Carta aberta aos que non me queren chamar polo meu nome

Un artigo de Xabier P. Docampo (tomado de Vieiros).

Señoras e señores: Permítanme que non lles diga queridos nin prezados nin estimados nin ningunha das fórmulas de cortesía que é costume usar nas cartas. É que eu nin os quero a vostedes, nin os aprecio nin os estimo, simplemente os sufro.

Verán, vostedes teñen o feo costume de, por máis que eu lles diga que me chamo como consta enriba deste escrito, me chamar Javier. Aínda que son moitos e moitas os que me fan tal cousa, voulles poñer o máis recente exemplo. A semana pasada chamei á clínica para pedir hora co oculista. Respondeume unha voz feminina que despois de me dicir que fose o venres ás seis e cuarto (todo isto en castelán por máis que eu lle falaba en galego), pediume o meu nome:

–Xabier –díxenlle.
–Javier –corrixiu ela.
–Non, non Xabier –insistín.
–Si, ya, ya… –dixo.
–Xa estamos coma os camareiros co café con leite –rosmei eu.
–¿Cómo? –dixo ela.
–Que me chamo Xabier, non Javier.
–Bien, pues el viernes a las seis y cuarto.
O venres cheguei e, como era a primeira vez que ía, abriume unha carpeta para o meu historial na que escribiu: Javier.
–Perdoe é que aí pon Javier e eu chámome Xabier, quere que lle amose o DNI?
–Ah, bueno, pues después ya lo corrijo.
–Si, mírame neste ollo que teño un lixo.

O oculista chamoume Javier todo o tempo. Á saída a rapaza despediume chamándome Javier… Non sei se volverei, pero é que xa non me quedan oculistas na cidade na que vivo, nin traumatólogos nin dermatólogos nin cardiólogos nin… Eu fago un par de intentos de que poñan o meu nome ben, pero tampouco insisto moito non sexa o demo que non me curen, que é o importante. O caso é que a receita para facer os lentes pon Javier. Todos escriben Javier por máis que lles digo que me chamo Xabier, aínda que eu vaia co carné de identidade entre os dentes. Alí pon ben clariño Xabier, que bon traballo que me custou que mo puxesen en galego porque era ao primeiriño de saír a norma e os funcionarios do rexistro non tiñan claro que fose legal tal rareza.

Pero non son só os do ramo da sanidade. É igual cos do ramo do dereito, que hai anos que teño pendente unha escritura porque non dei aínda cun notario na miña cidade que ma faga en galego. (Que máis che ten a escritura. Hai que ver que raro es!). Tamén me pasa con moitos funcionarios, nomeadamente cos de correos, que é frecuente que o aviso de que teño nas súas oficinas unha carta ou un paquete tamén poña Javier, aínda que o orixinal di clariño Xabier.

Outro tanto pasa cos de mensaxaría privada. E ademais cando falan desde o chirimbolo do portal din:
–Don Javier?
–Don un raio que te tronce… Eu chámome Xabier e no paquete ou carta pon Xabier.
Iso si, vostedes póñenlle aos seus fillos Iván, Anna, Michael, Iker… e pobre do que escriba Xoán, Ana, Miguel, Visitación… Ou Jessicas sen os dous eses, Jonathan sen o th, Kevin con Q… A semana pasada estiven nun colexio ao que ían os fillos e fillas da xente podente da cidade e había Sheila, Siomara, Nadir… Eses nomes non son raros, o raro para vostedes é que eu me chame Xabier e non Javier.

O funcionario daquel bonito conto de Suso de Toro trataba de convencer ao home que lle era mellor o nome en castelán. Pero é que a min non me fan caso ningún, danme a razón do tolo e despois escriben o que lles dá a gana.

En que país vivo? Nun estraño lugar no que os que falamos a nosa lingua, a que a nosa máxima lei chama “propia de Galicia” somos uns seres raros aos que hai que obrigar a cambiar.

Que o meu nome sexa en galego non lles cabe na cabeza e néganse a admitilo. Nunha palabra, vostedes fan estas cousas porque din que están contra á “imposición do galego”, seguramente non se decatan de que a única imposición que hai é a do castelán, e ao acontecido me remito.

Que lles vaia ben.

3 Responses to “Carta aberta aos que non me queren chamar polo meu nome”

  1. Anónimo di:

    Parece mentira que a estas alturas ainda haxa quen non quere recoñecer o noso e prefire o alleo. Faime graza que os nomes extranxeiros estean “de moda” e se esquezan os nosos.
    Inés

  2. Anónimo di:

    A pasada fin de semana tiven a sorte de asistir ao Xº Xantar Gaiteiro, que tivo lugar nun restaurante de Ordes. Como quer que o Concello participou nesa organización (permitiu a celebración dunha conferencia e unha proxección no Centro Comarcal, e organizou unha exposición de traxes tradicionais de toda España), despois do Xantar, o alcalde de Ordes foi invitado a falar. A miña vergoña allea alcanzou límites insospeitados. O alcalde dirixiuse a nós en perfecto castelán, iso si, con perfecto acento galego, e cando a xente lle protestou, indicou que levaba “só uns anos na súa vila” (logo soubemos que leva case 30, tempo dabondo para aprender calquera lingua), pero ademais referiuse repetidamente á Ordes coa palabra “Ordenes”, levantando as protestas dos presentes.
    Tivo sorte de estar entre xentes de boa educación, que aturaron as súas formas ata o final do seu discurso, que ademais foi breve porque aos organizadores lle impediron continuar cun mitin político que seica traía preparado. É dicir, pretendía facer campaña, iso si, sen apearse de “Ordenes”.
    Como pode unha vila aceptar un alcalde que menospreza a súa lingua, e rexeita o seu nome?

  3. Tes toda a razón na queixa. Ninguén opta po-los nomes tradicionais e moitos menos tira po-los galegos.

    A min pasoume algo parecido: A miña irmá, que está embarazada, preguntoume si eu prefería que o bebé fose neno ou nena. A miña resposta foi que tanto me tiña sempre que o nome fose galego. A miña irmá mirou o meu cuñado con cara extraña e contestoume que iso habería que ve-lo.

    Total que esto, como no anuncio “vai ser que non”