Os científicos cualifican de "despropósito" o afastamento do Prestige

(Noticia extraída de Vieiros)

A decisión de afastar o Prestige da costa foi un “grave erro”, “científicamente insustentábel” e puido derivar nunha “catástrofe aínda maior”, porque o petroleiro afundiu “na peor zona posíbel” pola súa alta actividade sísmica.

O oceanógrafo Fiz Fernández Pérez e o catedrático de Estratigrafía de Xeociencias mariñas da Universidade de Vigo, Federico Vilas Martín, coincidiron en sinalar na comisión de investigación do Prestige que o barco debeu conducirse a un porto de refuxio, porque o impacto medioambiental “sería dez veces menor”. Esta tarde comparecerá na comisión o representante de Nunca Máis, Rafa Villar.

Fiz Fernández e Federico Vilas recoñeceron a súa “gran sorpresa e perplexidade” pola decisión de afastar o petroleiro e o “despropósito” que supuxo levalo onde afundiu. Ambos advertiran que as condicións da zona do afundimento eran “científicamente coñecidas”: risco xeomedioambiental medio-alto e correntes que levarían o fuel á costa e o espallarían por toda a fachada atlántica.

En concreto, segundo informa Europa Europa Press, Fiz Fenández, o único participante galego nas campañas Prestinaut realizadas a bordo do buque Atlante xunto co submarino Nautile, asegurou que o buque “foi parar á peor zona posíbel”.

Un argumento no que coincide o xeólogo mariño da Universidade de Vigo, Federico Vilas Martín, quen advertiu que era coñecido pola comunidade científica que a zona onde se levou e afundiu o Prestige posúe unhas características sísmicas, de 5,5 graos sobre 9 na escal Ritcher, ao estar nun sistema de fallas “tectónicamente activas”. Por esta razón, a catástrofe “puido ser aínda maior”, xa que se puido producir un “estoupido de fuel cara arriba”.

“A cultura científica galega naufragou co Prestige”
Vilas Martín recriminou que se tomaran estas decisións tendo en conta que toda esta información se coñecía con anterioridade ao accidente, un feito que o oceanógrafo Fiz Fenández atribuiu a que “prevaleceu o enfoque tecnócrata sobre o saber científico”.

“Nos primeiros días do accidente, a cultura científica galega naufragou co Prestige”, asegurou Fiz Fernández en referencia ás declaracións das autoridades sobre a solidificación do fuel ou a corrosión do pecio. Unhas declaracións que o oceanógrafo atribuiu a unhas “información falasa e pouco rigorosa”.

Fernández sinalou que, aínda que o accidente aconteceu polo mal estado do buque, a súa xestión “magnificou os danos no tempo e no espazo por unha información defectuosa”.

As autoridades exerceron censura sobre os informes científicos
Vilas Martín lembrou que na actualidade hai fuel enterrado nos areais o que supón un risco de contaminación “difícil aínda de resolver”. Ambos científicos recoñeceron tamén que sufriron censura por parte das autoridades nos traballos nos que participaron nos primeiros días da catástrofe. Así, Fiz Fernández apuntou a “tensións” no grupo de investigación no que participaba a bordo do Atlante e asegurou que a misión foi deseñada cun interese “máis político ca técnico”.

Vilas Martín acusou o Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía de impedirlles dar a coñecer á opinión pública os resultados dos seus traballos e, polo tanto, que estes non chegaran a ver a luz. “Isto é moi duro para un científico”, engadiu.

O catedrático de Estratigrafía precisou que lles deron ordes de entregar os resultados dos seus estudos a Repsol, encargada da “marquesina” coa que se cubrirá o pecio, co obxecto de que os transladasen a unha empresa escocesa, xa que se lles indicou que se faría un estaudo, coa maior rapidez. Con todo, Vilas Martín asegurou que coñeceu ese informe “hai só 28 días” e alertou que os resultados dese estudo “son claramente insuficientes” para levar adiante a instalación da “marquesina”.

Comments are closed.