"Fillos depende perigosamente de min. Xa é hora de rachar con iso". Entrevista con Casdeiro.

A asociación cultural Fillos de Galicia ven de poñer en marcha unha campaña de afiliación baixo o lema de �Para que a ponte non caia… terma ti tamén dela�. Entrevistamos a Casdeiro, xestor de Fillos e responsable da campaña, para saber os motivos e obxectivos da mesma.


PG: A Asociación xa en feito anteriormente campañas deste tipo para conseguir novos socios. Por que agora unha nova? Que ten de diferente coas anteriores?C: Efectivamente, como calquera ONG cada certo tempo facemos chamamentos a certos colectivos, nomeadamente os que desfrutan dos nosos servizos gratuitamente, para que se impliquen máis facéndose socios. Desta vez, porén, hai certas cuestións que o fan diferente: a principal é que o estancamento da afiliación chegou a un punto no que se pon en risco a continuidade da Asociación. Se a asociación non vai medrando ao paso máis ou menos do colectivo beneficiario das súas accións, chega un momento no que, como representamos na animación que acompaña a campaña, a presión que aturan os escasos socios se fai insostible.

PG: Non pensades que os usuarios poden cansar deste tipo de peticións?

C: Comprendemos que quen leve moito tempo inscrito como membro levará recibidos varios comunicados ao longo destes anos pedindo o esforzo de se facer socio ou socia. Pero do mesmo xeito teñen que comprender que é a nosa obriga: que todo o que fai Fillos de Galicia non se fai só, que o apoio institucional, malia ter medrado nos últimos tempos, non alcanza, e que temos que ser nós, precisamente os usuarios e os que nos beneficiamos dos servizos e contidos de Fillos.org e todos os nosos outros webs, os que temos que ser os primeiros en dar un paso adiante e botar unha man. Non podemos esperar indefinidamente a que veñan outros facelo por nós, nin ser tan inxenuos e inxustos como para pensar que os socios que hai agora, e que veñen termando dos proxectos todos estes anos, van seguir aturando sen relevo de forma indefinida. Toda entidade sen ánimo de lucro precisa relevo de persoas, aire fresco, mans novas… eu mesmo levo estes 10 anos, primeiro de xeito voluntario, comprometendo case todo o meu tempo de lecer, e agora liberado profesionalmente para tentar coordinar todo o traballo, pero chega un punto en que todo o mundo precisa un apoio, un relevo, sobre todo cando o que hai por facer non deixa de medrar. A máis éxito do proxecto, máis traballo e máis necesidade de incrementar a base de apoio social, é dicir, os socios.

PG: Cal é o obxectivo da campaña e por que é ese en concreto? Que pasará se non se chega a el?

C: O obxectivo é acadar unha cifra máis xusta na ratio socios/membros. Hoxe en día estamos por baixo do 1%, e iso é perigoso para a nosa supervivencia. Coido que calquera proxecto deste tipo podería esperar unha implicación cando menos do 2% dos usuarios, pero conformaríamonos con duplicar o número actual e chegar así aos 100 socios (un 1,85% dos membros). É unha cifra redonda que daría novos azos, unha chea nova de xente que se comprometería co futuro, e que participaría na vindeira asemblea. Se non chegamos a el, pois os que conformen a asociación no momento de comezo da asemblea, terán nas súas mans decidir que pasa.

PG: Pero estamos a falar da posible desparición de Fillos se non se acadan os 100 socios? Tan complicada é a situación actual de Fillos de Galicia?

C: Por mal que fose a campaña Fillos non pode desaparecer. Hai demasiado traballo e demasiado ilusión, de demasiada xente en xogo. O que si creo eu que sucedería sería que entraríamos nunha crise de difícil solución, porque quedaría patente o fracaso do modelo de asociación para levar adiante o proxecto e habería que prantexar algunha vía da saída. Sería un momento moi crítico e podería pasar calquera cousa. Eu persoalmente tería que tomar unha decisión xa que non podo seguir comprometendo a miña vida profesional e persoal á espera dunha axuda, dun compromiso colectivo que a propia colectividade usuaria non acaba de demostrar. Confío en que non pase e que os membros, desta vez si comprendan o que nos xogamos todos. De calquera xeito, Fillos de Galicia é responsabilidade dos socios e eles son quen terán a derradeira palabra sobre o noso futuro. E velaí unha razón moi importante para entrar agora a formar parte da asociación: o que se decida a partir do día 21 de Xaneiro vai marcar o futuro de Fillos.

PG: Facerse socio costa actualmente 30 euros ao ano. A efectos prácticos que obtén un membro que se decide a pagalos?

C: Principalmente a capacidade de decidir o futuro de Fillos, tendo voz, voto e poder de proposta nas asembleas e en calquera momento. Os socios temos unha lista de correo interna onde decidimos durante todo o ano cuestións moi importantes que van xordindo no día a día de Fillos.org e dos outros proxectos online que temos. Ademais ten un recoñecemento permanente a todos os niveis: sempre gozan das pequenas cousas que lles podemos dar dentro dos nosos recursos: e-mail, blogs, álbumes online, exemplares das nosas publicacións… todo de balde, e condicións moi especiais en calquera outro servizo. É o menos que podemos facer por quen son o alicerce sen o cal non existiriamos. De todos xeitos a importancia dun socio non ven pola cota que paga, senón principalmente porque coa súa opinión, coas súas ideas e decisións é co que se vai marcando o camiño que seguimos en Fillos de Galicia.

