Archive for the ‘Fillos de Galicia’ Category

As asociacións de emigrantes retornados reclaman a axuda da Xunta de Galicia

Martes, Novembro 9th, 2010

O Foro Galego de Inmigración vai realizar, de forma pública, unha Solicitude Urxente ao Secretario Xeral de Emigración da Xunta de Galicia o vindeiro mércores día 10 de Novembro ás 11 da mañá na sede desa Secretaría Xeral de Emigración (Rúa Basquiños nº 2-Santiago de Compostela) para que faga efectiva xa a habitual Convocatoria de Axudas para Asociacións de Inmigrantes e Emigrantes Retornados de Galicia para este ano 2010.

Xa no pasado mes de outubro o Foro transladoulle ao Sr. Secretario Xeral a fonda preocupación que teñen as Asociacións de Inmigrantes e Emigrantes Retornados de Galicia por esta cuestión. Non obtivo resposta pola súa parte, pero o funcionariado deste departamento autonómico remitiunos á convocatoria de subvencións da Secretaría Xeral de Emigración (DOG 23 de Xullo) dirixida a entidades sen ánimo de lucro. Porén, tratase de dúas convocatorias ben diferentes, xa que a convocatoria de xullo ía destinada a ONGs, como o demostra o feito de que as subvencións concedidas ao abeiro desa orde se destinaron de forma exclusiva a ONGs que traballan con inmigrantes e emigrantes retornados, pero non a asociacións formadas por estes colectivos. Deste xeito, as asociacións de inmigrantes e emigrantes retornados de Galicia quedarían sen axuda ningunha no presente ano 2010 para desenvolver as nosas actividades. Isto podería supoñer a desaparición práctica de moitas das asociacións, que contan con esas pequenas axudas para manter infraestructuras básicas como os propios locais das mesmas.

No acto, o Foro quere tamén facer público e difundir o importante traballo que as asociacións fan na integración do colectivo inmigrante e emigrante retornado en Galicia e tamén a importancia que esas axudas, aínda que pequenas, teñen para a subsistencia das mesmas. O Foro considera razoable, neste tempo de dificultades económicas, un recurte orzamentario das axudas, máis afirma que lle parece da máxima gravidade a eliminación desta via de subvención básica e única para o asociacionismo inmigrante e emigrante retornado de Galicia.

‘Follas Novas’: A mellor obra de Neira Vilas non é un libro

Venres, Novembro 5th, 2010

En Gres, á beira do Río Ulla, ano 2010; en Bos Aires, calle Asunción 3035, ano 1957. Hai dous elos que fan coherente e exacto unir dous momentos e dous espazo tan distantes. Un é o suxeito, dobre: son Xosé Neira Vilas e Anisia Mirada. O outro é o obxecto, o propósito: a difusión da cultura galega. En 1957 nacía en Bos Aires a editorial e “feira permanente do libro galego” Follas Novas.

Bos Aires nos anos 50 era a primeira cidade de Galicia. Érao en poboación, pois en ningunha outra cidade do mundo vivían máis galegos, e érao a súa alma e vontade de ser galega. A nosa cultura brillaba na outra beira do océano Atlántico: Seoane, Dieste, Lorenzo Varela, Arturo Cuadrado, Blanco Amor… Durante o Primeiro Congreso da Emigración Galega en América, celebrado en Bos Aires en xullo de 1956, falouse moito da necesidade de difundir a nosa cultura. Xa se estaba a facer a través de revistas, actos e conferencias, e mesmo por medio de programas de radio, teatro e editoriais, mais non no terreo da distribución de libros, tanto os que se publicaban en Galicia como os que vían a luz en América. En Galicia estaba Galaxia, pero os libros que editaba aínda eran poucos e chegaban a América con retraso e dificultades. De aí a idea de Neira Vilas e Anisia de crear un centro distribuidor, unha librería galega para todo o continente.

