"Criade coches, habedes comer fuel"

Casdeiro recupera unha reflexión que quedou arrombada neste V aniversario do desastre do petroleiro Prestige.. Partindo dunha pintada con grande verdade, “Criade coches, habedes comer fuel” remóntase un paso maís alá na procura da responsabilidade última de este e outros asasinatos ecolóxicos.

A contundente frase que encabeza este artigo (aínda que nunha versión en castelán) vina nunha rúa da Coruña non moito tempo despois de ter sucedido o do Prestige. Daquela fixérame reflexionar, ver aquilo con outra óptica, darlle un xiro novo á monstrosidade, e hoxe volvo facelo, se cadra coa maior profundidade que dá o tempo. Maior profundidade e necesidade da reflexión porque o que pretendía salientar e denunciar o ácrata autor (ou autora) segue a estar aí diante dos nosos ollos, “máis ca nunca” (se realmente queremos un “nunca máis”).

Canta xente se parou daquela a pensar nas causas orixinais que levaron aquel inferno de merda negra ate as nosas costas? Que medios de comunicación seguiron o fío causal ate o final e puxeron en relación o tráfico marítimo de hidrocarburos co xeito de vida e de consumo enerxético que levamos? Non somos quen de ollar máis aló do noso fuciño se non nos preguntamos: “que é o fuel?”, “de quen é?”, “para que levaban tanto naquel barco?”, “para onde ía?”, “quen o mercara e para que carallo o ía usar?”…

Hai que dicilo: “o do Prestige” (non quero chamalo catástrofe como se fose un terremoto, un feito natural súpeto, fatal, inevitable) foi culpa nosa. De todos nós como sociedade. En primeiro lugar porque se non consumísemos tanto derivado do petróleo non habería tanto carrexo deste tipo de sustancias dunha punta a outra do planeta. En segundo porque se realmente o sistema produtivo e comercial mundial se guiase por criterios realmente de progreso social e humano, se estivese movido polo desenvolvemento común, os materiais perigosos que non houbese máis remedio de mover expoñéndoos a graves accidentes, serían trasportados sempre en óptimas condicións, cos mellores medios e coa máxima seguridade que a técnica permitese, e non habería lugar para estes fandangos piratas, vellos e enferruxados dos monocasco. Por que navegaban, logo? Por que seguen a navegar por milleiros diante das mesmas costas que tanto custou limpar, malia todas a demanda social e todas as promesas que foron diluidas nas ondas do tempo e dos medios? Por que de afirmar que se proibiría este tipo de navegación polas nosas costas pasamos a felicitarnos porque se agora volve pasar, imos ter máis medios para “limpar a cagada”? Por que esta inmensa estafa, esta trapallada mundial?

Os ecoloxistas e algúns partidos deses que basean as súas campañas electorais nalgo máis sustancioso que unha “molona” letra do dicionario, saben a resposta, para quen teña a sorte de a escoitar entre o ruido hipnomediático: porque a Lei do Mercado manda. A lei dese deus posmoderno que se ri de calquera risco ou dano que non chegue a pingar a conta bancaria dos seus supremos sacerdotes. Velaí temos os avisos sobre o cambio climático ou sobre a crise derradeira do petróleo cando xa non haxa para todos de aquí en 8 anos… E serven de algo? Serviu de algo o do Prestige? Tanta boa palabra, tanto político hipócrita ou no mellor dos casos incapaz… incapaz de levar o clamor popular a efectos legais, de dar sentido á Democracia, de facer da necesidade humana, do ben público e ecolóxico unha norma internacional de obrigado cumprimento para eses entes fuxidíos, máquinas de amamantar oligarquías que son as empresas trasnacionais.

Así nos foi. Así nos vai. Así nos irá. Seguiremos criando coches porque “eche o que hai” (trasporte público? que trasporte?), para ir aos centros comerciais que nos fabrican a kilómetros de casa, para gastar as estradas que nos fabrican para levarnos a traballos cada vez máis precarios e máis lonxanos. E darémoslles de comer fuel porque é o que nos venden (enerxías alternativas? que enerxías?), así que a tragarmos cada N anos un Prestige estatisticamente previsto nas contas de resultados das trasnacionais aseguradoras e enerxéticas, esas contas onde non hai unha columna de custos ambientais, onde non teñen accións as xeracións que veñan detrás (e apanden!), esas contas residentes en paraísos fiscais a onde non chega nin o fedor do chapapote nin o berro do cidadán-consumidor-votante porque o sistema ten bos valos de seguridade: as eficientes e maxicamente auto-enxendradas leis do deus Mercado, e os seus fieis gardiáns: a primeira liña de defensa do Sistema, os protagonistas da telecomedia das 3 da tarde, os do sorriso infográfico, a chaqueta azul e a garavata vermella.

2 Responses to “"Criade coches, habedes comer fuel"”

  1. PlanetaGalego di:

    Ben certo é que o consumo do petróleo tennos collidos a todos (e non escapa ninguén) polo máis profundo.
    Agora, na procura de opcións alternativas o mercado lémbranos que é todo poderoso e alleo ás revolucións, polo que, en canto atpoamos o biodiésel (non nos equivoquemos, o futuro figura máis no sol e o aire que no cultivo masivo), vémonos obligados a pasar todos por caixa en todo tipo de productos básicos.
    O do Prestixe foi chuvia sobre mollado e o vaso desbordou un pouquiño, pero aquí no n pasou absolutamente nada, non se estableceu ningún órgano de control valedeiro para evitar este tipo de situacións.
    Galicia parece acollerse ó lema de “ninguna generación sin su naufragio”. O que me marcou a min, foi este último, pero a lista é de todos coñecida (Mar Egeo, Urquiola, Casón…)
    A situación esixiunos a todos algo de nós mesmos, ir a limpiar, protestar na rúa… Agora queda unha desagradable sensación de “para que valeu todo isto”, estamos nuns niveles de risco idénticos, pero cun mar moito máis castigado que antes.
    O mar galego móstrase forte e cun lombo capaz de aguantar todo o que aguantou, agora ben, a partir de determinado número a cousa pode acabar fina.
    Polo momento, e ó fío do comentado por Casdeiro, toca ir desenchufando os cargadores do móbil cando non os usemos!