A precaria revolución tecnolóxica da identidade galega

Reproducimos o artigo que Casdeiro escribiu en Maio de 2006 para o monográfico sobre a Galiza Mundial publicado polo Foro Cívico Galego de Barcelona este verán.

Que é o que supón Internet para a galeguidade?

O impacto da Rede sobre o propio concepto de Galeguidade, desa forma de nos identificarmos como galegos con independencia do noso lugar de nacemento, aínda non foi asumido por moitos na súa total potencialidade. Na miña opinión estamos asistindo a un momento histórico dentro da relación entre Galiza e a súa diáspora, ao dispormos hoxe do primeiro espazo compartido por todos os que formamos parte dese ente abstracto chamado a Galeguidade. E ese espazo que por fin vén concretar nunha ubicación determinada a presenza simultánea de galicianos e emigrados, de naturais e descendentes, non é outro ca Internet.

Cando un prende o ordenador en calquera lugar do mundo e se adentra na Internet de temática galega, está a abrir unha xanela a Galiza. Este feito, esta sensación que milleiros de persoas experimentamos a cotío, non é doadamente comprendido desde Galiza, xa que alí Internet non é senón outra xanela máis ao mesmo espazo no que se vive, ou en calquera caso a espazos alleos e culturalmente estranxeiros. Pero para os galegos da diáspora é algo de carácter case máxico, unha especie de portal marabilloso de teletrasportación mental que nos sitúa de forma imediata na nosa terra de orixe, que nos ubica nas coordenadas emocionais e culturais que todos levamos dentro, que nos dá un lugar para expresarmos a galeguidade… un espazo vivo e sen límites, sen comparación con nada do que dispuxeramos ate o de agora na emigración.

Iso explica o éxito dunha experiencia coma a da comunidade virtual Fillos de Galicia (Fillos.org), posta en marcha por min no ano 1997 como forma de extender e trasmitir a miña experiencia persoal de galeguización por medio da Rede a canto descendente de galegos estivese na mesma situación: a de levar Galiza dentro, pero vivir fóra dela. E ese contaxio foi un éxito: desde aquela non deixaron de se achegaren fillos, netos, galegos emigrados, galegos retornados, galicianos interesados en compartir o noso sentir… demostrándose o mesmo teorema do e-commerce que fala do axeitamento de Internet como medio para satisfacer necesidades minoritarias ou nichos de interese espallados xeograficamente. É por iso que namentras os centros galegos tradicionais seguen a sufrir un declive terminal, minguando a maior ou menor ritmo o seu número de socios e usuarios, nós atraemos cada ano máis e máis1 galegos de corazón orfos dun lugar onde expresaren e compartiren a súa identidade galega. De feito, como xa advertín no meu ensaio “O papel de Internet na conservación da identidade e cultura galegas entre os descedentes dos emigrantes”2, e no meu artigo “Fillos de Galicia é o único centro galego con futuro”3, existe unha clara tendencia que leva a que cada vez máis persoas utilicen Internet para o que antes se usaban tradicionalmente os centros. E esta tendencia conflúe coa das comunidades virtuais ou social networking sites, que se están a constituir no tipo de webs que maior éxito amosa a nivel social en todo o mundo.

Características desta revolución da identidade

Ao longo destes anos nos que a identidade dos fillos de Galicia se veu desenvolvendo e evoluindo neste novo hábitat virtual, puidemos apreciar certos rasgos moi interesantes que caracterizan sociolóxica e politicamente a experiencia que estamos a vivir.

En primeiro lugar o que máis chama a atención é que estamos a falar dunha identidade que se afortala en lugar de minguar. A identidade nacional ou cultural, fóra do hábitat nutricio do país á que está vencellada, normalmente fica desamparada e recibe a agresión intensa doutras identidades, doutros ámbitos culturais, lingüísticos, sociais… E así, privada do contacto identitario que a alimenta permanentemente co seu propio ser, vai diluíndose, vai ficando reducida a expresións folclóricas ou sentimentaloides, e non consegue trasmitirse ás novas xeracións. Ate o de agora iso parecía inevitable, e co cese de novos fluxos migratorios levaba inexorablemente ao esmorecemento das diversas colectividades galegas no mundo. Pero é neste contexto cando xorde Internet, abrése un espazo como Fillos de Galicia, e as identidades galegas non só non esmorecen, senón que renacen e se intensifican. Velaquí algunhas expresións dos participantes en Fillos a xeito de mostras deste punto de inflexión4:

FILLOS me dio una familia que no tenia, me devolvió ese cariño adormecido a Galicia, la parte más linda de mi vida, la infancia junto a mis Padres Gallegos y un sin fin de Amigos. (Manuel, Arxentina)

Fillos de Galicia possibilitou a minha primeira experiência com meu pôvo ancestral. Aprendí algumas palavras de sua lingua e um pouco de seus costumes. Jamais serei a mesma pessoa após esta fantástica experiência. (Leida, Brasil)

Fillos fue la manera de encontrarme con mis raíces. (Carlos, Cuba)

Gracias a Fillos recuperé la memoria emotiva! (Norma, Arxentina)

Gracias a Fillos de Galicia recuperé el “ser gallego” que mis padres sembraron en mí y que el tiempo iba borrando. (Enrique, Panamá)

Esta re-identificación chega a tal punto neste entorno online que os membros de Fillos adoitan identificarse como galegos utilizando expresións que inclúen a modo de sinatura nas súas mensaxes, como Eu son galega ate as mans, Galega desde o ADN, Eu son fillo de Galicia, Galiza vive en nós, etc. ou utilizando un e-mail que os identifica por onde queira que vaian na Rede, como galegos (…@DeGalicia.org).

Pero o impacto deste tipo de comunidade virtual non só se produce por medio dunha identificación grupal abstracta nun pobo común, senón que se traduce nunha recuperación individual de rasgos culturais e lingüísticos. Nunha enquisa feita en 2003 para avaliarmos o impacto de Fillos de Galicia sobre os nosos usuarios neste terreo, máis do 80% respondeu que Fillos fixera que se sentira bastante ou moito máis galego, o 67% afirmou que contribuira (bastante ou moito) a aprender ou mellorar o idioma galego, e o mesmo pódese dicir da cultura galega en xeral (75%), a historia de Galiza (75%), gastronomía e costumes (70%), contribuindo tamén a integralos informativamente na actualidade de Galiza (80%).

Por outra banda estamos a falar dunha identidade que non se vencella con ningunha fronteira, pois en canto entramos en Internet, estas desaparecen e compartimos territorio (virtual) os galegos de calquera lugar do mundo, sen que ninguén nos esixa ter papeis, nin nos asigne máis ou menos dereitos en función dunha nacionalidade asignada aleatoriamente segundo leis diferentes, lugares de nacemento e experiencias migratorias e familiares diversas. Coido que estamos a falar do que podería ser o cerne dunha auténtica nacionalidade virtual. De feito na nosa comunidade virtual dispomos do que poderíamos chamar un sistema de goberno democrático e participativo, da nosa propia moeda virtual (o galeuro5), relacións sociais case tan multiformes coma en calquera territorio físico, e de certos rasgos que poden estar comezando a plasmar nalgo sólido esa Galeguidade ate o de agora moito máis abstracta ou mesmo retórica.

Outro rasgo que define esta experiencia identitaria na Rede é que racha, ademais de coas fronteiras territoriais, con ese illamento e incomprensión que moitas veces sufrimos os que nos sentimos galegos nunha sociedade non-galega. Unha das expresións máis repetidas entre os que se achegan a nós é: por fin encontrei xente coa me podo sentir galego/a! Este é un efecto psicosocial moi interesante. E podemos falar aínda doutra barreira máis coa que estamos a rachar: a xeracional. O habitual nos centros galegos, e nas familias galegas da diáspora en xeral, é que exista unha certa barreira tanto cultural como vital entre os vellos e os novos. E así nos centros un pode observar grupiños de vellos xogando á brisca ou lembrando a súa vida en Galiza, e por outra banda, polo xeral sen moita relación cos primeiros, pequenos grupos de xente nova aprendendo bailes, gaita, ou en cursiños de galego. En troques, no noso caso aproveitamos unha característica da comunicación en Internet: que permite nivelar idades, sexos, niveis culturais, económicos e sociais diferentes, para por en contacto directo, igualitario e permanente a persoas tan só polo feito de teren algo importante en común: se consideraren membros dun mesmo pobo ou dunha mesma cultura.