Os mozos galeguistas que vivían en Bos Aires nos anos 50 non eran unha multitude, mais eran activos, moito. Agrupábanse, sobre todo, nas Mocedades Galeguistas, fundadas en 1953, organizaban actos diversos e tiñan a lingua como emblema e signo da súa identidade galega. Un exemplo desa actividade foi o reparto polas rúas de mileiros de copias da denuncia que as sociedades galegas realizaran ante a Asemblea Internacional da Unesco, reunida en Montevideo en 1954, da persecución da que era vítima a lingua galega na ditadura franquista. Os rapaces repartían tamén o artigo El idioma prohibido, de Francisco Luís Bernárdez. As súas reivindicacións dos dereitos políticos e da cultura galega eran continuos. Os bonaerenses ollaban estes rapaces con certa estrañeza: as reivindicacións políticas dun recuncho do Estado Español ficaban lonxe, e a existencia dunha cultura gallega (gallega de Galicia, non como xentilicio común a todos os emigrados/exiliados españois) era moi descoñecida. Pero os mozos galeguistas eran incansables. A súa defensa de Galicia era moito máis ca unha actividade, era unha forma de vida: o seu comportamento debía ser sempre un exemplo, o mesmo que o seu aspecto e vestimenta, así coma os seus hábitos. “Cando iamos no autobús ou no subte levabamos sempre dous libros, sempre en galego. Iamos lendo un, todo o tempo, e o outro levabámolo nas pernas. E se preguntaban: ¿en que lengua lee usted?, respondiamos En galego, e despois lles dabamos un discurso sobre a cultura e a lingua galegas”. Así fala Neira Vilas.

Buenos Aires e Gres. Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda. En febreiro de 1957 casaron en Arxentina, el con 28 anos e ela con 24. E decidiron que o que en principio ía ser unha libraría na Avenida Constituyentes sería finalmente unha editorial e “feira permanente”, dedicada exclusivamente aos libros galegos, e que ademais se instalaría na súa propia casa, en Asunción 3035. Acababa de nacer Follas Novas.

A libraría-editorial inaugurouse o 15 de xullo dese ano, aniversario do pasamento de Rosalía. Na inauguración, coa presenza moi numerosa de amigos, así como da prensa arxentina, falaron eles dous, expoñendo aquel proxecto, e exerceu de “pregoeiro” o xornalista e ex deputado Ramón Suárez Picallo, cun fermoso discurso.

Os primeiros fondos estaban compostos por obras galegas publicadas en BosAires, con selos editoriais de Emecé, Nova, Botella al Mar, Ánxel Casal, Nós, Alborada (da Federación de Sociedades Galegas) e As Burgas e Lérez (dos centros ourensán e pontevedrés). Despois comezaron a chegar obras editadas en Galicia, por exemplo todas as publicadas por Galaxia, ademais de Porto, Bibliófilos Gallegos e Monterrei, e tamén libros procedentes de Madrid, Barcelona, París, México, Uruguai… Neira e Anisia crearon un sistema de información postal de novidades, así coma unha rede de colaboradores en Rosario, Mar del Plata, Santa Fe, Santiago de Chile, Montevideo, Nova York e Caracas. Ademais, as editoriais Galaxia e Bibliófilos Gallegos encomendáronlles a súa representación na Arxentina.

Pero Follas Novas era moito máis ca unha libraría. Os mozos emigrantes, así como algúns arxentinos de ascendencia galega, participaban cada vez con máis asiduidade nas reunións e debates sobre temas de cultura galega que se realizaban os sábados. Así mesmo, instaláronse oito vitrinas noutras tantas importantes sociedades galegas, como mostrarios bibliográficos que se renovaban cada quince días. Editáronse catálogos e organizáronse tres significativas exposicións do libro galego contemporáneo. A primeira levouse a cabo na sala de arte do Centro Lucense de Bos Aires en 1958.; Seoane colaborou no catálogo e nunha achega complementaria de gravados, que se utilizaran en cubertas de libros. Meses despois montouse unha instalación similar no Patronato da Cultura Galega de Montevideo. E por último outra do mesmo carácter tivo lugar en Caracas, organizada pola Hermandad Gallega, acto no que tomaron parte o profesor Emilio González López e a poeta Pura Vázquez. Así mesmo, no Centro Lucense presentouse unha mostra orixinal: a primeira exposición do Periodismo Galego na Arxentina, tamén organizada por Follas Novas.

