Os nomes roubados

Casdeiro, fundador de Fillos de Galicia cóntanos a triste historia dos galegos que se chamaban gallegos.

O galego é un pobo que sufriu unha das peores formas de opresión e que dá idea do nivel de alienación que se tentou facer con el ao longo dos séculos. O galego aínda hai pouco que recuperou o seu nome, a súa sinal máis importante de identidade: hoxe o galego xa volve ser galego. Durante moitos anos chamouse a si mesmo co nome que lle impuxeran outros: gallego. ¿Que pobo tivo que soportar semellante humillación? A min lémbrame a serie de TV Raíces:

¿Como te chamas, negro?

Kunta Kinte.

O látigo batía na pel do escravo negro. –¿Como te chamas, negro? -Repetía o amo do africano.

…Toby -remataba o negro por contestar, xa vencida a súa resistencia, para satisfacción do negreiro.

Esta ignominia quedou reflectida para sempre na nosa historia en títulos do primeiro Rexurdimento literario galego como “Cantares Gallegos” (de Rosalía de Castro).

Pero non soamente lle roubaron o nome colectivo senón que tamén hai opinións fundadas de que o nome da súa terra, Galicia, tamén é unha suplantación española, e que o nome auténtico que se lles roubou aos galegos era o que aínda conservan en Portugal: Galiza. Moitos teimaron pola recuperación deste nome de noso, como Castelao (“Sempre en Galiza”), e aínda teiman (nacionalistas).

E non fican os agravios nestes nomes sagrados… Moitas son as vilas que son chamadas con vergonzosos nomes inventados polos dominadores, e non soamente por eles que as poden chamar como lles pete, senón polos propios galegos, que víctimas da ideoloxización inherente á colonización empregan os nomes casteláns: Villagarcía, Orense, Sanjenjo, La Coruña, Órdenes, El Bollo, El Barco, Finisterre, El Grove, La Guardia, Mellid, Puebla del Caramiñal, Puentedeume… É ilustrador das consecuencias e pervivencia desta suplantación nun caso que se deu na nosa lista de FILLOS-L: unha persoa buscaba referencias ao pobo de seu pai… que el pensaba que se chamaba Villatuje… Nome inexistente, invención de quen asume a tese do colonizador de que Vilatuxe está mal dito e transmite un nome diferente e correcto aos seus fillos…

E de seguido dos topónimos a suplantación, baixando da identificación colectiva á persoal, pasemos aos nomes de familia: os apelidos. ¡Como doe escoitar a un fillo de galegos dicir que se chama Seijo, ou Otero, ou Buján, ou Teijeiro, ou Rajoi, ou Sanjurjo… (a lista sería interminable)! Pero aquí os individuos podemos loitar en contra desta vergonza: temos que devolver o honor aos nosos nomes, non levar o estigma da opresión no nome da nosa familia… non llo trasmitir aos nosos fillos. O cantante Antón Reixa é un exemplo a seguir como moitos outros que deron o paso: el é o primeiro que se volve chamar Reixa nunha familia de Rejas

E chegamos ao derradeiro nivel da degradación: o persoal. Tantos séculos trocando os nomes desde o partida de nacemento… como ao escravo de Raíces… Aos noso avós non lles deixaban chamarse Xosé, Bieito, Xoán, Xurxo, Tomé… tiñan que ser José, Benito, Juan, Jorge, Tomás… Eu mesmo tiven que escoitar a triste historia dunha tía segunda miña, cun fermoso nome galego, Ermitas (colonizado tamén, pois o auténtico galego é Ermidas) que tivo que sufrir a humillación de que os seus fillos lle puxeran ao restaurante que rexenta fóra de Galicia, “Herminia”, xa que segundo eles, Ermitas é un nome que non existe. …¡Ábrenseme as carnes!

E esta é triste historia que moitos descoñecen cando chaman ao seu avó Jesús, ou á aldea de seu pai Villanueva, ou que o seu apelido é Feijoo

¿Que podemos facer nós desde a diáspora? Trocar os nosos nomes deturpados (é un trámite sinxelo en calquera país), chamar orgullosamente ás nosas zonas de orixe polo seu nome verdadeiro (“Meu pai é de Sobrado dos Monxes”) e borrar así a infamia de nós.

Comments are closed.