Posts Tagged ‘axudas’

As asociacións de emigrantes retornados reclaman a axuda da Xunta de Galicia

Martes, Novembro 9th, 2010

O Foro Galego de Inmigración vai realizar, de forma pública, unha Solicitude Urxente ao Secretario Xeral de Emigración da Xunta de Galicia o vindeiro mércores día 10 de Novembro ás 11 da mañá na sede desa Secretaría Xeral de Emigración (Rúa Basquiños nº 2-Santiago de Compostela) para que faga efectiva xa a habitual Convocatoria de Axudas para Asociacións de Inmigrantes e Emigrantes Retornados de Galicia para este ano 2010.

Xa no pasado mes de outubro o Foro transladoulle ao Sr. Secretario Xeral a fonda preocupación que teñen as Asociacións de Inmigrantes e Emigrantes Retornados de Galicia por esta cuestión. Non obtivo resposta pola súa parte, pero o funcionariado deste departamento autonómico remitiunos á convocatoria de subvencións da Secretaría Xeral de Emigración (DOG 23 de Xullo) dirixida a entidades sen ánimo de lucro. Porén, tratase de dúas convocatorias ben diferentes, xa que a convocatoria de xullo ía destinada a ONGs, como o demostra o feito de que as subvencións concedidas ao abeiro desa orde se destinaron de forma exclusiva a ONGs que traballan con inmigrantes e emigrantes retornados, pero non a asociacións formadas por estes colectivos. Deste xeito, as asociacións de inmigrantes e emigrantes retornados de Galicia quedarían sen axuda ningunha no presente ano 2010 para desenvolver as nosas actividades. Isto podería supoñer a desaparición práctica de moitas das asociacións, que contan con esas pequenas axudas para manter infraestructuras básicas como os propios locais das mesmas.

No acto, o Foro quere tamén facer público e difundir o importante traballo que as asociacións fan na integración do colectivo inmigrante e emigrante retornado en Galicia e tamén a importancia que esas axudas, aínda que pequenas, teñen para a subsistencia das mesmas. O Foro considera razoable, neste tempo de dificultades económicas, un recurte orzamentario das axudas, máis afirma que lle parece da máxima gravidade a eliminación desta via de subvención básica e única para o asociacionismo inmigrante e emigrante retornado de Galicia.