E finalmente, unha mudanza que aínda está comezando a agromar: a formación dunha conciencia política común entre os galegos da emigración. Esta unidade estase a expresar fundamentalmente en temas que afectan a moitos dos fillos e netos (asunto da nacionalidade) e que espertan a imediata solidariedade dos que compartimos identidade con eles. Pero cada vez máis amplíase esta toma de conciencia a temas de política cultural, social ou xeral, como se pode comprobar nos tres manifestos políticos producidos no ámbito de Fillos de Galicia en diversos momentos6. Neste sentido foi moi alentador comprobar como unha acción convocada en 2002 no seo da nosa comunidade virtual movilizou en apenas dúas semanas, máis de mil internautas de orixe galega que bombardearon os enderezos electrónicos dos senadores españois con motivo da reforma do Código Civil. É evidente que o tempo de facer unha politica unidireccional para os emigrantes pero sen eles, acabou. Na actualidade as demandas deste grupo de presión que se está a consolidar entre os descedentes dos galegos, están xa a inicidir -aínda que modestamente- no proceso de reforma estatutaria galega e mais no da lei electoral. E penso que tamén desde Galiza ten que ser vista con satisfacción esta crecente participación e unidade política da diáspora, a non ser que queiran apostar por unha democracia paternalista, condescendente ou mesmo ilustradamente despótica.

Vai perder Galiza esta oportunidade?

Pode que nos atopemos con todo o devandito no inicio da construción desa nova identidade galega que reclama Xosé Luís Barreiro Rivas cando fala da necesidade de construír unha nova identidade que sexa acaída á situación histórica na que agora nos encontramos, ás novas tecnoloxías e ás novas formas de intercambio (…)7. Talvez.

De todos xeitos hai sombras neste camiño, sombras que nos levan acompañando desde o principio nesta experiencia revolucionaria dos fillos e netos de Galicia na Rede. A nosa é unha revolución que está en perigo por causa da precariedade (en canto a recursos económicos e humáns) na que se sostén esta plataforma principal da súa expresión, que é a comunidade virtual Fillos.org. Porque é lóxico que nacera como naceu: como a maioría dos casos de éxito na Rede, partindo da propia necesidade dos usuarios, e facéndoo a partir da mancomún destes propios usuarios. Pero o que non semella xustificable, nin para nós nin para moita da xente que veu recoñecendo e loubando o noso traballo, é que nestes 9 anos non se concretase unha colaboración institucional seria. Moita xente sorpréndese de saber que Fillos de Galicia non recebe unha axuda económica decidida do goberno galego, e tampouco un claro apoio nin respaldo de tipo institucional. O noso balance co anterior goberno foi practicamente nulo8, mesmo negativo cando presenciamos con estupor a creación dun portal, Galicia Aberta, que non era senón un clon mal amañado dos portais creados pola nosa asociación, no que ademais se incumprían as regras máis básicas de eficacia en Internet ao mesturar públicos que non teñen nada que ver, como son os inmigrantes e os emigrantes, amosando falta de coñecemento e experiencia na Rede, a maiores dun ninguneo ao noso traballo de tantos anos. Sobra explicar que non houbo nin tan sequera unha posta en contacto para solicitar a nosa colaboración ou asesoramento neste proxecto, de sospeitada finalidade electoralista.

Pero aínda maior sorpresa levamos cando tras o troco de goberno, os novos responsables de emigración, en lugar de rectificar continuaron co derroche de investimento público e coas costas viradas a Fillos, apostando por manter e potenciar ese portal clónico. E vaia por diante que na nosa organización consideramos que a Xunta debe ter un web institucional destinado aos nosos emigrantes, desde o que fornecer información e axudas públicas, pero parécenos sumamente lamentable que se dedique este espazo público na Rede a suplantar funcións que ven facendo desde 1997 a nosa asociación, a base de esforzo, dedicación e sacrificios económicos e persoais de moita xente (socios, colaboradores, membros, traballadores, algún emigrante patrocinador…). E iso decepciona e queima. Só continuamos grazas ao apoio e recoñemento expresado día a día desde a base, desde a sociedade civil, tanto desa sociedade virtual de milleiros de internautas da que formamos parte, como desoutras organizacións e medios de comunicación… que é o que nos fai botar para adiante, e non facer caso do desprezo e cegueira das administracións.

