Propoñen ao teixo, árbore símbolo de Galicia

Manuel Rodríguez Troncoso, emigrante galego en Catalunya envíanos este escrito que o seu irmao Amador, fixo chegar ao grupo parlamentar do Bloque Nacionalista Galego. Nel propón, co gallo dos debates sobre o novo estatuto de autonomía da CAG, a instauración do teixo coma árbore simbólica da Galiza.

Cando se está a debater o Novo Estatuto de Galicia considero de interese arriquecer os nosos símbolos, e engadir á bandeira, ao escudo e ao himno, a referencia a unha árbore de fonda raigame nesta terra, sen necesidade de imitar aos bascos como fixeron algúns dos vellos galeguistas que adoptaran “o carballo de Guernica”.

Temos razóns NOSAS, ENDÓXENAS que se perden no fondo da História para poñer o ESTATUTO DE GALICIA ao amparo do TEIXO polos motivos seguintes:

1º.- A LIBERDADE, que defenderon as nais galegas no monte Medulio , envelenando aos seus fillos coas ponlas e coas raíces do Teixo para que non caesen baixo a escravitude dos romanos.

2º.- A LONXEVIDADE dado que o TEIXO ten como media de vida mil e cincocentos anos. En Francia consérvase algún exemplar da época romana. En ANKER (Gran Bretaña) existe un Teixo no que se asinou á súa sombra en 1.215 “A Carta Magna”. O Teixo do Cemiterio de BRABOURNE de Kent (Inglaterra) ten máis de 3.000 anos.

3º.- A UNIVERSALIDADE, porque os Galegos adaptámonos en calquera lugar do Mundo e o Teixo medra no centro e no mediodía de Europa, nas illas Azores, en Arxelia , en Asia Menor e no Himalaia, reforzando a galeguidade

4º.- A SINGULARIDADE xa que na Comarca de Valdehorras hai un bosque centenario o “Teixedal de CASAIO” que é o único bosque de teixos que existe en Europa.

5º.- A IDENTIDADE con Galicia. Hai un concello “A Teixeira” na provincia de Ourense; catro feligresías . “San pedro de Teixeira” do concello de Baralla(Lugo) , “Santa María de Teixeiro” do concello de Lugo; “San Marcos de Teixido” do concello de O Bolo (Ourense) e “San Andrés de Teixido” do Concello de Cedeira “uns dos santuarios de maior tradición e raigame de Galicia ONDE TÓDOLOS GALEGOS IREMOS DE MORTOS SE NON IMOS DE VIVOS”.

Hai máis de cincuenta aldeas nas nosas catro provincias cos nome de Teixeira. Teixeda, Teixidelos, Teixeiro, Teixido , Teixoeira Texugueira e máis topónimos que se refiren ao Teixo. O Teixo foi moi abundante na nosa terra pero foise eliminando pola súa toxicidade para os cabalos.

A PLANTACIÓN DUN TEIXO “do Teixedal de Casaio” EN LUGAR MERECENTE DO PARLAMENTO, Ó ABEIRO da lei, sería garantía de “miles de primaveras máis” da NOSA IDENTIDADE universal, libre e singular.

Negreira, 12 de xuño de 2006.
Atentamente: asinado Amador Rodríguez Troncoso

One Response to “Propoñen ao teixo, árbore símbolo de Galicia”

  1. Anónimo di:

    non estou de acordo