O son dunha gaita en terra allea

Non é sinxelo estar nunha terra allea, onde a cultura non é a túa. Por iso, agradezo cada mínima expresión da cultura que corre polas miñas veas. Dese sentimento que dende a miña infancia foi crecendo dentro de min.

Como explicar o efecto que causa o son dunha gaita en terra allea?, como agradecer esa ventalada da Terra tan preciada? Tan sabedoira coma un trozo de empanada, como o mellor marisco galego acompañado de Albariño.

A gaita é iso e moito máis. A gaita teletranspórtate á terra, de súpeto non estaba nunha sala, estaba en Galiza, en Leroño, na miña terra, respirando ese aire puro e apreciando a cor verde que nos define. Escoitando ós meus veciños falar, ese son rouco pero tan doce…

A gaita é provocación, o seu son causa nos galegos esa necesidade de brincar, de aturuxar, grito que nos identifica, é a chamada á Terra. É a liberación, por un momento somos ceibes, somos nós e a nosa Terra. Convertimos a terra allea en nosa.

Marabilloso instrumento, causante de sorrisos e bágoas. De bágoas felices e agradecidas.

Grazas por facela soar.

Comments are closed.