Posts Tagged ‘1976’

Congreso da Emigración Galega, 1976

Martes, Novembro 9th, 2010

Os congresos da emigración galega comezaron a celebrarse en 1909, repetindo convocatoria en 1956, 1959, 1965, 1971 e 1976. Aínda que sen dúbida o máis coñecido de todos foi o de 1956, que tivo lugar en Bos Aires, coa intervención dalgúns dos máis destacados políticos e intelectuais galego emigrados e exiliados residentes nos países americanos, o celebrado en 1976 en Vigo tivo unha gran significación política. Foi un dos primeiros grandes actos públicos celebrados en Galicia despois da morte do ditador Francisco Franco e nel puideron verse grandes diverxencias políticas entre as autoridades e moitos dos asistentes.

Foron unhas xornadas nas que houbo debate técnico e debate político e, como escribía Alfonso Magariños o 1 de xullo en Faro de Vigo tras a súa clausura, resultara unha asemblea “verdaderamente apasionante y movida”. Entre as declaracións de principios aprobadas estaba unha ponencia sobre industrialización que afirmaba que a modernización de Galicia debía basearse sobre a conservación da natureza, o medio ambiente e a ordenación do territorio. Asemade, aprobouse a declaración de que “a fala galega” era “a base da comunicación e do ensino en Galicia”. La Voz de Galicia dedicoulle unha media de dúas páxinas diarias ao congreso, recollendo (a diferenza do Faro) especialmente o carácter eminentemente político que tiveran algúns relatorios, por exemplo o do Centro Galego de Bos Aires, que afirmaba que “el patriotismo gallego está por encima de las disquisiciones de tipo ideológico” ou a do tamén bonaerense Centro de Betanzos, que reclamaba a amnistía para presos e exiliados, así como liberdades cívicas e o dereito de autodeterminación para Galicia. Asemade, dende a Comisión de Estudos Galegos se propoñía a actualización do Estatuto de Autonomía do 36. Ademais, La Voz destacaba o 27 de xuño as peticións de “industrialización, reforma del agro, centros de enseñanza suficiente, atención a la emigración y libertades democráticas para Galicia”. Outro dos titulares de La Voz nese día eran as declaracións de Xosé Díaz, representante de O Toxo de París, que segundo La Voz fora marxinado pola organización do congreso, e que afirmaba que a emigración era o resultado dunha política determinada e sufría as súas consecuencias.

Nestes debates políticos tomaron tamén parte forzas da oposición aínda clandestina, feito que foi recollido por La Voz o día 29: “As forzas galegas da oposición presentaron unha declaración de principios ao Congreso”, destacando o xornal que esta declaración non fora lida aos congresistas en ningún intre. O comunicado, asinado por todas as formacións políticas e sindicatos, denunciaba que “o réxime político que ven durando 40 anos non soio non solucionou nin soluciona o problema emigratorio galego, senón que o favoreceu”, esixía a ruptura democrática “ao traveso da movilización das masas” e a instauración dun “réxime provisorio de autogoberno en Galicia simultáneo co que se implante a nivel do Estado Español, que convoque e orgaíce eleciós libres para unha asemblea lexislativa constituínte”. Asemade, propoñía ao Congreso unha amnistía xeral para “todos os presos i esiliados políticos”. O xornal tamén reflectía a tensión que presidiu a derradeira xornada do congreso, destacando a “presenza policial nas proximidades” e a “tensa sobremesa”.

Finalmente, o congreso, moi dividido, saldouse coa vitoria da candidatura oficialista de Valentín Fernańdez, que derrotou á progresista de Arturo Cuadrado e Baldomero Cores. Así e todo, foi unha vitoria para a democracia; Xosé A. Gaciño escribía o 4 de xullo en El Ideal Gallego sobre o congreso, nunha crónica que titulaba La emigración también es política, salientando o enfrontamento entre dúas posturas “los apolíticos” e os “partidarios de un cambio”. O xornalista tamén destacaba que esta reunión posibilitara o segundo documento político asinado por todas as forzas políticas de oposición que actuaban en Galicia.