Hispanidade ou Españolidade?

A festa de hoxe en España vén cargada de demasiados significados. A súa densidade simbólica ameaza con facela estoupar coma unha supernova vermella e amarela. Día da Virxe do Pilar, Día da Garda Civil, Festa Nacional Española, Día da Hispanidade… Este ano o enfrontamento preelectoral (ou sexa, “circense”) entre os dous principais partidos que reclaman unha visión unitaria da nación española ten tintes de esperpento, e os que teñen outro concepto da Hespaña que chamaba Castelao, asisten entre divertidos e preocupados ao show.

Pode ser compatible una celebración nacionalista como a que pinta o galego de nome deturpado (Rajoy), e á que chama en vídeos dignos da guerrilla da comunicación, cuna festa orixinariamente adicada a celebrar o feito de descobremento de América que creou lazos (de sangue noutrora, agora económicos, sociais, culturais…) cos pobos dese continente? Canto máis nacionalismo español, menos concordia inter-pobos, e iso vale para a Hispanidade entendida como Hispanoamericanidade, como para a Hispanidade relativa aos pobos da Hispania, e polo tanto moi achegada á idea clásica de moitos nacionalistas galegos, vascos, cataláns… de que noutro concepto de España podemos e debemos caber todos.

Aproveitar a data para facer gala de yo soy más español que tú como puidemos ver con vegonza allea entre os dous galegos, adalides como aquel outro en tempos nefastos, do hiperespañolismo, entre o Rajoy vs. Blanco (disfraces españois dos galegos Raxoi/Branco)… significa renunciar a un concepto de España que nos una a todos os cidadáns españois, en primeiro lugar, e que o faga compatible cun concepto, o da Hispano-América, no que ningún pobo ha querer permanecer compartindo resesos e imperiais toques de exclusión e ridícula fachenda.

Así, o único que nos queda aos que rexeitamos este concepto de españolidade, é dar as costas a esta festa e os seus teatreiros actos, para seguir a traballar na construción e defensa das nosas propias, non agresivas, e achegadas identidades.

Hispanidade? Así non, grazas.

Comments are closed.