Posts Tagged ‘algueirada’

Goretoxo: “O acordo Fillos-Blogaliza é un achegamento entre dúas virtualidades de Galicia”

Mércores, Xaneiro 5th, 2011

O 17 de agosto a empresa Algueirada, responsable do servizo de blogs en galego Blogaliza anunciaba o acordo ao que chegara con Fillos de Galicia para a integración da maior comunidade online da diáspora. Asegurábase a supervivencia do proxecto de Fillos que, a cambio, achegáballe a Blogaliza unha comunidade numerosa (case sete mil internautas) espallada por todo o planeta.

Pedro Silva, (a) GoretoxoPedro Silva (Goretoxo) creou Blogaliza en 2003, que dende o comezo se converteu na referencia do blogomillo, da blogosfera galega. A partir de 2008 a xestión corresponde á empresa Algeuirada, formada polo propio Goretoxo, Tati Mancebo e Alfredo Ferreiro. Neste ano 2010 Blogaliza foi a gañadora do primeiro premio Rosalía de Castro, concedido pola Deputación da Coruña a persoas, empresas, entidades ou asociacións que axuden a impulsar a presenza do galego. Para Goretoxo, o acordo entre Blogaliza e Fillos supón grandes vantaxes para os dous pero ademais representa “un achegamento entre dúas virtualidades de Galicia: a dos blogs e a da diáspora, que teñen máis en común do que normalmente nos paramos a pensar, e é, ademais, a demostración práctica de que é posible colaborar, é bo empregar recursos en común”. Goretoxo cre que “todo o que se fai na Galicia territorial é perfectamente consumible, adoptable e reutilizable tanto polos habitantes dese territorio que teñen o galego como lingua de vida, como polos que hai espallados polo mundo enteiro”, sen acreditar en que teña que haber espazos separados.

Finalmente, Goretoxo amósame optimista sobre o estado das iniciativas e proxectos que dende Galicia empregan a Rede como escenario e ferramenta de difusión e creación: “o número de blogues segue crecendo, temos máis plataformas comerciais na nosa lingua e contamos cunha comunidade de tradución forte e madura”.

Cal é a complexidade de Fillos, tanto a nivel técnico, como de coordinación entre as moitas persoas implicadas no proxecto?

Despois de moitos anos de actividade, Fillos chegou a desenvolver unha gran cantidade de subproxectos ao redor da súa web, polo que chegou a ter unha certa complexidade técnica. O ano pasado abordaron unha migración a unha plataforma que lles permitira unificar infraestruturas e optaron por unha solución semellante á que temos en Blogaliza, baseada en WordPress. Finalmente este ano entraron a formar parte de Blogaliza, como grupo de usuarios o que lles permite despreocuparse do mantemento e a atención aos sistemas.

Que significa para Blogaliza este acordo?

Supón, en primeiro lugar, a entrada de case 10.000 usuarios no sistema, o que case duplica o número de usuarios totais. Tamén un achegamento entre dúas virtualidades de Galicia: a dos blogs e a da diáspora, que teñen máis en común do que normalmente nos paramos a pensar. E, ademais, a demostración práctica de que é posible colaborar, é bo empregar recursos en común.

Que lle achega Blogaliza a Fillos?

Basicamente infraestrutura tecnolóxica, servidores, copias de seguridade, conectividade. Tamén un novo contexto de relación: ao lado dos habitantes desa diáspora telemática pódense atopar calquera outro habitante de Blogaliza.

Que proxectos dirixidos á diáspora che gustaría poñer en marcha, habendo medios e non?

Persoalmente sonche bastante contrario a pensar que hai un consumidor de produtos culturais no pais e outro na diáspora. Mais ben penso que, alén do lugar de residencia, existe unha comunidade cultural, unha koiné. Contando con esta premisa, penso que todo o que se fai na Galicia territorial é perfectamente consumible, adoptable e reutilizable tanto polos habitantes dese territorio que teñen o galego como lingua de vida, como polos que hai espallados polo mundo enteiro. Sobre propostas concretas, non che sei, pero teño claro que o potencial está nas persoas: se os galegofalantes poden ter acceso a ferramentas na súa lingua, se poden crear contidos na súa lingua, habemos ter futuro.

Cal é a importancia da lingua galega no proxecto de Fillos?

Citando autoridade: “se aínda somos galegos é por obra da lingua”. Toda, penso.

Ocórreseche algún proxecto que cumpriría desenvolver relacionado con isto?

Supoño que a difusión é básica, e tamén o sería unha certa curiosidade pola lusofonía, imaxino.

En que medida até o momento se aproveitaron as posibilidades de Internet e as novas tecnoloxías en xeral para poñer en conexión aos galegos que residen fóra cos que o fan no territorio de Galicia?

Penso que en moita medida: O Skype transoceánico substituíu ás cartas en papel. E hai ben de tempo. Aparte diso, os procedementos democráticos de fillos, baseados no emprego de recursos telemáticos sinxelos, parécenme brillantes.

Que nivel de preocupación teñen os medios de comunicación galegos sobre este tema?

O papel dos medios de comunicación esta a mudar. As comunidades culturais na rede están a reutilizar as canles previas na medida do posible, pero cando non atopan cobertura, ábrense ás ferramentas novas: os blogues, os sistemas de intercambio de mensaxes, están a servir de vehículo.

Percíbese en Galicia o potencial económico, cultural e lingüístico dos millóns de galegos repartidos por todo o mundo, eses embaixadores de luxo?

Penso que non. Esta idea de comunidade global, que de feito xa existe, atopa cunha estrema opacidade nos mediadores da comunicación. Posiblemente do momento de cambio non só van xurdir novos medios, senón que tamén se teñan que redefinir conceptos como “opinión pública”.

Desapareceron Vieiros e GZNación, Chuza e Fillos resistiron aínda que houbo momentos no que mesmo se temeu pola súa desaparición. Cal é o problema de Internet en Galicia neste momento? Por que custa tanto que os proxectos vaian adiante?

Son ciclos de vida, penso eu. O caso de Vieiros foi meritorio por moitos anos. De feito non se pode dicir que non fora adiante, porque funcionou, e moi ben, durante moitos anos. Os outros, como vemos, adaptáronse, evolucionaron e fixéronse máis lixeiros, menos dependentes dos impulsores iniciais, e máis sostidos por unha colectividade. É a mesma evolución de Blogaliza, que pasou de ser un proxecto persoal, a un alcouve de proxectos empresariais. Pasa o tempo, e os proxectos cambian. Polo demais, non creo que a rede galega estea nun momento malo, mais ben o contrario: o número de blogues segue crecendo, temos máis plataformas comerciais na nosa lingua, contamos (xa no ámbito extenso das tecnoloxías da información) cunha comunidade de tradución forte e madura, que foi quen de presentar, por exemplo, a última versión de Ubuntu ao 100% en galego. Precisamos cambios de paradigma: deixar de usar software privativo, deixar de consumir mainstream, sermos críticos, sermos activos. Vexo un futuro cheo de oportunidades.