Os ‘fillos’ irlandeses organízanse na rede

A diáspora irlandesa é unha das máis numerosas en todo o mundo (calcúlase que ao redor de oitenta millóns de persoas son descendentes de irlandeses), tamén é das que manteñen con máis intensidade e orgullo un sentido de identidade propia. Irlandeses, coma os galegos, hainos en case todos os países, pero é evidente que foron os Estados Unidos, Canadá e Australia os seus destinos maioritarios. Hai varias iniciativas que, ao xeito de Fillos.org, procuran establecer contacto a través das novas tecnoloxías entre os irlandeses, fillos e netos de irlandeses, repartidos por todo o planeta e fomentar as súas ligazóns coa súa terra de orixe. Cómpre ter en conta que na actualidade, despois de anos de milagre económico a mala situación da economía irlandesa está provocando que de novo milleiros de persoas emigren da illa a outros países.

Xa Manuel Casal no seu traballo O papel de Internet na conservación da cultura e identidade galegas entre os descendentes de emigrantes referiu os distintos instrumentos que dende os primeiros tempos de popularización de internet empregou a comunidade irlandesa en todo o mundo para comunicarse, coma o IrishChat, a Virtual Irish Community ou IrishRoots. Se cadra o mellor exemplo de espazo de encontro e intercambio é o portal Irishabroad, con case 250 mil usuarios en todo o mundo. A iniciativa púxose en marcha en 1998 por parte da comunidade irlandesa en San Francisco e é precisamente nos Estados Unidos onde reúne á meirande parte dos seus integrantes.

Pero a diáspora irlandesa continúa a organizarse na rede: RendezVous353 creouse en febreiro deste ano e xa conta con máis de dez mil membros rexistrados (crecendo a un ritmo altísimo, no último mes duplicou o número de usuarios). Recentemente incorporou un novo espazo que ten como obxectivo conectar a empresarios de orixe irlandesa en todo o mundo, procurando apoiar a recuperación da economía do país. A páxina foi creada por M. McLaughlan e Richard O’Donnell co apoio doutras persoas da zona de Limerick. Ten unha estrutura semellante a Facebook e a outras redes sociais, e a través del os membros comparten novas, preguntas, fotos ou vídeos con persoas que se cadra viven no outro lado do océano. É por iso que xa é coñecida como o facebook irlandés, aínda que a páxina inclúe moitos outros elementos distintos ao da pura rede social, como blogs, foros e espazos de noticias. A páxina recibiu xa o apoio de coñecidos persoeiros (moitos músicos, por exemplo) de Irlanda e tamén líderes locais de orixe irlandesa (políticos, empresarios, artistas) en distintos países.

Outra páxina de recente creación é irishgathering.ie, un espazo creado para “celebrar a singularidade da cultura irlandesa e da súa herdanza” e para “promocionar a Irlanda en todo o mundo como unha nación de creatividade, dinamismo empresarial, habilidade literaria, xenio deportivo e lenda musical”. Na súa declaración de intencións, a páxina anima a os fillos de irlandeses en todo o mundo a se converter en “individuos extraordinarios”, animando a os seus familiares e amigos de orixe irlandesa a “iniciar unha viaxe épica para conectarse globalmente ás súas raíces irlandesas”, restablecendo a súa ligazón con Irlanda e cos seus clans (apelidos) de orixe. O espazo facilita, polo tanto, a conexión entre os descendentes de Irlandeses que residen noutros países cos familiares que teñen na illa e inclúe apartados dedicados á xenealoxía e á heráldica. O obxectivo da páxina é chegar aos cen mil rexistrados en seis meses.

Os descendentes de irlandeses nos Estados Unidos nunca perderon o hábito e o interese por seguir a actualidade do que sucedía na illa. Así, era habitual que, reunidos dos pubs irlandeses en Nova York ou Boston, se lanzasen sobre os xornais, o Irish Independent ou o Sunday World ou mesmo algún semanario local, aínda que estes chegasen con máis de tres días de atraso. Tamén eran moi seguidos os semanarios que os propios emigrantes irlandeses editaban en América, coma o Irish Voice ou o Irish Echo, creado en 1928. É por isto que na actualidade os irlandeses en todo o mundo lean por milleiros as edicións irlandesas dos xornais irlandeses (o Independent, o Cork Examiner, ou o Ireland), que nalgúns casos contan con máis lectores de fóra de Irlanda que no propio país, ou que teñan como páxina de consulta frecuente a Irish Internet Encyclopedia.

A diáspora irlandesa comezou moi cedo a empregar Internet para comunicarse. En 1987 (!!!) comezou a distibuírse o The Irish Emigrant, un semanario de información dirixido en principio aos traballadores irlandeses da empresa Digital que vivían fóra da terra e que se difundía de xeito gratuíto por correo electrónico. Comezou con 15 lectores e en 1994 xa chegaba a 2600 subscricións, da que xa só unha pequena parte eran empregados da empresa. O semanario era lido mesmo por persoas que non tiñan contacto ningún coa Internet, pois era impreso e distribuído entre familiares e amigos. O seu creador, Liam Ferrie, comezou nese momento a traballar a tempo completo no xornal e comezou a cobrar unha pequena cota anual (40 dólares) aos subscritores, o que apenas fixo baixar o número de envíos. Tres anos despois, o semanario volveu facerse gratuíto e comezou a vivir da publicidade e sobre todo dos anuncios por palabras. Hoxendía o xornal conta con 18 mil subscritores en 120 países e emprega a seis xornalistas a tempo completo. Ademais, conta cunha edición impresa e de pago en Boston, de 72 páxinas, que vende ao redor de 15 mil copias cada semana. E é que o incremento dos lectores dos xornais dixitais en Internet non fixo descender a tirada dos diarios e semanarios editados pola diáspora irlandesa nos Estados Unidos. O Irish Echo, por exemplo, do que falaba antes, mantén unha difusión de 60 mil exemplares.

Tags: , , , ,

Comments are closed.