O 10 de outubro de 1959 Neira e Anisia propuxéronlles aos mozos porteños que asistían aos debates dos sábados de Follas Novas crear unha Asociación Arxentina de Fillos de Galegos, e de inmediato quedou constituída unha comisión xestora. A asociación tivo unha longa e frutífera existencia (unha revista, campamentos de estudantes na Patagonia, cursos de galego, visitas a Galicia…). Era a única entidade do tipo no país. Así mesmo, por vez primeira emitíronse comentarios de libros galegos na radio arxentina. Neira e Anisia escribían os textos, que eran lidos por Elsa Fernández, moza porteña de pais galegos.

En 1959 chegou a Bos Aires Ramón Otero Pedrayo, convidado polo Centro Galego para asistir a unhas xornadas que se celebraron o día de Galicia. Ademais, Follas Novas ofreceulle unha homenaxe no Centro Lucense. Ademais de Neira e Anisia, tomaron parte no acto Alonso Ríos, Suárez Picallo, Rafael Dieste, Ramón de Valenzuela, Víctor Luis Molinari e Xosé Blanco Amor, e entre outras personalidades estiveron presentes Seoane, Lorenzo Varela, Antonio Baltar, Emilio Pita… Para esta homenaxe recibíronse adhesións da maior parte das asociacións galegas de América, encabezadas polas da Unidade Galega de Nova York e a Casa Galicia de Caracas, e mesmo chegou unha carta de felicitación dende Xacarta, en Indonesia. Dende Galicia recibíronse misivas colectivas, como a asinada por Ramón Cabanillas, Manuel Gómez Román, Francisco Fernández del Riego, Ricardo Carvalho Calero, Domingo García Sabell, Fermín F. Penzol, Ramón Piñeiro, Xesús Ferro Couselo, Celestino Fernández de la Vega, Ánxel Fole, Xaime Isla Couto, Franco Grande, López Nogueira, González Salgado, Méndez Ferrín, Xohana Torres ou Xohan Ledo. Ou a enviada polos “Brais Pinto” dende Madrid: Bernardino Graña, Reimundo Patiño, Xosé Fernández Ferreiro, Ramón Lourenzo, Blanco Losada, Bautista Álvarez ou, de novo, Méndez Ferrín, que se adheriron ao recoñecemento “con cariño e admiración ao cantor e mensaxeiro da nosa terra”. Finalmente, recibíronse outras cartas, tan sorprendentes coma a da actriz María Casares, que en galego escribiu: “Pra Follas Novas, un recordo cheo de agarimo”. Montouse, ademais, unha exposición con toda a obra do gran polígrafo e narrador, que agradeceu a homenaxe; falou da Galicia atafegada e do pulo da emigración “onde se sente o fervor da patria nunha constante e creadora afirmación da propia identidade”.

Días despois, Otero Pedrayo visitou a sede de Follas Novas con Fita e con Virxinia de Castelao. Foi recibido por mozos e mozas galeguistas. Dedicou exemplares da súa obra e falou dos seus anos de estudante, das súas inquedanzas patrióticas e do significado da difusión do libro galego no Novo Mundo. Ademais de Otero Pedrayo, a sede de Follas Novas ten sido visitada por Laxeiro, María Casares, Luís Seoane, Rafael Dieste, Nicolás Guillén, Machado da Rosa, Díaz Pardo, Emilio Pita, Lorenzo Varela, Arturo Cuadrado, Blanco Amor, Leandro Pita Romero, Alonso Ríos, Sánchez Guisande, Antonio Baltar, Rodolfo Prada, Mosqueira Manso, Xosé Ruibal, Marcos de Abeleda, Xosé Conde…

