Música galega na ialma

Cinco rapazas fillas de galegos en Bélxica fan música e abren as portas do mundo para a cultura que aprenderon dende o berce. Ialma ten unha historia que merece ser conta. Son elas mesmas quen a narra nesta entrevista.

Fai algo menos dun ano, unha amiga desas que fan a vida máis bonita deixoume un agasallo na casa. Nese momento, entre as verbas, a comida, a ledicia do cotilleo compartido, non reparei especialmente nese CD que viña cunha aclaración engadida: �Son unhas rapazas estupendas que fan música en Bruxelas�, dixo a miña amiga.

Esa noite o CD foi a melodía que pintou de cores as nosa estridente conversa. Ao día siguinte, xa soa, volvín escoitalo: puxen o disco no aparello, senteime e fun siguindo as músicas coa lectura do libriño que ven con el. Coma os catadores que dedican todo o tempo do mundo a unha copa de viño, escoitei unha e mil veces e reparei unha e mil veces nas imaxens. O que atopei nelas era algo fabuloso: mozas guapas, listas, talentosas e novas facendo música tradicional pero sen renunciar ao tempo no que viven.

Se cadra, a tarefa dos artistas sexa só traballar no seu arte. Pero dende fora, esas rapazas son un exemplo marabilloso para tantos e tantos fillos e netos de galegos que non se achegan a súa orixe porque pensan que “é cousa de vellos” ou, pior ainda, porque herdaron o menosprecio ao galego identificado coa pobreza e a brutalidade. Ese CD, ese talento, esas imaxens fan maxia!

As rapazas das que falo se chaman Nuria Aldao, Natalia Codesal, Veronica Codesal, Magali Menendez e Marisol Palomo, e conforman Ialma. Non puideron atopar mellor nome para o que fan: música que chega a alma, música que cruza océanos e achega aos galegos do mundo. Ialma é unha ponte delicada e seductora pola que uns e outros, galegos todos, podemos ficar moito máis preto.

Déixovos algunhas das cousas que contaron nunha entrevista que lles fixen polo correo electrónico.

– Por qué un grupo de mozas novas que vive en Bruxelas escolle adicarse á música galega con fortes pegadas do tradicional?
– En primerio lugar, porque a música, a cultura galega, son as nosas raíces. Aínda que sexamos residentes nunha cidade coma Bruxelas, seguimos mantendo a nosa identidade como galegas na propia emigración, como fillas de emigrantes galegos. A música galega formou sempre parte da nosa vida. Xa máis tarde descobriunos a discográfica EMI e fixemos o noso primeiro cd “Palabras Darei” no ano 2000. O máis interesante, sen dúbida, é dar a coñecer e comprartir a nosa cultura galega cos cidadáns belgas, que alucinan con todo o que temos que ofrecer como galegas, e se cadra isto é debido a que en Bélxica non existe unha tradición oral tan forte coma en Galicia.

– De que xeito traballades o tradicional mesturado co pop mais actual? Quero decir, como fustedes construindo ese estilo co tempo?
– O primeiro cd de Ialma, Palabras Darei foi íntegramente a cappella, no que se deu a coñecer a tradición oral galega máis pura. Xa no segundo, Marmuladas, mesturamos a tradición galega con músicos e ritmos belgas, que fixo da nosa música algo moi peculiar e moi diferenciado doutros grupos de cantareias que xa existían en Galicia. E neste último cd, Nova Era, foi no que houbo máis cambios: houbo cambios no grupo, chegou Nuria dende Galicia, que non é filla de emigrantes pero sí emigrou dende Pontevedra a Bruselas fai dous anos! A nivel musical, traducíronse todos os textos das cancións en galego, de xeito que todas as cancións están cantadas en galego. E ademáis quixemos invitar a xente que coñecimos ó longo da nosa traxectoria coma grupo: xente de aquí, de Bélxica, pero tamén xente da nosa terra, de Galicia, xente coma Mercedes Peón, Quique Peón, Guadi Galego, etc. En ova Era” non hai soamente temas recollidos, de tradición, senón que tamén hai temas propios, compostos por nós ou concretamente un tema, Cantar e olvidar composto por un amigo noso, Miguel Allo, que tamén é un dos galegos residentes en Bruselas e fillo de emigrantes. Fixemos tamén algo que nunca fixo un grupo de cantareiras anteriormente, que foi versionar e facer coma propia unha canción do grupo americano Red Hot Chili Peppers, un tema, Lévame, moi especial gracias á colaboración que tivemos por parte das Damas de Laxoso. E aparte de todo isto, está tamén o noso productor, Adriano Cominotto, un italo-belga que non coñecía en absoluto a música galega! e que polo tanto puido traballar dende un punto de vista completamente neutro, o que foi tamén moi enriquecedor para nós.

