O Galeguismo

¿O do galeguismo? Pois mirade, eu téñoo moi claro… (Un texto de Lorena Varela Amboage estudante de 4º de ESO)

Xa sei que, ao mellor, vos aburro a algúns con este tema, xa que ultimamente é bastante repetitivo, pero…¡éche o que hai, amigo!

Nestes anos nos que vivimos, padecemos unha constante perda de falantes, sobre todo nas novas xeracións. Unha perda de falantes que, de seguir así, poderianos levar a unha lingua “residual”. Penso que a situación da nosa lingua nestes momentos é bastante grave, pero coa axuda de todos, estou segurísima de que podemos evitar a súa extinción.

Están a meternos caña por todos os medios, pero aínda así, parece que non é suficiente.

Pero as cousas como son: non creo que a gaita sexa o mellor instrumento do mundo, nin a muiñeira a mellor danza. Nin que as costas galegas sexan a mellor paisaxe, nin lerias desas. Con isto, só quero dicir que non se trata de que o noso sexa o mellor, porque todos os sitios teñen cousas boas e malas, simplemente que é o noso. E dende logo, temos algunhas cousas que debemos cambiar ou destruír e outras que mellorar. E se nós non as defendemos, ¿quen as vai defender?

Pois con isto, a lingua.

Non hai linguas mellores nin peores, por suposto, pero cada un debe coidar a que ten.
Ata, ao mellor, algún de vós, chegastes a preguntarvos se é tan malo que unha lingua desapareza ¡Pois home!, imaxinade que desaparecera a Catedral de Santiago, ou o Partenón. A vida podería seguir tranquilamente ¿non?, pero xa non sería o mesmo.
Todo o mundo sabe que debemos defender a construcción de monumentos. Pois a nosa lingua é coma un monumento. E o único xeito de que non desapareza é ¡¡¡FALÁNDOA!!!, así de claro.

Se vos fixades, se cada vez que estamos nun grupo no que hai alguén que fala castelán, e non sabe ou non quere falar galego, aceptamos falar a súa lingua, nunca falaremos a nosa. E, aínda por riba, conseguimos que ditas persoas non aprendan a falar galego. Seguro que a maioría de vós nunca vos parastes a mirar a cousa dende esta perspectiva, pero é a pura realidade.

Cando a moita xente se lle rifa pola teima do galego, todos din “si, si, a partir de agora vou falar galego”; e ao cabo de cinco minutos xa están todos “chapurreando” , porque nin se fala ben unha cousa nin a outra.

Tedes que saber que somos a primeira xeración de xente moza que pode perder o galego ¡Pero tampouco digo que deixedes de falar castelán! Debemos falar as dúas linguas por igual, pero o galego é o que está en decadencia, e o que, nun próximo futuro, podería desaparecer. Pero só vos pido que reflexionedes, e que faledes galego, aínda que só sexa “un pouquiño” (adicado á xente que fala sempre en castelán).

A lingua é nosa, de quen a fala e
¡non podemos permitir que se perda!
¡¡¡POR FAVOR, FALADE GALEGO!!!

“… eu quixen e quero que a fala galega
durase e continuase, porque a duración da
fala é a única posibilidade de que nós
duremos como pobo. Eu quixen que Galicia
continuase e, ó lado da patria terreal, da
patria que son a Terra e os mortos, haxe
estoutra patria que é a fala nosa.
Álvaro Cunqueiro.

“Non esquezamos que se aínda somos galegos
é por obra e gracia do idioma”.
Castelao.

Unha rapaza que non perde a esperanza…

Lorena Varela Amboage 4º ESO C.

Comments are closed.