Galiza en lapas!!!!

Dous anos despois doutro artigo titulado Galiza arde, temos que seguir berrando, esixindo, que isto pare. Ano tras ano o lume mata as cada vez menos árbores que temos. Por que? Quen quere que, e paga para que, Galiza morra entre as lapas?

Vigo, Pontevedra e Santiago de Compostela viven dende hai catro días cubertas de fume. Ás veces unha dubida se son nubes, se hai un eclipse, ou se se trata da fin do mundo. A cinza que entra polas ventás da casa dime que se trata de fume, e nada máis que de fume.
Galiza arde, de novo; desta volta, as provincias da Coruña e Pontevedra son o obxectivo. As xentes de Cerdedo, Pazos de Borbén, Vilaboa, Combarro, Brión… levan varios días sen durmir, loitando contras as lapas. Algúns veciños resístense a marcharen das súas casas, e teñen que forzalos a desaloxar. Catro persoas morreron xa como consecuencia do lume en só tres días. Non sei cantas hectáreas están queimadas, e continúan a queimarse mentres escribo. Non sei cantas persoas teñen a luz, o teléfono e a auga cortadas por mor dos incendios. Non sei cantas casas están rodeadas de lume e os seus habitantes levan días sen parar de regar ao seu redor.

Non sei quen quere que Galiza arda. Non sei cantos incendios comezaron ao tempo en puntos diferentes das dúas provincias.
Si sei que non son cousas do destino nin de catro pirómanos tolos.
Dicía naquel artigo, de hai dous anos, que o problema que ten o monte é estrutural: non se usa, non se coida, non se limpa, e non importa que arda. Ese problema segue a existir: un monte útil, que dá de comer, non arde; arde o monte que non interesa, que mellor estaría sendo unha urbanización ou un campo de golf.

É que hai intereses urbanísticos detrás das queimas? Eu non o sei, non o podo saber. Podo saber que se os equipos de extinción están onde o lume acecha as casas, non están noutros sitios, que aproveitan para arder sen control. E que se nunha mesma fin de semana xorden centos de incendios, non é por casualidade, nin por un brote de esquizofrenia colectiva, nin porque centos de campistas decidiran facer churrasco sen controlar as brasas.

E os galegos e galegas merecemos saber quen, por que, queima o noso país. E despois de sabelo, merecemos que NUNCA MÁIS ocorra.

Comments are closed.