Posts Tagged ‘bos aires’

‘Follas Novas’: A mellor obra de Neira Vilas non é un libro

Venres, Novembro 5th, 2010

En Gres, á beira do Río Ulla, ano 2010; en Bos Aires, calle Asunción 3035, ano 1957. Hai dous elos que fan coherente e exacto unir dous momentos e dous espazo tan distantes. Un é o suxeito, dobre: son Xosé Neira Vilas e Anisia Mirada. O outro é o obxecto, o propósito: a difusión da cultura galega. En 1957 nacía en Bos Aires a editorial e “feira permanente do libro galego” Follas Novas.

Bos Aires nos anos 50 era a primeira cidade de Galicia. Érao en poboación, pois en ningunha outra cidade do mundo vivían máis galegos, e érao a súa alma e vontade de ser galega. A nosa cultura brillaba na outra beira do océano Atlántico: Seoane, Dieste, Lorenzo Varela, Arturo Cuadrado, Blanco Amor… Durante o Primeiro Congreso da Emigración Galega en América, celebrado en Bos Aires en xullo de 1956, falouse moito da necesidade de difundir a nosa cultura. Xa se estaba a facer a través de revistas, actos e conferencias, e mesmo por medio de programas de radio, teatro e editoriais, mais non no terreo da distribución de libros, tanto os que se publicaban en Galicia como os que vían a luz en América. En Galicia estaba Galaxia, pero os libros que editaba aínda eran poucos e chegaban a América con retraso e dificultades. De aí a idea de Neira Vilas e Anisia de crear un centro distribuidor, unha librería galega para todo o continente.

Os mozos galeguistas que vivían en Bos Aires nos anos 50 non eran unha multitude, mais eran activos, moito. Agrupábanse, sobre todo, nas Mocedades Galeguistas, fundadas en 1953, organizaban actos diversos e tiñan a lingua como emblema e signo da súa identidade galega. Un exemplo desa actividade foi o reparto polas rúas de mileiros de copias da denuncia que as sociedades galegas realizaran ante a Asemblea Internacional da Unesco, reunida en Montevideo en 1954, da persecución da que era vítima a lingua galega na ditadura franquista. Os rapaces repartían tamén o artigo El idioma prohibido, de Francisco Luís Bernárdez. As súas reivindicacións dos dereitos políticos e da cultura galega eran continuos. Os bonaerenses ollaban estes rapaces con certa estrañeza: as reivindicacións políticas dun recuncho do Estado Español ficaban lonxe, e a existencia dunha cultura gallega (gallega de Galicia, non como xentilicio común a todos os emigrados/exiliados españois) era moi descoñecida. Pero os mozos galeguistas eran incansables. A súa defensa de Galicia era moito máis ca unha actividade, era unha forma de vida: o seu comportamento debía ser sempre un exemplo, o mesmo que o seu aspecto e vestimenta, así coma os seus hábitos. “Cando iamos no autobús ou no subte levabamos sempre dous libros, sempre en galego. Iamos lendo un, todo o tempo, e o outro levabámolo nas pernas. E se preguntaban: ¿en que lengua lee usted?, respondiamos En galego, e despois lles dabamos un discurso sobre a cultura e a lingua galegas”. Así fala Neira Vilas.

Buenos Aires e Gres. Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda. En febreiro de 1957 casaron en Arxentina, el con 28 anos e ela con 24. E decidiron que o que en principio ía ser unha libraría na Avenida Constituyentes sería finalmente unha editorial e “feira permanente”, dedicada exclusivamente aos libros galegos, e que ademais se instalaría na súa propia casa, en Asunción 3035. Acababa de nacer Follas Novas.

A libraría-editorial inaugurouse o 15 de xullo dese ano, aniversario do pasamento de Rosalía. Na inauguración, coa presenza moi numerosa de amigos, así como da prensa arxentina, falaron eles dous, expoñendo aquel proxecto, e exerceu de “pregoeiro” o xornalista e ex deputado Ramón Suárez Picallo, cun fermoso discurso.

