No 2003 emigraron máis de 62 galegos e galegas ao día, un autobús enteiro

(Extracto do artigo de www.galizacig.com)

Un 69,43% das persoas que emigraron de Galiza entre 1992 e 2003 tiñan entre 16 e 44 anos. Canarias, Baleares, Barcelona, Madrid, Andorra, Alemaña e Portugal consolídanse como os lugares de destino máis comúns. Lonxe de irse atallando, a emigración triplicouse pasando de 7.916 persoas en 1992 a 22.548 no ano 2003. Para a CIG estes datos demostran o fracaso das políticas económicas e laborais aplicadas en 16 anos de gobernos do PP en Galiza.

Entre 1990 e 2003 emigraron máis de 175.000 galegos e galegas

Así o denunciaba Manuel Mera, secretario confederal de Migración e Formación da CIG en rolda de prensa, acompañado por Xurxo Martínez, presidente da Federación Galega de Asociacións de Emigrantes Retornados e Manuel Domínguez, presidente da Asociación de Emigrantes Retornados Marusía.

Adóitase falar da emigración como un fenómeno do pasado. Porén, “estamos nun dos períodos onde a emigración é máis grande. O que cambiaron foron os destinos. Antes os emigrantes galegos dirixíanse ao exterior, segundo o momento a América latina ou a Europa. Agora, esta emigración dase, sobre todo, ao resto do Estado”, explica Manuel Mera.

Por iso, a CIG vén de anunciar a posta en marcha dunha campaña que se desenvolverá en varias fases, a primeira de sensibilización social, para visibilizar estes datos; a segunda de reunión coas organizacións de emigrantes para buscar medidas que eviten a constante sangría de xente nova e a terceira, de demanda aos poderes públicos, partidos políticos e organizacións sociais para que se poñan medidas efectivas para evitala e programas que faciliten o retorno aos galegos e galegas que están na emigración.

Case 158.000 persoas emigraron a outras CCAA

Un total de 157.836 persoas emigraron de Galiza a outras comunidades autónomas entre os anos 1992-2003. Delas o 69,43% tiñan entre 16 e 44 anos. Constátase así que “son precisamente aquelas persoas en idade de traballar e no seu mellor momento” as que buscan alternativas laborais no resto do estado “por falta de emprego, por xornadas moi intensas con salarios baixos ou pola elevada eventualidade, que medrou especialmente en Galiza na última década”, explica Mera.

Os lugares aos que máis emigran os galegos son Canarias (25,86%), Madrid (15,35%) e Catalunya (12%). Pola contra, os lugares menos elixidos polos galegos para emigrar son, ademais de Ceuta e Melilla, Estremadura (0,8%), Navarra (1,01%) ou a Comunidade de Murcia (1,9%).

Ao contrario do que cabería pensar, o 74% do total dos galegos proceden das provincias máis ricas e das zonas costeiras, de A Coruña (40,8%) e de Pontevedra (33,2%). “Esta é a primeira vez que se dá un proceso migratorio no que a procedencia das persoas que marchan á busca de alternativas laborais é maior das zonas costeiras, nomeadamente de comarcas como Ferrolterra, Barbanza, Costa da Morte ou O Morrazo” sinala o secretario confederal de Migración da CIG.

Mobilidade laboral

Para Mera é especialmente destacábel que, segundo os datos básicos de mobilidade laboral do ano 2004, hai un total de 65.673 galegos e galegas que terían asinado un contrato en outro lugar do estado. “Aínda recoñecendo que pode haber algunha persoa que asinara máis dun contrato ao longo do ano, iso non resta importancia ao dato. En todo caso, a maioría das persoas que emigran non o fan por un contrato temporal, senón por un que lles dea unha certa estabilidade e seguridade”.

Os datos analizados só reflicten unha parte da emigración existente, xa que se refiren unicamente ás persoas que marcharon fóra de Galiza e que se mudaron nos padróns. Nestes datos non figuran pois os das persoas que emigraron a outras comunidades autónomas ou a outros estados e que non modificaron o seu lugar de residencia. Aínda así son dabondo significativos, como para permitir obter unha visión da gravidade do fenómeno migratorio.

Por exemplo, segundo o goberno majorero (Fuerteventura), hai alí traballando uns 14.000 galegos, que representan un 17-18% da poboación total da illa, que é duns 80.000 habitantes. Esa xente é fundamentalmente “xente nova que se adica a dúas actividades económicas, construción e hostelaría”, explica Mera, quen sinala que ademais a súa procedencia, segundo constatan as autoridades insulares, é basicamente do Barbanza-Salnés, Costa da Morte e Bergantiños.

É especialmente destacábel que, en moitos casos, as persoas que emigran non o fan por primeira vez. Así podemos deducir que moitos emigrantes regresan a Galiza para intentar atopar un traballo e diante da ausencia de alternativas laborais optan por emigrar novamente. Tanto é así, que a cifra dos que emigraron por segunda vez ou superior (54,96%) é maior á dos que emigraron por vez primeira (45,04%).

Inmigración

Da inmigración que chega a Galiza hai que estabelecer matizacións, segundo sexan retornados ou inmigrantes de outras comunidades autónomas ou nacionalidades. O IGE non ofrece este dato desagragado, pero si se poden facer cálculos aproximativos, seleccionando dos inmigrantes só aqueles procedentes do Estado español, para saber se o saldo para Galiza é positivo ou negativo.

De feito, podemos imaxinar que os 21.786 inmigrantes procedentes de Suíza (Gráfica 5) con nacionalidade española, non son de Murcia ou Barcelona, que foron a Suíza e apostaron por instalarse en Galiza… Neste sentido, Manuel Domínguez, da Asociación de Emigrantes Retornados Marusía sinala “a maioría dos retornados proceden de Europa e en menor medida de América. Son, sobre todo, pensionistas, pero tamén hai persoas que emigraron na década dos 80-90 que regresan con algúns cartos aforrados como soporte mentres buscan un traballo en Galiza”.

Os datos de inmigración din que o 60% do total dos retornados de Europa entre 1992-2003 procedía da Suíza fronte un 13% de Alemaña. Canto a América Latina, o 40,9% dos chegados (con nacionalidade española) procedía de Venezuela e un 33,68% da Arxentina. Aínda con estas matizacións os saldos son, en xeral e ao longo da década analizada, negativos para Galiza.

Segundo Mera, o que é emigración real, se se eliminan os retornados, daría para Galiza un saldo negativo. “Porén, grazas á emigración Galiza presentou un crecemento vexetativo positivo nos dous últimos anos. É dicir, por primeira vez se compensou a caída da natalidade”.

Repercusións

A situación, para a CIG é gravísima. O secretario confederal de Migración, Manuel Mera subliña que, se ben é verdade que hai un proceso de substitución de emigrantes por inmigrantes, o que se materializa con estas cifras é o fracaso das políticas económicas e laborais do país. O que se está a producir é a substitución de man de obra galega por man de obra máis barata, incrementando así o empresariado a taxa de ganancia. Catalunya, por exemplo, é un mercado receptor, porque precisa man de obra, pero no caso galego expúlsase a uns para que entren outros.

Comments are closed.