Posts Tagged ‘antroponimia’

Chámalle Uxía, chámalle Brais

Martes, Novembro 9th, 2010

Antía, Anxo e Brais son os nomes galegos máis frecuentes na década de 2000 ao 2010, de acordo cun informe do Observatorio do Consello da Cultura Galega, obtido a través de datos do Instituto Nacional de Estatística. O traballo revela que desde 1970 o número de nomes galegos entre os máis frecuentes de Galicia incrementouse en máis dun mil por cento. Así, na década dos 70, os nomes galegos máis frecuentes supuñan 1,55 por cada mil; na dos 80 subiuse a 7,37, a 10,8 no noventa e na vixente década a proporción é dun 18,7 por cada mil. Así, na década dos 70, só 913 nenos se chamaban Antía, Anxo, Brais, Iago, Iria, Noa ou Uxía, mentres actualmente son un total de 10.726. O nome galego cunha distribución proporcional máis frecuente é Uxía en Ourense, onde 25 de cada mil nenas nadas na década chámanse así. O nome de neno máis común en galego tamén se atopa nesta provincia, xa que 22 de cada mil homes nados entre 2000 e o 2010 chámanse Brais.

A pesar do aumento da proporción de nenos que reciben nomes galego ao naceren, a situación segue estando moi afastada da que se dá en Catalunya, Euskadi, Navarra, Illes Balears e mesmo Valencia. En Galicia, entre os nenos só Brais se coa entre os dez antropónimos máis utilizados; e só tres nomes de nenas ocupan as primeiras posicións: Noa foi o cuarto máis común en 2009, Uxía, o quinto e Antía, o décimo. Pola contra, os nomes autóctonos arrasan noutras comunidades. Marc é o nome máis repetido en Cataluña e Baleares entre os recentemente nacidos en 2009 e tamén se sitúa entre os nomes máis elixidos na Comunidade Valenciana. Iker alcanza o primeiro posto no País Vasco e Navarra. Ane é o nome preferido para as nenas no País Vasco e Irati o é en Navarra.

Esta situación reprodúcese na emigración. Non é infrecuente que os fillos dos emigrantes no País Vasco teñan nomes de orixe vasco. Ese xesto, no momento do nacemento, resulta unha áncora podente para ese construción identitaria. En cambio, isto non sucede entre os fillos de galegos, dos que só unha parte moi pequena leva nomes como Antía ou Martiño ou Noa. Os nomes autóctonos supoñen un acto de ligazón coa cultura propia, de afirmación dunha identidade singular, tan necesaria e valiosa nun mundo que soporta unha presión tan forte de uniformidade cultural.

Podes consultar listas de nomes galegos en varias publicacións, e na rede por exemplo na páxina de Nomes-galegos.info, posta en marcha por Fillos.