En 1958 Neira Vilas e Anisia Miranda viron cumprido un dos seus grandes obxectivos: Follas Novas converteuse en editorial, pequena, pero fértil. A primeira obra publicada foi Itinerario Galego, de Víctor Luis Molinari (con prólogo de Suárez Picallo, cuberta de Laxeiro e tradución de Neira Vilas); e logo virían Esta es Cuba, hermano, de Anisia Miranda; Dende lonxe e Memorias dun neno labrego, de Neira Vilas; e Terra aluciada, de Xosé Conde. Existía tamén o proxecto de reeditar o Sempre en Galiza de Castelao, que finalmente non puido ser , por non acabar de definirse a inclusión dos capítulos inéditos. Follas Novas enviou clandestinamente a Galicia moitos dos exemplares remanentes da primeira edición; os últimos que quedaban trasladáronllos á distribuidora Atlante, de México, con sucursal en Bos Aires, que contaba con medios eficaces para remitir a España diversas obras de literatura “subversiva”.

A marxe de ganancias obtida cada mes por Follas Novas destinábase a doar coleccións de libros a institucións e bibliotecas públicas para difundir a presenza da cultura galega en Arxentina. Como afirma Neira Vilas, “a nosa laboura tiña un definido sentido patriótico, non mercantil”. Foi un traballo intenso e eficaz, ao que Neira e Anisia, dedicaron longas horas. Lamentan que non puidese cristalizar un dos seus proxectos: a revista Letras Galegas, para a que contaban con apoios de entidades e persoas de Bos Aires e Montevideo. O proxecto non foi adiante porque Neira e Anisia decidiron deixar a Arxentina.

Porque Follas Novas era unha revolución. Pero en Cuba estábase producindo outra, e había que vivila. “Doíanos interromper o labor de Follas Novas, pero ao mesmo tempo facíasenos moi atractivo vivir a experiencia dun país en revolución; un país do noso ámbito cultural, a onde tiñan emigrado tantos galegos. Queriamos participar, con todos os riscos e incomodidades previsibles, naquel histórico proceso”. Elsa Fernández mantivo aceso o soño de Follas Novas entre 1961 e 1964. Pero faleceu, moi nova, nese ano 1964. No fondo, gran parte da vitalidade cultural e política galega no Río da Prata comezaba a esmorecer. Galicia afastábase, pero ao tempo, en Galicia, neses anos sesenta, algo comezaba a moverse, moi de vagar comezaba a alumear unha nova esperanza.

A vida é un río. Ou son dous, o da Prata e o Ulla. Bos Aires, 1957. Gres, 2010. A mesma persoa, o mesmo propósito. A Fundación Neira Vilas é unha iniciativa pioneira (se non é única) no rural galego. Cos seus 8.600 volumes, un museo etnográfico, unha sala de exposicións e concertos, concursos literarios para nenos, a súa vizosa actividade cultural, as súas representacións teatrais para os veciños… ¿Que ten que ver cunha librería galega, unha “feira” de libros aberta no exilio 50 anos antes? Muda o contexto, o espazo, o momento, mais o obxectivo é o mesmo: difundir a cultura, a cultura galega. Mais nada, a cambio de nada máis. Como dixo Seoane, en cada actividade cultural que se celebraba en Arxentina, Neira Vilas e Anisia Miranda presentábanse cun tenderete para vender libros galegos, “perdendo cartos e recobrando vontades para Galicia”.

Entrevista con Alejandro López, presidente de Fillos de Galicia

Xoves, Agosto 14th, 2008

Na VIII Asemblea foi elixido como novo presidente da Asociación Cultural Fillos de Galicia. Trascorridos 6 meses desde a súa elección e nun momento en que Fillos afronta importantes cambios, quixemos entrevistar ao avogado compostelán Alejandro López González, para PlanetaGalego.info: (máis…)

"Fillos depende perigosamente de min. Xa é hora de rachar con iso". Entrevista con Casdeiro.

Sábado, Decembro 29th, 2007

A asociación cultural Fillos de Galicia ven de poñer en marcha unha campaña de afiliación baixo o lema de �Para que a ponte non caia… terma ti tamén dela�. Entrevistamos a Casdeiro, xestor de Fillos e responsable da campaña, para saber os motivos e obxectivos da mesma. (máis…)

A precaria revolución tecnolóxica da identidade galega

Mércores, Decembro 27th, 2006

Reproducimos o artigo que Casdeiro escribiu en Maio de 2006 para o monográfico sobre a Galiza Mundial publicado polo Foro Cívico Galego de Barcelona este verán.

