Archive for the ‘Planeta Galego’ Category

Morre "A Nosa Voz". Nace "Planeta Galego"

Domingo, Agosto 3rd, 2003

Casdeiro neste texto editorial dalle a despedida á anterior revista de Fillos de Galicia e presenta esta nova creadapara todos os galegos do mundo.

Despois de 2 anos e medio exactamente de historia, e 51 artigos publicados, Fillos de Galicia dalle a despedida á súa querida revista on-line, A Nosa Voz.

Parece que foi onte cando publicamos o primeiro dos artigos (que inicialmente foi pensado para a sección de Historia do web da nosa comunidade virtual), escrito polo benquerido Fernando Lamas, cubano neto de galego cuxo coñecemento do idioma e da historia da terra dos seus antergos aínda hoxe nos sorprende…

Detrás viñeron artigos moi variados, escritos desde todas partes do mundo, sobre cultura, política, máis historia, experiencias persoais da emigración, colaboracións dalgún ilustre escritor… e por suposto os relatos das nosas xuntanzas, unha das partes máis sentidas da nosa revista. Houbo artigos polémicos e ata artigos interactivos por medio dos cais Fillos fíxose presente con forza diante da comunidade política galega, gracias ao esforzo de moitos, pero sobre todo de Alberto Velo Bares, principal impulsor do noso primeiro manifesto político e de Xosé Orlandi Piñeiro, alma mater do segundo. Algo se logrou con esas accións, moito queda por facer… pero aí fica a nosa testemuña de denuncia e reivindicación a prol dos dereitos dos emigrantes galegos e a súa descendencia.

Así que desde aquí e como presidente e xestor de Fillos de Galicia, quérolles dar as gracias a cantos contribuiron á edición de tan interesantes contidos.

Pero chegou a hora do cambio. A Nosa Voz morre con este derradeiro artigo, para dar nacemento a un proxecto fillo seu e de moita maior ambición: Planeta Galego.

Este novo medio non queremos que sexa tan só unha continuación de A Nosa Voz (que tamén o vai ser, e por iso esperamos contar con moitos dos que escribiron na anterior revista) senón que con el imos dar unha resposta máis axil -e máis acorde cos tempos tecnolóxicos que se están a vivir na Rede-, ás colaboracións que tanta e tanta xente nos ten enviado e que durante moito tempo non tivemos tempo de publicar baixo o formato estático de A Nosa Voz. Por iso Planeta Galego nace dinámico, nace aberto e nace desde Fillos para toda a galeguidade.

E tan só estamos a comezar. Planeta Galego será o que queiramos que sexa, pero sobre todo, ha ser unha voz galega dun planeta que fala con idioma e alma galega desde Suíza ata a Patagonia, desde Nova Inglaterra ata Australia… dentro e fóra do noso país, porque o noso país non ten límites: está onde estea un galego. Por iso este é un Planeta Galego.

A Nosa Voz: http://www.fillos.org/fillos/anosavoz

Planeta Galego: http://www.planeta-galego.org