Os primeiros fondos estaban compostos por obras galegas publicadas en BosAires, con selos editoriais de Emecé, Nova, Botella al Mar, Ánxel Casal, Nós, Alborada (da Federación de Sociedades Galegas) e As Burgas e Lérez (dos centros ourensán e pontevedrés). Despois comezaron a chegar obras editadas en Galicia, por exemplo todas as publicadas por Galaxia, ademais de Porto, Bibliófilos Gallegos e Monterrei, e tamén libros procedentes de Madrid, Barcelona, París, México, Uruguai… Neira e Anisia crearon un sistema de información postal de novidades, así coma unha rede de colaboradores en Rosario, Mar del Plata, Santa Fe, Santiago de Chile, Montevideo, Nova York e Caracas. Ademais, as editoriais Galaxia e Bibliófilos Gallegos encomendáronlles a súa representación na Arxentina.

Pero Follas Novas era moito máis ca unha libraría. Os mozos emigrantes, así como algúns arxentinos de ascendencia galega, participaban cada vez con máis asiduidade nas reunións e debates sobre temas de cultura galega que se realizaban os sábados. Así mesmo, instaláronse oito vitrinas noutras tantas importantes sociedades galegas, como mostrarios bibliográficos que se renovaban cada quince días. Editáronse catálogos e organizáronse tres significativas exposicións do libro galego contemporáneo. A primeira levouse a cabo na sala de arte do Centro Lucense de Bos Aires en 1958.; Seoane colaborou no catálogo e nunha achega complementaria de gravados, que se utilizaran en cubertas de libros. Meses despois montouse unha instalación similar no Patronato da Cultura Galega de Montevideo. E por último outra do mesmo carácter tivo lugar en Caracas, organizada pola Hermandad Gallega, acto no que tomaron parte o profesor Emilio González López e a poeta Pura Vázquez. Así mesmo, no Centro Lucense presentouse unha mostra orixinal: a primeira exposición do Periodismo Galego na Arxentina, tamén organizada por Follas Novas.

O 10 de outubro de 1959 Neira e Anisia propuxéronlles aos mozos porteños que asistían aos debates dos sábados de Follas Novas crear unha Asociación Arxentina de Fillos de Galegos, e de inmediato quedou constituída unha comisión xestora. A asociación tivo unha longa e frutífera existencia (unha revista, campamentos de estudantes na Patagonia, cursos de galego, visitas a Galicia…). Era a única entidade do tipo no país. Así mesmo, por vez primeira emitíronse comentarios de libros galegos na radio arxentina. Neira e Anisia escribían os textos, que eran lidos por Elsa Fernández, moza porteña de pais galegos.

En 1959 chegou a Bos Aires Ramón Otero Pedrayo, convidado polo Centro Galego para asistir a unhas xornadas que se celebraron o día de Galicia. Ademais, Follas Novas ofreceulle unha homenaxe no Centro Lucense. Ademais de Neira e Anisia, tomaron parte no acto Alonso Ríos, Suárez Picallo, Rafael Dieste, Ramón de Valenzuela, Víctor Luis Molinari e Xosé Blanco Amor, e entre outras personalidades estiveron presentes Seoane, Lorenzo Varela, Antonio Baltar, Emilio Pita… Para esta homenaxe recibíronse adhesións da maior parte das asociacións galegas de América, encabezadas polas da Unidade Galega de Nova York e a Casa Galicia de Caracas, e mesmo chegou unha carta de felicitación dende Xacarta, en Indonesia. Dende Galicia recibíronse misivas colectivas, como a asinada por Ramón Cabanillas, Manuel Gómez Román, Francisco Fernández del Riego, Ricardo Carvalho Calero, Domingo García Sabell, Fermín F. Penzol, Ramón Piñeiro, Xesús Ferro Couselo, Celestino Fernández de la Vega, Ánxel Fole, Xaime Isla Couto, Franco Grande, López Nogueira, González Salgado, Méndez Ferrín, Xohana Torres ou Xohan Ledo. Ou a enviada polos “Brais Pinto” dende Madrid: Bernardino Graña, Reimundo Patiño, Xosé Fernández Ferreiro, Ramón Lourenzo, Blanco Losada, Bautista Álvarez ou, de novo, Méndez Ferrín, que se adheriron ao recoñecemento “con cariño e admiración ao cantor e mensaxeiro da nosa terra”. Finalmente, recibíronse outras cartas, tan sorprendentes coma a da actriz María Casares, que en galego escribiu: “Pra Follas Novas, un recordo cheo de agarimo”. Montouse, ademais, unha exposición con toda a obra do gran polígrafo e narrador, que agradeceu a homenaxe; falou da Galicia atafegada e do pulo da emigración “onde se sente o fervor da patria nunha constante e creadora afirmación da propia identidade”.