Que é o que supón Internet para a galeguidade?

O impacto da Rede sobre o propio concepto de Galeguidade, desa forma de nos identificarmos como galegos con independencia do noso lugar de nacemento, aínda non foi asumido por moitos na súa total potencialidade. Na miña opinión estamos asistindo a un momento histórico dentro da relación entre Galiza e a súa diáspora, ao dispormos hoxe do primeiro espazo compartido por todos os que formamos parte dese ente abstracto chamado a Galeguidade. E ese espazo que por fin vén concretar nunha ubicación determinada a presenza simultánea de galicianos e emigrados, de naturais e descendentes, non é outro ca Internet.

Cando un prende o ordenador en calquera lugar do mundo e se adentra na Internet de temática galega, está a abrir unha xanela a Galiza. Este feito, esta sensación que milleiros de persoas experimentamos a cotío, non é doadamente comprendido desde Galiza, xa que alí Internet non é senón outra xanela máis ao mesmo espazo no que se vive, ou en calquera caso a espazos alleos e culturalmente estranxeiros. Pero para os galegos da diáspora é algo de carácter case máxico, unha especie de portal marabilloso de teletrasportación mental que nos sitúa de forma imediata na nosa terra de orixe, que nos ubica nas coordenadas emocionais e culturais que todos levamos dentro, que nos dá un lugar para expresarmos a galeguidade… un espazo vivo e sen límites, sen comparación con nada do que dispuxeramos ate o de agora na emigración.

Iso explica o éxito dunha experiencia coma a da comunidade virtual Fillos de Galicia (Fillos.org), posta en marcha por min no ano 1997 como forma de extender e trasmitir a miña experiencia persoal de galeguización por medio da Rede a canto descendente de galegos estivese na mesma situación: a de levar Galiza dentro, pero vivir fóra dela. E ese contaxio foi un éxito: desde aquela non deixaron de se achegaren fillos, netos, galegos emigrados, galegos retornados, galicianos interesados en compartir o noso sentir… demostrándose o mesmo teorema do e-commerce que fala do axeitamento de Internet como medio para satisfacer necesidades minoritarias ou nichos de interese espallados xeograficamente. É por iso que namentras os centros galegos tradicionais seguen a sufrir un declive terminal, minguando a maior ou menor ritmo o seu número de socios e usuarios, nós atraemos cada ano máis e máis1 galegos de corazón orfos dun lugar onde expresaren e compartiren a súa identidade galega. De feito, como xa advertín no meu ensaio “O papel de Internet na conservación da identidade e cultura galegas entre os descedentes dos emigrantes”2, e no meu artigo “Fillos de Galicia é o único centro galego con futuro”3, existe unha clara tendencia que leva a que cada vez máis persoas utilicen Internet para o que antes se usaban tradicionalmente os centros. E esta tendencia conflúe coa das comunidades virtuais ou social networking sites, que se están a constituir no tipo de webs que maior éxito amosa a nivel social en todo o mundo.

Características desta revolución da identidade

Ao longo destes anos nos que a identidade dos fillos de Galicia se veu desenvolvendo e evoluindo neste novo hábitat virtual, puidemos apreciar certos rasgos moi interesantes que caracterizan sociolóxica e politicamente a experiencia que estamos a vivir.

