conexión aos galegos que residen fóra cos que o fan no territorio de Galicia?

Penso que en moita medida: O Skype transoceánico substituíu ás cartas en papel. E hai ben de tempo. Aparte diso, os procedementos democráticos de fillos, baseados no emprego de recursos telemáticos sinxelos, parécenme brillantes.

Que nivel de preocupación teñen os medios de comunicación galegos sobre este tema?

O papel dos medios de comunicación esta a mudar. As comunidades culturais na rede están a reutilizar as canles previas na medida do posible, pero cando non atopan cobertura, ábrense ás ferramentas novas: os blogues, os sistemas de intercambio de mensaxes, están a servir de vehículo.

Percíbese en Galicia o potencial económico, cultural e lingüístico dos millóns de galegos repartidos por todo o mundo, eses embaixadores de luxo?

Penso que non. Esta idea de comunidade global, que de feito xa existe, atopa cunha estrema opacidade nos mediadores da comunicación. Posiblemente do momento de cambio non só van xurdir novos medios, senón que tamén se teñan que redefinir conceptos como “opinión pública”.

Desapareceron Vieiros e GZNación, Chuza e Fillos resistiron aínda que houbo momentos no que mesmo se temeu pola súa desaparición. Cal é o problema de Internet en Galicia neste momento? Por que custa tanto que os proxectos vaian adiante?

Son ciclos de vida, penso eu. O caso de Vieiros foi meritorio por moitos anos. De feito non se pode dicir que non fora adiante, porque funcionou, e moi ben, durante moitos anos. Os outros, como vemos, adaptáronse, evolucionaron e fixéronse máis lixeiros, menos dependentes dos impulsores iniciais, e máis sostidos por unha colectividade. É a mesma evolución de Blogaliza, que pasou de ser un proxecto persoal, a un alcouve de proxectos empresariais. Pasa o tempo, e os proxectos cambian. Polo demais, non creo que a rede galega estea nun momento malo, mais ben o contrario: o número de blogues segue crecendo, temos máis plataformas comerciais na nosa lingua, contamos (xa no ámbito extenso das tecnoloxías da información) cunha comunidade de tradución forte e madura, que foi quen de presentar, por exemplo, a última versión de Ubuntu ao 100% en galego. Precisamos cambios de paradigma: deixar de usar software privativo, deixar de consumir mainstream, sermos críticos, sermos activos. Vexo un futuro cheo de oportunidades.