Días despois, Otero Pedrayo visitou a sede de Follas Novas con Fita e con Virxinia de Castelao. Foi recibido por mozos e mozas galeguistas. Dedicou exemplares da súa obra e falou dos seus anos de estudante, das súas inquedanzas patrióticas e do significado da difusión do libro galego no Novo Mundo. Ademais de Otero Pedrayo, a sede de Follas Novas ten sido visitada por Laxeiro, María Casares, Luís Seoane, Rafael Dieste, Nicolás Guillén, Machado da Rosa, Díaz Pardo, Emilio Pita, Lorenzo Varela, Arturo Cuadrado, Blanco Amor, Leandro Pita Romero, Alonso Ríos, Sánchez Guisande, Antonio Baltar, Rodolfo Prada, Mosqueira Manso, Xosé Ruibal, Marcos de Abeleda, Xosé Conde…

En 1958 Neira Vilas e Anisia Miranda viron cumprido un dos seus grandes obxectivos: Follas Novas converteuse en editorial, pequena, pero fértil. A primeira obra publicada foi Itinerario Galego, de Víctor Luis Molinari (con prólogo de Suárez Picallo, cuberta de Laxeiro e tradución de Neira Vilas); e logo virían Esta es Cuba, hermano, de Anisia Miranda; Dende lonxe e Memorias dun neno labrego, de Neira Vilas; e Terra aluciada, de Xosé Conde. Existía tamén o proxecto de reeditar o Sempre en Galiza de Castelao, que finalmente non puido ser , por non acabar de definirse a inclusión dos capítulos inéditos. Follas Novas enviou clandestinamente a Galicia moitos dos exemplares remanentes da primeira edición; os últimos que quedaban trasladáronllos á distribuidora Atlante, de México, con sucursal en Bos Aires, que contaba con medios eficaces para remitir a España diversas obras de literatura “subversiva”.

A marxe de ganancias obtida cada mes por Follas Novas destinábase a doar coleccións de libros a institucións e bibliotecas públicas para difundir a presenza da cultura galega en Arxentina. Como afirma Neira Vilas, “a nosa laboura tiña un definido sentido patriótico, non mercantil”. Foi un traballo intenso e eficaz, ao que Neira e Anisia, dedicaron longas horas. Lamentan que non puidese cristalizar un dos seus proxectos: a revista Letras Galegas, para a que contaban con apoios de entidades e persoas de Bos Aires e Montevideo. O proxecto non foi adiante porque Neira e Anisia decidiron deixar a Arxentina.

Porque Follas Novas era unha revolución. Pero en Cuba estábase producindo outra, e había que vivila. “Doíanos interromper o labor de Follas Novas, pero ao mesmo tempo facíasenos moi atractivo vivir a experiencia dun país en revolución; un país do noso ámbito cultural, a onde tiñan emigrado tantos galegos. Queriamos participar, con todos os riscos e incomodidades previsibles, naquel histórico proceso”. Elsa Fernández mantivo aceso o soño de Follas Novas entre 1961 e 1964. Pero faleceu, moi nova, nese ano 1964. No fondo, gran parte da vitalidade cultural e política galega no Río da Prata comezaba a esmorecer. Galicia afastábase, pero ao tempo, en Galicia, neses anos sesenta, algo comezaba a moverse, moi de vagar comezaba a alumear unha nova esperanza.

A vida é un río. Ou son dous, o da Prata e o Ulla. Bos Aires, 1957. Gres, 2010. A mesma persoa, o mesmo propósito. A Fundación Neira Vilas é unha iniciativa pioneira (se non é única) no rural galego. Cos seus 8.600 volumes, un museo etnográfico, unha sala de exposicións e concertos, concursos literarios para nenos, a súa vizosa actividade cultural, as súas representacións teatrais para os veciños… ¿Que ten que ver cunha librería galega, unha “feira” de libros aberta no exilio 50 anos antes? Muda o contexto, o espazo, o momento, mais o obxectivo é o mesmo: difundir a cultura, a cultura galega. Mais nada, a cambio de nada máis. Como dixo Seoane, en cada actividade cultural que se celebraba en Arxentina, Neira Vilas e Anisia Miranda presentábanse cun tenderete para vender libros galegos, “perdendo cartos e recobrando vontades para Galicia”.