Tampouco haberá urnas para emigrantes nas vindeiras eleccións

Quintana asegura que non hai escusa para adiar a reforma. (Noticia extraída de Vieiros)

O goberno español apelou a “enormes dificultades técnicas” para adiar até despois das eleccións autonómicas galegas a reforma da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral, que incluiría a posibilidade de que os galegos residentes no exterior puidesen votar en urnas instaladas nas embaixadas, consuladas ou centros da emigración. “Non desbotamos ningunha medida mentres non se avance dabondo na identificación electrónica para implantar o voto pola rede”, asegurou o director xeral de Emigración, Jesús Ramón Copa, quen anunciou que o goberno procederá ás “depuracións” do Censo de Residentes Ausentes, CERA, para garantir a limpeza do voto. O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, advertiulle ao PSOE que está a tempo de reformar a lei electoral e que espera “que ninguén caia na tentación de pensar que é mellor que as cousas sigan como están para tirar proveito delas”.

Para Anxo Quintana, o goberno ten dúas posibilidades para realizar esta reforma antes de outubro: que o faga por iniciativa propia ou a través de grupo parlamentario. Quintana anunciou que o BNG xa presentou unha proposición no Congreso para reformar a lei electoral e sinaloulle ao goberno central que “xa ten á súa disposición” a “posibilidade institucional” de realizar esa reforma.

O portavoz nacional do BNG lembrou que no anterior período de sesións do Senado xa foi aprobada unha moción do BNG, CiU e PNV que reclamaba ao goberno melloras no proceso electoral na emigración. “Están a tempo de facelo antes das eleccións”. “Non hai escusa”, engadiu.

Os emigrantes, case o 12% do censo electoral galego

Segundo os últimos datos do CERA, Galiza concentra o 27,30% dos residentes no exterior con dereito a voto de todo o Estado, o que supón 306.933 posíbeis electores. Deste xeito, case o 12% do censo galego reside na diáspora, proporción que se incrementa até o 19% na provincia de Ourense.

O CERA experimentou nos últimos catro anos un notábel incremento ao pasar de 268.451 emigrantes que tiveron dereito a voto nas eleccións autonómicas de 2001, aos case 307.000 que figuran na actualidade, o que supón un aumento do 14,33%. En todo caso, nas últimas eleccións ao parlamento galego, só votaron o 25,54% dos residentes no exterior inscritos no CERA.

One Response to “Tampouco haberá urnas para emigrantes nas vindeiras eleccións”

  1. PlanetaGalego di:

    (Máis de Vieiros.com)
    Os deputados do PP no parlamento votaron en contra dunha proposión non de lei do BNG para que existan “mecanismos de control” que garantan a acreditación persoal, “con esixencia de identificación” dos electores adscritos ao Censo de Residentes Ausentes. O PP xustificou o rexeitamento da proposta porque, segundo os “populares”, non lle corresponde ao parlamento de Galiza introducir esta reforma, senón ao goberno español. “Non podemos entrar en ámbitos de normativa estatal”, argumentaron. Porén, a cámara aprobou por unanimidade os puntos da proposición relativos ao control das posíbeis instrumentacións electoralistas das viaxes institucionais que realicen membros do goberno central e da Xunta, a depuración e actualización do CERA e unha demanda ao goberno español para que faga efectivas unha serie de reformas na lei electoral antes das eleccións autonómicas galegas.