En primeiro lugar o que máis chama a atención é que estamos a falar dunha identidade que se afortala en lugar de minguar. A identidade nacional ou cultural, fóra do hábitat nutricio do país á que está vencellada, normalmente fica desamparada e recibe a agresión intensa doutras identidades, doutros ámbitos culturais, lingüísticos, sociais… E así, privada do contacto identitario que a alimenta permanentemente co seu propio ser, vai diluíndose, vai ficando reducida a expresións folclóricas ou sentimentaloides, e non consegue trasmitirse ás novas xeracións. Ate o de agora iso parecía inevitable, e co cese de novos fluxos migratorios levaba inexorablemente ao esmorecemento das diversas colectividades galegas no mundo. Pero é neste contexto cando xorde Internet, abrése un espazo como Fillos de Galicia, e as identidades galegas non só non esmorecen, senón que renacen e se intensifican. Velaquí algunhas expresións dos participantes en Fillos a xeito de mostras deste punto de inflexión4:

FILLOS me dio una familia que no tenia, me devolvió ese cariño adormecido a Galicia, la parte más linda de mi vida, la infancia junto a mis Padres Gallegos y un sin fin de Amigos. (Manuel, Arxentina)

Fillos de Galicia possibilitou a minha primeira experiência com meu pôvo ancestral. Aprendí algumas palavras de sua lingua e um pouco de seus costumes. Jamais serei a mesma pessoa após esta fantástica experiência. (Leida, Brasil)

Fillos fue la manera de encontrarme con mis raíces. (Carlos, Cuba)

Gracias a Fillos recuperé la memoria emotiva! (Norma, Arxentina)

Gracias a Fillos de Galicia recuperé el “ser gallego” que mis padres sembraron en mí y que el tiempo iba borrando. (Enrique, Panamá)

Esta re-identificación chega a tal punto neste entorno online que os membros de Fillos adoitan identificarse como galegos utilizando expresións que inclúen a modo de sinatura nas súas mensaxes, como Eu son galega ate as mans, Galega desde o ADN, Eu son fillo de Galicia, Galiza vive en nós, etc. ou utilizando un e-mail que os identifica por onde queira que vaian na Rede, como galegos (…@DeGalicia.org).

Pero o impacto deste tipo de comunidade virtual non só se produce por medio dunha identificación grupal abstracta nun pobo común, senón que se traduce nunha recuperación individual de rasgos culturais e lingüísticos. Nunha enquisa feita en 2003 para avaliarmos o impacto de Fillos de Galicia sobre os nosos usuarios neste terreo, máis do 80% respondeu que Fillos fixera que se sentira bastante ou moito máis galego, o 67% afirmou que contribuira (bastante ou moito) a aprender ou mellorar o idioma galego, e o mesmo pódese dicir da cultura galega en xeral (75%), a historia de Galiza (75%), gastronomía e costumes (70%), contribuindo tamén a integralos informativamente na actualidade de Galiza (80%).

Por outra banda estamos a falar dunha identidade que non se vencella con ningunha fronteira, pois en canto entramos en Internet, estas desaparecen e compartimos territorio (virtual) os galegos de calquera lugar do mundo, sen que ninguén nos esixa ter papeis, nin nos asigne máis ou menos dereitos en función dunha nacionalidade asignada aleatoriamente segundo leis diferentes, lugares de nacemento e experiencias migratorias e familiares diversas. Coido que estamos a falar do que podería ser o cerne dunha auténtica nacionalidade virtual. De feito na nosa comunidade virtual dispomos do que poderíamos chamar un sistema de goberno democrático e participativo, da nosa propia moeda virtual (o galeuro5), relacións sociais case tan multiformes coma en calquera territorio físico, e de certos rasgos que poden estar comezando a plasmar nalgo sólido esa Galeguidade ate o de agora moito máis abstracta ou mesmo retórica.

Outro rasgo que define esta experiencia identitaria na Rede é que racha, ademais de coas fronteiras territoriais, con ese illamento e incomprensión que moitas veces sufrimos os que nos sentimos galegos nunha sociedade non-galega. Unha das expresións máis repetidas entre os que se achegan a nós é: por fin encontrei xente coa me podo sentir galego/a! Este é un efecto psicosocial moi interesante. E podemos falar aínda doutra barreira máis coa que estamos a rachar: a xeracional. O habitual nos centros galegos, e nas familias galegas da diáspora en xeral, é que exista unha certa barreira tanto cultural como vital entre os vellos e os novos. E así nos centros un pode observar grupiños de vellos xogando á brisca ou lembrando a súa vida en Galiza, e por outra banda, polo xeral sen moita relación cos primeiros, pequenos grupos de xente nova aprendendo bailes, gaita, ou en cursiños de galego. En troques, no noso caso aproveitamos unha característica da comunicación en Internet: que permite nivelar idades, sexos, niveis culturais, económicos e sociais diferentes, para por en contacto directo, igualitario e permanente a persoas tan só polo feito de teren algo importante en común: se consideraren membros dun mesmo pobo ou dunha mesma cultura.