Para unha vez que os galegos fomos innovadores, e estamos en primeira liña desta revolución identitaria xunto con diásporas como a irlandesa, estamos permitindo que nos estean a tomar a dianteira pobos como o vasco, que aprenderon da nosa experiencia online e -eles si- recibiron un apoio significativo das súas institucións, para seguir os nosos pasos.

Polo tanto é hora de eliminar os atrancos (descoñecemento, incomunicación, illamento) que fan que a maior parte da sociedade galega viva allea a este fenómeno que estamos a desenvolver na emigración, e que traballemos xuntos (colaboración) para facer o camiño que ten de levar a Galiza a facerse un espazo de seu, activo e mundial na nova Sociedade do Coñecemento cara á que nos leva Internet. E ese futuro pasa por dispormos dun dominio de noso (o .GAL), como nova sinal de identidade compartida entre todos os que nos sentimos parte da Galiza Mundial, e por apuntalar as pontes virtuais como Fillos.org ergueitas entre ambas beiras da alma dual galega (Galiza+Diáspora) polo esforzo e dedicación voluntariosa da nosa propia xente máis activa.

Non queremos pensar que nos atopamos diante dun Estado, que como di Carlos Taibo9 parece interesado en que as ONGs os liberen do deber de satisfacer demandas elementais. Moitas veces nos dixeron que estabamos facendo un labor que debía ter feito a administración, e xa vai sendo hora de que nolo recoñezan e deixen de actuar contra un dos principais motores desta revolución da identidade. Ou seica imos pasar do clientelismo á competencia coa sociedade civil? Pode permitirse o noso pobo esa desunión, esa anti-cooperación? Porque se Fillos de Galicia desparece por esgotamento dos propios recursos, por cansazo fronte á incomprensión e os erros dos gobernos de turno en Galiza, esta revolución non morrerá, e Internet seguirá servindo para procurarnos a nós mesmos como galegos… Pero si que se botará a perder un inmenso traballo feito, recuaremos anos, malgastaremos milleiros de euros dos contribuintes galegos volvendo a facer o desfeito, botaremos a perder o noso principal edificio de encontro nesta a nosa particular aldea mundial, e caeremos dun tren no que foramos -por unha vez na nosa historia- dos primeiros en subir, desaproveitando o mellor que pode ter para os galegos como pobo, este fenónemo da mundialización tecnolóxica.

…Ao final, imos axudar a facer ou a desfacer esta revolución?


NOTAS:
1) No ano 2005 inscribíronse un 228% máis de usuarios que no 2004. Hoxe son máis de 3.300.
2) Pódese descargar desde varios lugares da Rede, entre eles o portal de Fillos de Galicia para os centros galegos, Galeguidade.net no atallo: http://opapeldeinternet.galeguidade.net
3) Pódese localizar procurando as palabras único futuro en PlanetaGalego.info.
4) As citas están tiradas da sección de testemuñas de Fillos.org. En calquera sección deste portal pódense atopar moreas de mensaxes, e-mails ou comentarios no mesmo sentido.
5) Vid. http://www.galeuros.com.
6) O último foi con ocasión das eleccións galegas de 2005.
7) A Terra quere Pobo (Galaxia, 2004).
8) Malia recibirmos axudas practicamente simbólicas de Emigración desde o ano 2003, a incomprensión que recebemos deles tivo un custo económico que non compensou as devanditas axudas. Iso si, no ano 2005 Política Lingüística, aínda co goberno do PPdeG rachou con esta miserenta axuda e achegounos uns xenerosos 1.600 euros.
9) Na súa recente obra Os movementos de resistencia fronte á globalización capitalista (Xerais, 2005).