PG: A campaña baséase na idea dunha ponte. Podes explicarnos o que simboliza?

C: Para nós Fillos.org sempre foi unha ponte virtual: entre Galiza e a Diáspora, entre os galegos dunha beira e os das outras. E unha ponte -isto é fundamental- de dupla dirección, porque serve para que os de fóra se acheguen á realidade, á historia, a lingua, á cultura de Galiza… pero tamén para que os galegos de alá -os que nós chamamos galicianos- saiban de nós e se poidan achegar á realidade das outras Galizas que existen e viven no mundo. E desa ponte precisamente terma a asociación: foi creada para dar soporte e sustento, económico e social, a ese vehículo de unión entre os galegos do planeta. Agora o peso da ponte e tal que os poucos responsables do seu mantemento están derreados e precisan nova forza para que non caia. A responsabilidade e a potencialidade do proxecto son demasiado grandes para estar dependendo de só 50 entusiastas, e cun único traballador en nómina apagando lumes e facendo os arranxos imprescindibles de urxencia. Aquí precísase unha equipa de varias persoas traballando a cotío, dirixidas por unha asociación máis potente e sólida, e iso só se pode acadar multiplicando o número de socios.

PG: Sendo tantos membros, actualmente case 5.400, poderíades optar por cobrarlles o uso do portal, aínda que fose a un prezo moi baixo e así obterdes máis recursos, non é?

C: É unha idea que leva tempo na nosa asociación, pero a maioría dos socios pensamos que iso traizoaría a idea fundacional de Fillos de Galicia. Nacemos para ser un centro galego online e de balde, para todos os internautas. Sabemos que os centros tradicionais dirixen as súas actividades case en exclusiva aos seus propios socios cotizantes, pero nós queremos aplicar a nova filosofía que supón Internet, e non podemos facer o mesmo ca eles. É preferible depender dunha minoría solidaria que cotice e dirixa, para que os demais desfruten. O que si é preciso, se optamos por esa solución solidaria, é que o nivel de solidariedade, a taxa de compromiso, sexa maior, porque a día de hoxe somos demasiado poucos (0,91%) para levar como Deus manda un traballo a prol de tantos: os milleiros de membros e os millóns de visitantes. De todos xeitos, en función do resultado da campaña, a VIII Asemblea verá se non queda outra que trocar o modelo.

PG: Hai algunha xente que segue identificando Fillos de Galicia con Casdeiro, o seu fundador. Que lles dirías a esa xente no contexto dun momento coma este?

C: Si, é algo curioso. Só podo comprendelo desde a ignorancia acerca do funcionamento de Fillos. Porque si, Manuel Casal Lodeiro é a cara visible do proxecto, e desde hai uns anos o seu xestor dedicado, pero legalmente non son máis ca iso: un contratado polos socios, que son os verdadeiros donos de Fillos.org. É dicir, calquera persoa pode converterse no meu xefe simplemente con facerse socio. Despois teño un cargo institucional que actualmente é o de Secretario, e que non é remunerado, e ao que se pode presentar tamén calquera socio nas asembleas online que realizamos. Así pois, en calquera caso estou ás ordes da asociación, para a que traballo e á que represento o mellor que podo. Gustaríame que moitos críticos se sumasen ao proxecto e que o visen desde dentro, participando na súa construción e achegando ideas e propostas que sempre son escoitadas e votadas polos socios. Así e todo, hai algo no que Fillos si que depende de min, depende demasiado: eu fun o único candidato para o posto de xestor e o día que eu me canse ou me pase algo, crearíase un oco, un baleiro que sería complicado encher coa nosa estrutura actual. Por iso, con máis socios e máis recursos, se eu desaparezo da dirección de Fillos, estaría máis asegurado o relevo. Nese sentido si que Fillos depende perigosamente de min. Xa é hora de rachar con iso. Se volvemos ao símil da ponte, eu sería un piar mestre: se falla, a ponte cae. Hai que trocar de estrutura e repartir o peso máis igualdamente entre máis columnas. Ogallá un número máis grande de socios faga menos dependente o futuro de Fillos desa columna mestra, do futuro do seu xestor: eu non quero ser máis ca un socio calquera, ou en todo caso, un traballador como podería haber outro.

PG: Cando se saberá se a campaña acadou éxito?

C: Saberémolo o día 20 de Xaneiro, xusto antes de que comece a VIII Asemblea. Naquel momento se pechará a entrada de novos socios e comezaremos a tomar as decisións que compra tomar. Namentres se pode ir vendo o nível de éxito por medio do Compromisómetro: agora está en 0,91% e debería chegar ao 1,85% a medida que vaiamos chegando a eses 100 socios que precisamos.

Máis información sobre esta campaña en Afiliate.Fillos.org

Comments are closed.