E finalmente, unha mudanza que aínda está comezando a agromar: a formación dunha conciencia política común entre os galegos da emigración. Esta unidade estase a expresar fundamentalmente en temas que afectan a moitos dos fillos e netos (asunto da nacionalidade) e que espertan a imediata solidariedade dos que compartimos identidade con eles. Pero cada vez máis amplíase esta toma de conciencia a temas de política cultural, social ou xeral, como se pode comprobar nos tres manifestos políticos producidos no ámbito de Fillos de Galicia en diversos momentos6. Neste sentido foi moi alentador comprobar como unha acción convocada en 2002 no seo da nosa comunidade virtual movilizou en apenas dúas semanas, máis de mil internautas de orixe galega que bombardearon os enderezos electrónicos dos senadores españois con motivo da reforma do Código Civil. É evidente que o tempo de facer unha politica unidireccional para os emigrantes pero sen eles, acabou. Na actualidade as demandas deste grupo de presión que se está a consolidar entre os descedentes dos galegos, están xa a inicidir -aínda que modestamente- no proceso de reforma estatutaria galega e mais no da lei electoral. E penso que tamén desde Galiza ten que ser vista con satisfacción esta crecente participación e unidade política da diáspora, a non ser que queiran apostar por unha democracia paternalista, condescendente ou mesmo ilustradamente despótica.

Vai perder Galiza esta oportunidade?

Pode que nos atopemos con todo o devandito no inicio da construción desa nova identidade galega que reclama Xosé Luís Barreiro Rivas cando fala da necesidade de construír unha nova identidade que sexa acaída á situación histórica na que agora nos encontramos, ás novas tecnoloxías e ás novas formas de intercambio (…)7. Talvez.

De todos xeitos hai sombras neste camiño, sombras que nos levan acompañando desde o principio nesta experiencia revolucionaria dos fillos e netos de Galicia na Rede. A nosa é unha revolución que está en perigo por causa da precariedade (en canto a recursos económicos e humáns) na que se sostén esta plataforma principal da súa expresión, que é a comunidade virtual Fillos.org. Porque é lóxico que nacera como naceu: como a maioría dos casos de éxito na Rede, partindo da propia necesidade dos usuarios, e facéndoo a partir da mancomún destes propios usuarios. Pero o que non semella xustificable, nin para nós nin para moita da xente que veu recoñecendo e loubando o noso traballo, é que nestes 9 anos non se concretase unha colaboración institucional seria. Moita xente sorpréndese de saber que Fillos de Galicia non recebe unha axuda económica decidida do goberno galego, e tampouco un claro apoio nin respaldo de tipo institucional. O noso balance co anterior goberno foi practicamente nulo8, mesmo negativo cando presenciamos con estupor a creación dun portal, Galicia Aberta, que non era senón un clon mal amañado dos portais creados pola nosa asociación, no que ademais se incumprían as regras máis básicas de eficacia en Internet ao mesturar públicos que non teñen nada que ver, como son os inmigrantes e os emigrantes, amosando falta de coñecemento e experiencia na Rede, a maiores dun ninguneo ao noso traballo de tantos anos. Sobra explicar que non houbo nin tan sequera unha posta en contacto para solicitar a nosa colaboración ou asesoramento neste proxecto, de sospeitada finalidade electoralista.