5 Responses to “A precaria revolución tecnolóxica da identidade galega”

  1. PlanetaGalego di:

    Desque foi escrito este artigo as cousas comezaron mudar coa Xunta de Galicia, nomeadamente coa Secretaría Xeral de emigración. Aínda que recibimos unha negativa á proposta de convenio presentada a D. Carlos Sixirei en Febreiro de 2006, por fin acadamos unha reunión co Secretario Xeral D. Manuel Luís Rodríguez no que comezamos a resolver incomprensións mutuas e reiteramos o noso ofrecemento de colaboración. Esta comezouse plasmar nunha promoción puntual do portal GaliciaAberta e as súas novas mediante diversos mecanismos, na comunidade online de Fillos.org e webs derivados, que nos reportou unha certa axuda económica. De todos xeitos aínda fica moito por percorrer para consolidar unha relación axeitada e xusta.

    Namentres, outras consellarías parecen irnos tendo máis en conta. Pensamos que é un camiño que vai ir amodo pero sen volta atrás, ate acadarmos o apoio e recoñecemento preciso para a nosa organización.

  2. PlanetaGalego di:

    Unha entidade galega entre as 10 maiores do mundo (en número de usuarios), que recibe 1 millón de visitas ao ano (só no seu portal principal, sen contar estoutro de PlanetaGalego.info ou Galeguidade.net), que ten un custo de mantemento de orde de 55.000 euros anuais, precisa unha axuda permanente, decidida e que faga xustiza ao desamparo sufrido durante todos estes anos nos que a administración galega nos virou as costas, cando non actuou en contra de nós directa ou indirectamente. Son chegados os tempos de sentarnos e procurar un financiamento público mínimo e estable para este proxecto. Nós fomos quen de levar, con moito sofrimento e esforzo totalmente privado, estes anos de illamento institucional. Así que demostramos termos capacidade de xestión e de autofinanciamento, pero só ata certo punto, e se queremos evoluir e medrar e potenciar este proxecto requerimos axuda externa, e penso que é de xustiza que sexa a Xunta de Galicia quen dea o paso e nos apoie dunha vez con forza.

  3. margarida.santos di:

    Este artigo de Casdeiro descreve, de forma exemplar, a importância da acção pioneira do Projecto FILLOS DE GALICIA no axegamento a Galiza dos Galegos da Diáspora e da evolução e ampliação do seu envolvimento tanto na afirmação cultural e linguística da Galiza, como em acções que potenciam uma maior e mais efectiva participação dos emigrantes na definição das políticas que lhes dizem respeito agora e no futuro.

    Por isso, um Projecto como o nosso cujos custos anuais de manutenção ultrapassam os 55 000 mil euros e que sobrevive da dedicação incansável do seu fazedor e do apoio carinhoso dos Sócios da Associação Cultural, precisa urgentemente do apoio/financiamento do Governo da Galiza.

    Uma Comunidade Virtual com a dimensão social de FILLOS DE GALICIA que regista neste momento
    mais de 4 000 Membros, não pode ser deixada ao abandono por parte das Entidades Oficiais. A amplitude da Comunidade, motivo de grande orgulho para todos nós, coloca-nos perante a eminência de rotura de meios humanos e financeiros.

    No limiar deste novo Ano de 2007, faço votos sinceros para que a actual Xunta da Galiza não se permita o erro político de, por falta de apoio institucional mais que justificado, se perder um património tão valioso como FILLOS que o esforço e dedicação ergueram de forma tão carinhosa e solidária.

  4. PlanetaGalego di:

    Tamén semella incomprensible que non se nos convoque ao Pleno del Consello de Comunidades Galegas, cando a el se supón que asisten representantes de máis de 100 entidades, a inmensa maioría delas que agrupa a menos usuarios cá nosa. Carlos Sixirei en Febreiro de 2006 dixo que habían procurar a forma de que participásemos nestes órgaos da representación da emigración así como no proceso de desenvolvemento da nova Lei da Galeguidade, pero aínda estamos a esperar. Polo tanto non se trata tan só dun problema de falta de apoio económico senón que nos seguen a desconciderar tamén a nivel institucional.

  5. […] os poderes públicos non souberon e non saben ver o servizo potencial que Fillos podería servir na (re)conexión coa diáspora […]