Constitúese unha promotora a prol do dominio .GAL

12 entidades repesentativas da cultura e do tecido social e empresarial galego únense para conseguir un dominio de primeiro nível para a cultura e lingua galegas. Entre elas non podía faltar Fillos de Galicia, que foi a única entidade que mantiña acesa ate o de agora a demanda en Internet nas súas páxinas de RedeGalega.org. Reproducimos a nota de prensa de presentación.

Unha ducia de entidades representativas de diversos ámbitos da sociedade galega constituíron en Santiago de Compostela a promotora da Asociación PuntoGal, que ten como obxectivo a consecución do dominio .gal como espazo propio na internet para a cultura e a lingua do país. Estas organizacións avalarán a candidatura diante da Internet Corporation for Assigned Names and Numbers (ICANN), organismo internacional que se encarga de autorizar e de recoñecer os dominios.

A asociación nace tamén coa pretensión de sumar o maior número posible de apoios sociais para a iniciativa. Igualmente, realizará accións de concienciación entre a cidadanía sobre a necesidade de que Galicia dispoña dun dominio propio. A promotora está conformada por representantes da Asociación de Editores de Galicia, da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia, da Asociación Cultural Fillos de Galicia (fillos.org), do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, do Consello da Xuventude de Galicia, das Empresas Galegas Adicadas a Internet (Eganet), de Galicia Hoxe, do Idesga-Galego 21, do ISOC-Galicia, da Mesa pola Normalización Lingüística, da Real Academia Galega (RAG) e de Vieiros.

Pola propia complexidade do proceso a promotora considera fundamental traballar dando pasos firmes, actuando con axilidade e contando cun amplo respaldo social. A ICANN valora as propostas en función da xustificación, da necesidade de ter o dominio e dos apoios dos que dispón a propia candidatura dentro do seu territorio; por iso é imprescindible artellar unha candidatura sólida coa presenza de importantes organismos e asociacións galegas no ámbito cultural, lingüístico e da comunicación.

Nestes momentos, o grupo de traballo está a manter reunións para coñecer experiencias doutros casos similares, especialmente o catalán; prepara un calendario de actuacións en base á axenda da propia ICANN; estuda as opcións para elaborar e defender os preceptivos informes da candidatura; e elabora os estatutos que rexerán o funcionamento da asociación. Sobre cada unha destas cuestións, así como das maneiras de sumarse a este ilusionante proxecto, volverase informar en novas comunicacións.

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2006
Promotora da Asociación PuntoGal

Comments are closed.