Posts Tagged ‘centenario’

Presentan en Bos Aires un libro sobre as entidades de emigrantes de Vedra

Venres, Novembro 12th, 2010

Dentro dos actos de celebración do centenario da Sociedade Parroquial de Vedra, o pasado 28 de setembro presentouse no Club Español de Bos Aires o libro Proceso migratorio e sociedades de emigrantes en Vedra. O camiño cara a modernidade, do historiador Xurxo Cerdeira.

A obra céntrase en explicar as causas que motivaron a miles de vedrenses a deixar a súa terra en procura dun futuro mellor. O repaso iníciase cos primeiros emigrantes, que a finais do século XVII se trasladaron a Castela e posteriormente a Cádiz, e a corrente seguinte, que desde o século XVIII elixiu os países de Latinoamérica como destino. A comezos do século XX xa había unha masa crítica de vedrenses en Buenos Aires que viron a necesidade de asociarse e crearon un sistema de mutualidade que protexía tanto aos asociados da institución como aos seus veciños en xeral. Tamén fomentaron o ensino en Galicia a través da construción de escolas.

O autor salientou que en Galicia, e en Vedra en particular, non é tan coñecida a importancia do movemento asociativo emigrante, particularmente entre as novas xeracións. “Hai mozos que non saben que os edificios, as pontes e os camiños polos que transitan se construíron grazas á achega de quen estaban fóra. Este libro é unha celebración da emigración, traendo á actualidade estes temas para que non se esqueza o legado destas sociedades de emigrantes”.

Canda á publicación do libro, o Concello de Vedra está a organizar en Galicia unha serie de actividades de conmemoración do nacemento das sociedades americanas. Por exemplo, unha exposición sobre a emigración con orixe no concello chamada Para saber de nós. Ou unha completa páxina web con fotografías, historias persoais e mesmo gravacións coas experiencias do vedrenses que tiveron que deixar a súa terra.