Brinquedia, a Rede de Xogo Tradicional Galego

Dende Brinquedia, enviannos este artigo sobre as suas iniciativas a prol da conservacion da cultura galega, en concreto das formas de xogo tradicionais.

Os homes son en realidade deuses que inventaron o mundo como un xogo. Entón, descenderon a el, rematando por se converter en vítimas da súa propia amnesia, até o punto de ficar atrapados no xogo para sempre. (L. Ron Hubbard)

O Patrimonio Lúdico Galego
Podemos definir ao xogo tradicional como aquel nacido ou desenvolvido nunha determinada comunidade para dar satisfacción ás súas necesidades lúdicas, marcadas polo seu particular xeito de vida. Consideramos de importancia capital o conxunto das nosas prácticas lúdicas tradicionais, sendo várias as razóns que nos levan a esta conclusión. Entre elas podemos enumerar:

Algúns dos xogos tradicionais que integran o Patrimonio Lúdico galego son prácticas culturais máis antigas que muitos dos monumentos arquitectónicos que temos todos na cabeza.
O material preciso para a práctica dos diversos xogos tradicionais acostuma ser de balde ou mui económico, polo que facilita a dinámica social dos xogos e diminúe os límites sociais.
A súa práctica favorece a comunicación inter-xeneracional, tan en desuso nos nosos días, que ven ser o principal xeito de transmisión cultural e afectiva.

Brinquedia. O nacemento dunha Rede
Actualmente, os xogos e deportes populares e tradicionais galegos están gozando dun pequeno auxe depois de atravesar unha situación de desaparición progresiva. Podemos constatar nos últimos tempos a continua aparición de colectivos (clubes, asociacións, empresas, centros de ensino, iniciativas particulares…) interesados ben na recuperación das práticas lúdicas tradicionais en xeral, ben dunha modalidade específica.

Podemos salientar as ligas de Birlos/Bolos do Val Miñor, de Viana do Bolo, de Xove ou da Órrea; as Regatas de Dornas da Illa de Arousa e de Ribeira; as Ligas de Chave de Ourense e Ferrol, Santiago e A Coruña; a realización de numerosas actividades no tecido asociativo, o tratamento incipiente dos nosos xogos nos centros de ensino (de salientar aquí o Museo de Xogos Populares do CEIP de Esteiro en Ferrol ou o CEIP Mosteiro de Caaveiro n’A Capela, nas terras do Eume, colexio que ademáis, proxecta a apertura dun Centro de Interpretación dos Xogos Tradicionais, recuperando espazos do patio escolar e marcando diferentes zonas de xogo con paneis explicativos); a creación de novos espazos e infraestruturas que gardan estreita relación co mundo do xogo (o MUPEGA en Santiago, o Palao en Ourense, o Museu do Xoguete en Allariz…) e multitude de asociacións e centros de ensino que traballan arredor dos xogos tradicionais, ben no dia a dia, ben na organización de interesantes e fructuosas actividades.

Porén, tamén observamos que, malia existir tantas iniciativas, o xogo tradicional non se atopa recoñecido socialmente, véndose relegado habitualmente a unha segunda plana. Con relación a isto, podemos nomear o caso tan curioso de que a Asociación da Chave de Ourense (xogo galego de fonda raigame), para poder desenvolver a súa Liga, teña que estar inscrita na Federación de Petanca (xogo importado da Franza há apenas un século). Do mesmo xeito, constatamos que ao longo das 3 últimas décadas o xogo tradicional (agás algunhas excepcións) perdeu presenza nomeadamente entre a mocidade, centrándose a sua práctica entre os “vellos”, ou ben en programas culturais que os protexen.

Estes argumentos tiveron un peso especial cando a finais maio do 2004, un grupo de persoas e colectivos participantes do I Curso de Xogos e Deportes Tradicionais -celebrado en Ourense- aprobabamos entre as Conclusións do Congreso a necesidade de crear unha entidade que agrupase a todas as manifestacións que, arredor dos xogos tradicionais existiran en Galiza e deseñase un proxecto de actuación común.
Cumpriu case un ano e diversas reunións en distintos pontos do país para lle dar forma á idea. En Melide redactamos o Documento Fundacional, n’A Capela xestáronse os I Encontros Escolares de Xogos Tradicionais e finalmente en Riotorto celebramos a Asemblea Fundacional o 27 de marzo de 2005.

Entre os obxectivos marcados por Brinquedia – Rede Galega do Xogo Tradicional, podemos salientar:
-Creación dunha Rede de información e comunicación entre todas as iniciativas adicadas aos xogos tradicionais.
-Deseño dun Plano Galego de Rehabilitación dos Xogos Tradicionais e inclusión do Patrimonio Lúdico na lexislación deportiva e cultural galega.
-Difusión e promoción do catálogo lúdico tradicional.
-Contemplar a creación e adaptación de espazos para os nosos xogos ao deseñar as infraestruturas escolares, deportivas e de lecer.
-Implicación dos meios de comunicación galegos e dos representantes das distintas disciplinas artísticas, recoñecendo ao xogo tradicional como unha parte máis da nosa Cultura.
-Conservar e promover a cultura popular; através da promoción do Património Lúdico, promovemos também o coñecimento da língua e do meio galego, as clases de árbores, de madeiras, pedras, crenzas, ofícios, ferramentas e muitos outros apartados do noso Patrimonio Inmaterial.

Ademáis disto, desde Brinquedia, impulsamos a organización de distintas actividades, como o Encontro Escolar de Xogos Tradicionais, que xá vai pola segunda edición, promovendo a inclusión do xogo tradicional no currículo escolar de 17 centros de ensino, ou a iniciativa, tamén escolar, Polo San Martiño, peóns ao camiño, que pretendía potenciar o xogo do Peón na que tradicionalmente foi a data que marcaba a estacionalidade deste xogo, conseguindo que nesa xornada bailasen ao longo do noso país máis dun milleiro de Trompos.

O Xogo Tradicional
O conceito de xogo tradicional cicais teña mudado nos últimos anos grazas á existencia de certos traballos etnográficos, sociolóxicos e antropolóxicos que viñeron a complementar pouco a pouco o punto de vista que se tiña dos mesmos; posibilitando así que estas prácticas deixasen de ser curiosidades exótico-folclóricas, para as incluír –dun xeito reflexionado e coa importancia que merecen- dentro do Patrimonio Cultural de cada pobo.
Así, pois, o proceso de rehabilitación xa non se fai acudindo a un prantexamento nostálxico ou a unha recuperación museística, senón que pasa por favorecer a súa promoción actual, conscientes da realidade e coñecedores das distintas prácticas lúdicas.

Os xogos representan, logo, un entrenamento variado do conceito de calidade social e comunitaria, conformando un punto de reunión e de comunicación inter-xeneracional. Son unha fonte de enriquecemento individual e colectivo así como unha experiencia local e territorial. E dado que muitos xogos ten unha prática semellante fóra do noso país, levan implícitos unha clara dimensión internacional e globalizadora.

Lois Pardo
Presidente de Brinquedia – Rede Galega do Xogo Tradicional

Comments are closed.