"Mardida" (un conto alegórico-cósmico)

Conto escrito por Casdeiro en 1.995 no que traslada a súa experiencia como fillo de emigrados en Euskadi a unha metáfora de ciencia ficción.

No século 31 da Era Estándar Espacial (E.E.E.) houbo unha grave enfermidade na galaxia domeada polo Imperio Interplanetario Ojmunu. Billóns de seres morreron naqueles anos ó longo e largo da galaxia presas dunha enfermidade que chamaron a fontáñeme. Un dos planetas máis castigado foi o planeta Hemobe. A civilización hemobense veuse reducida por tan terrible praga e moitos deles decidíronse a abandona-lo planeta para salva-la súa vida.

Así foi que miles de hemobenses viaxaron en naves facilitadas polo Imperio Ojmunu a outros planetas libres da praga. Pero a mudanza de planeta non lles había ser fácil nin cómoda: nas naves proporcionáronselles molestos cascos de respiración universal (C.R.U.) para que poidesen respira-las atmosferas alleas fose cal fose o planeta imperial no que recaesen.

Unha destas naves de salvamento tiña como destiño o planeta Sudekia, no que gracias a unhas plantas aborixes chamadas cartales, non existía perigo de contrae-la enfermidade. Estas arbres daban un foito chamado carto, do que o consumo regular previña contra a terrible fontáñeme. Era por isto que Sudekia foi o destiño de moitas naves ojmunus que naqueles tempos levaban supervivintes dos mundos enfermos.

Pero Sudekia non era, sen embargo, moi ben tratado pola Xunta de Goberno Imperial. Alí os nativos estaban obrigados, desde varios séculos atrás, a leva-lo casco de respiración universal, pois a Axencia para a Pureza das Atmosferas do Imperio decidira que o aire sudekián era de baixa calidade. Nunca se pararon a pensar que os sudekiáns levaban respirándoo desque apareceron na cadea evolutiva do planeta. Impuxeron o CRU obrigatorio soldado ó corpo polo propio ben dos sudekiáns, ca conseguinte atrofia progresiva dos seus sudroides nasales.

E de resultas da emigración galáctica daquel século enfermo os ojmunus acabaron por ter razón: chegaron tantas naves ó planeta que o aire sudekián acabou por polucionarse ata niveis irrespirables para os propios aborixes.

Sen embargo aquela inxusta imposición xa empezara a producir efectos perigosos. Naquel mesmo século empezaron a darse mutacións nos sudekiáns debido ó uso do CRU. A un importante tanto por cen da poboación sudekián (orixinalmente herbívora) crecéronlles enormes dentes carnívoros paralelamente ó xurdimento dunha agresividade inédita na evolución da especie. Déronse moitos casos nos que aqueles sudekiáns mutantes trababan ata a morte ós visitantes alieníxenas do resto do Imperio, e case sempre acababan escachando os CRUs i expoñéndose á canceríxena polución.

Namentres se producían estas mutacións na poboación orixinal do planeta, os inmigrantes de Hemobe e dos outros planetas cultivaban cartales en pacífica comunión cos sudekiáns sanos. Resultaron ser, a maioría, especies compatibles sexualmente cos aborixes, e chegaron a nacer algúns millóns de híbridos variados, xeralmente co rasgo común sudekián de ter rabo, cousa que tamén lles pasóu a algúns nacidos no planeta con material xenético enteramente exóxeno. Déronse incluso os casos curiosos de híbridos e alieníxenas puros nacidos en Sudekia que padeceron a mesma mutación carnívora que afectaba ós sudekiáns.

Co paso do seguinte século os sudekiáns inventaron sistemas para quitarse o CRU que levaban soldado e comezaron a desenrolar métodos para limpa-lo aire.

Foi nese tempo que un descendente direito de hemobenses – ó que chamaremos Mardida – co seu patrimonio xenético aínda sen mesturar cas outras especies, empezou a reflexionar sobre a progresiva liberación que vivían os seus co-planetarios sudekiáns. O aire éralles cada ano máis respirable e cada vez máis sudekiáns se libraban do casco que lles impuxeran tempo atrás. Víanse felices exercitando os atrofiados sudroides para aprender de novo a respirar o seu aire, recuperando así parte do seu planeta.

Isto fíxolle darse conta de que el tamén tiña uns órganos respiradores atrofiados dentro do casco: os fuzófilos, chamábanos en Hemobe. Seus proxenitores cada vez os tiñan máis inutilizados polos anos de respirar no casco i el estaba a punto de perdelos; seguramente seus fillos nacerían xa sen eles.

Decideuse a imita-los sudekiáns autóctonos e probar el tamén a exercitar os fuzófilos. Pero el tiña que facelo en cámaras estancas especiais con aire hemobense-respirable.

Durante aqueles anos no planeta Hemobe conseguiron modificar xenéticamente os cartales para cultivalos alí, co que remiteu a praga e comezou a recuperar esplendor a civilización local. Algúns descendentes de hemobenses fixeron viaxes turísticos ó planetas dos seus antepasados pero poucos volveron para se quedaren. Unha das satisfaccións daquelas viaxes era que alí podían quitarse o casco, aínda que case non lles servían xa os fuzófilos.

O hemobense sudekiácola Mardida fixo tamén algunha daquelas escasas viaxes ofrecidas polo Imperio cada 20 anos estándar galácticos (A.E.G.) e puido sacarse o casco por primeira vez na atmosfera da súa especie.

O regreso atopou un Sudekia aínda máis ceibe e recuperado. Cada vez había máis sudekiáns sen casco e cada vez menos mutantes con dentes, ós que parecía cura-lo aire renovado do planeta.

As demáis especies sudekiácolas empezaron a imita-los sudekiáns e se adaptaron a respirar sen casco a atmosfera. Así híbridos cas máis diversas combinacións xenéticas, e algúns poucos especímenes sen mestura, chegaron a mutar inocuamente baixo o novo aire experimentando o crecemento de rabos coma os dos sudekiáns. Isto contribuía a formar unha raza mestiza máis homoxénea e con máis rasgos autóctonos.

Mardida probou tamén por curiosidade a respirar en Sudekia sen casco, pero sempre que o fixo dáballe unha benigna reacción alérxica que lle cambiaba a cor da pel, que a el sempre lle gustou ca cor orixinal hemobense.

Pasaron aqueles anos de refundación étnica e social en Sudekia pero Mardida non se quedou a vivilo. Desexoulles moita sorte ós seus co-planetarios e colleu a seguinte nave que houbo con destiño a Hemobe. Aló adicouse a traballar nos novos cultivos de cartales aplicando o que aprendera deles en Sudekia e puxo os seus fuzófilos en pleno funcionamento.

Recuperou tamén toda a súa bonita cor hemobense e xa nunca volveu leva-lo casco, que só poñía de vez en cando para viaxar a outros planetas do Imperio, incluindo visitas ó seu planeta natal, Sudekia, onde xa case ninguén se asemellaba a súa raza orixinaria: case todos tiñan rabo e respiraban o aire local.

No Responses to “"Mardida" (un conto alegórico-cósmico)”

  1. […] anteriormente en PlanetaGalego   « O Aforcado | Vocábulos » […]

  2. […] anteriormente en PlanetaGalego   « O Aforcado | Vocábulos » […]

  3. […] anteriormente en PlanetaGalego   « O Aforcado | Vocábulos » […]