Os emigrantes esquecidos pola Xunta na súa política sobre Internet

Onte celebrouse en toda España o día de Internet. E en Galicia os responsables da Xunta cansáronse de falar de integración, igualdade, conectividade… pero sen pensar en nós os galegos da diáspora, que segundo reza a Lei de Galeguidade e as solemnes declaracións dos responsables de emigración temos os mesmos dereitos cós galegos de Galiza… aínda que parece que non no tema de Internet. (Un comentario de actualidade de Casdeiro, presidente da Asociación Fillos de Galicia)

Lemos nas notas de prensa enviadas onte polo gabinete de comunicación da Xunta: “O SECRETARIO XERAL DE COMUNICACIÓN DA XUNTA AVOGA POR QUE “AS TIC SEXAN UN INSTRUMENTO PARA COMBATER A DESIGUALDADE E A EXCLUSIÓN SOCIAL”, NO PRIMEIRO DÍA DE INTERNET”. Moi ben, pero os emigrantes ficamos excluidos, precisamente cando somos os que máis podemos aproveitar Internet no sentido de que é unha vía que nos fai compartir e vivir Galiza a cotío de forma rápida e barata.

Fernando Salgado García sinalou como un dos principais obxectivos do novo Goberno galego a xeralización do uso de internet. Fantástico, sempre que non nos esquezan, coma sempre aos emigrantes.

O secretario xeral de Comunicación da Xunta recordou que os novos orzamentos para o vindeiro ano intentarán que 10.000 fogares teñan acceso á rede. Pero cantos fogares na emigración?

Sinalou que un dos máximos obxectivos da Xunta será que toda Galicia dispoña de banda ancha xa que “as tecnoloxías da comunicación deben permitirnos construír unha sociedade moito máis libre, plural, igualitaria e mesmo máis diversa”. Toda Galiza? Seica os emigrantes, despois de tantas palabras bonitas que nos dedican, no formamos parte desa Galiza toda?

Unha integración auténtica e trasversal das políticas de cara á emigración debe pasar por lembrarse de nós nestes proxectos, para que non se abra unha nova fenda que discrimine aos galegos de fóra con respecto aos de Galiza. Para iso demandamos os puntos relativos ás Novas Tecnoloxías que foron incluidos no noso III Manifesto, que recibiu un importante número de adhesión, precisamente por galegos do exterior que facían uso, como podían do acceso a Internet. A isto deberíamos sumar a demanda dun acceso subvencionado nos seus países de residencia para que os galegos que están fóra poida manter o contacto con Galicia e cos seus familiares máis directos (webcams, telefonía IP, e-mail, etc.) aproveitando así verdadeiramente as oportunidades que fornece a tecnoloxía para reparar a ferida histórica que aínda é a emigración para o noso país.

One Response to “Os emigrantes esquecidos pola Xunta na súa política sobre Internet”

  1. Apoio com veemência o conteúdo desta “MENSAGEM” do Presidente de FILLOS de GALICIA.
    É uma tomada de posição séria, oportuna e corajosa. De quem sempre trabalhou e lutou pelos direitos da Emigração Galega.
    Compete à Xunta da Galiza clarificar, através de actuação consequente, o que tenciona fazer com as expectativas que induziu na Emigração ao assumir a responsabilidade histórica da mudança de governo na massacrada nação da GALIZA.

    ««Galiza soio merecerá respeto cando abandoemos a nosa mansedume,
    despois de saber o que fomos, o que deixamos de ser e o que seríamos
    con vida independente.»»
    CASTELAO ······· 1886-1950