– Se fora posible xeralizar, cómo conectades co publico galego maior na diáspora e cómo cos mozos, fillos deles (pode que netos)?
– Cando facemos un concerto en Bélxica é doado que haxa entre o público algún galego�: emigrante ou ben fillo de emigrante. Sempre ó rematar ós concertos achegámonos o público, falamos con todos eles porque tamén nos permite saber cómo acollen a nosa música e que é o que pensan realmente. En Galicia pasa o mesmo, pero é se cadra diferente, a emoción que temos sempre é maior cando se canta en Galicia, e por suposto tamén intentamos contactar co público, como fixemos o pasado verán na nosa primeira xira galega.

– Contabas fai tempo que cando actuades en Bélxica sodes galegas e cando actuades en Galicia sodes belgas. Ten lugar a cultura galega para os traballos feitos por galegos fora da terra?
– Como galegas residentes na emigración, temos asociadas dúas culturas diferentes: a belga e a galega, collendo o mellor sempre de cada unha delas. Aínda que nacimos en Bélxica, somos galegas. O feito de facer un proxecto coma o noso no marco da emigración, fixo que a música galega se extendese e se dese a coñecer nese marco, non só en Bélxica, senón tamén noutros países de Europa. E isto tamén facilitou a que moitos grupos de Galicia viñeran a tocar a Bélxica porque había xa un interese pola música galega.

– Algo parecido pero diferente: E cultura galega o que fan os fillos e netos de Galicia na diaspora?
– Sempre e cando o que fagan os fillos e netos de Galicia sexa para apoiar a cultura galega, entón sí. A cultura galega pódese apoiar na diáspora a través de moitas canles, non soaemente a través da música, que é sen dúbida unha delas.

– Canto pode facer pola lingua galega e a sua pervivencia o traballo de artistas que como vós canta en galego fóra de Galicia?
– Penso que moitísimo. E non soamente para a lingua, senón tamén para a música e a cultura en xeral. Cantando en galego, dás a coñecer a lingua galega, e indudablemente tamén axudas a súa pervivencia, pero tamén dalgún xeito das a coñecer ó mesmo tempo rasgos da cultura galega, debido a que é precisamente a tradición o que se dá a coñecer cando se canta en galego, e , na maioría dos casos, para un público que tra-lo concerto aumentan o seu interese por coñecer todo o que teña relación con Galicia.

– Algo máis, se pode facer música seductora para a xente nova que sexa cantada en galego? Ou só o ingles é unha ponte para a xuventude?
– Sí que se pode facer música seductora para a xente nova en galego, pero é certo que é moi difícil entrar no mercado musical da xente nova con música cantada en galego, a pesares de que Ialma teña xa un certo recoñecemento e o seu público abarque case tódalas idades. Pero é verdade que o inglés segue sendo quizáis a lingua maioritaria neste senso.

– Cales serán os vindeiros pasos de Ialma. En qué estades traballando e cales son os proxectos mais importantes deste ano 2007?
– En primeiro lugar, seguir promocionando este disco, Nova Era. E tamén preparar o que podería ser a nosa segúnda xira en Galicia no verán, porque un verán sen xira en Galicia non é un verán para nós! E comezar a traballar xa no que sería o novo disco, que saldría no 2008.

Comments are closed.