Pero aínda maior sorpresa levamos cando tras o troco de goberno, os novos responsables de emigración, en lugar de rectificar continuaron co derroche de investimento público e coas costas viradas a Fillos, apostando por manter e potenciar ese portal clónico. E vaia por diante que na nosa organización consideramos que a Xunta debe ter un web institucional destinado aos nosos emigrantes, desde o que fornecer información e axudas públicas, pero parécenos sumamente lamentable que se dedique este espazo público na Rede a suplantar funcións que ven facendo desde 1997 a nosa asociación, a base de esforzo, dedicación e sacrificios económicos e persoais de moita xente (socios, colaboradores, membros, traballadores, algún emigrante patrocinador…). E iso decepciona e queima. Só continuamos grazas ao apoio e recoñemento expresado día a día desde a base, desde a sociedade civil, tanto desa sociedade virtual de milleiros de internautas da que formamos parte, como desoutras organizacións e medios de comunicación… que é o que nos fai botar para adiante, e non facer caso do desprezo e cegueira das administracións.

Para unha vez que os galegos fomos innovadores, e estamos en primeira liña desta revolución identitaria xunto con diásporas como a irlandesa, estamos permitindo que nos estean a tomar a dianteira pobos como o vasco, que aprenderon da nosa experiencia online e -eles si- recibiron un apoio significativo das súas institucións, para seguir os nosos pasos.

Polo tanto é hora de eliminar os atrancos (descoñecemento, incomunicación, illamento) que fan que a maior parte da sociedade galega viva allea a este fenómeno que estamos a desenvolver na emigración, e que traballemos xuntos (colaboración) para facer o camiño que ten de levar a Galiza a facerse un espazo de seu, activo e mundial na nova Sociedade do Coñecemento cara á que nos leva Internet. E ese futuro pasa por dispormos dun dominio de noso (o .GAL), como nova sinal de identidade compartida entre todos os que nos sentimos parte da Galiza Mundial, e por apuntalar as pontes virtuais como Fillos.org ergueitas entre ambas beiras da alma dual galega (Galiza+Diáspora) polo esforzo e dedicación voluntariosa da nosa propia xente máis activa.

Non queremos pensar que nos atopamos diante dun Estado, que como di Carlos Taibo9 parece interesado en que as ONGs os liberen do deber de satisfacer demandas elementais. Moitas veces nos dixeron que estabamos facendo un labor que debía ter feito a administración, e xa vai sendo hora de que nolo recoñezan e deixen de actuar contra un dos principais motores desta revolución da identidade. Ou seica imos pasar do clientelismo á competencia coa sociedade civil? Pode permitirse o noso pobo esa desunión, esa anti-cooperación? Porque se Fillos de Galicia desparece por esgotamento dos propios recursos, por cansazo fronte á incomprensión e os erros dos gobernos de turno en Galiza, esta revolución non morrerá, e Internet seguirá servindo para procurarnos a nós mesmos como galegos… Pero si que se botará a perder un inmenso traballo feito, recuaremos anos, malgastaremos milleiros de euros dos contribuintes galegos volvendo a facer o desfeito, botaremos a perder o noso principal edificio de encontro nesta a nosa particular aldea mundial, e caeremos dun tren no que foramos -por unha vez na nosa historia- dos primeiros en subir, desaproveitando o mellor que pode ter para os galegos como pobo, este fenónemo da mundialización tecnolóxica.

…Ao final, imos axudar a facer ou a desfacer esta revolución?


NOTAS:
1) No ano 2005 inscribíronse un 228% máis de usuarios que no 2004. Hoxe son máis de 3.300.
2) Pódese descargar desde varios lugares da Rede, entre eles o portal de Fillos de Galicia para os centros galegos, Galeguidade.net no atallo: http://opapeldeinternet.galeguidade.net
3) Pódese localizar procurando as palabras único futuro en PlanetaGalego.info.
4) As citas están tiradas da sección de testemuñas de Fillos.org. En calquera sección deste portal pódense atopar moreas de mensaxes, e-mails ou comentarios no mesmo sentido.
5) Vid. http://www.galeuros.com.
6) O último foi con ocasión das eleccións galegas de 2005.
7) A Terra quere Pobo (Galaxia, 2004).
8) Malia recibirmos axudas practicamente simbólicas de Emigración desde o ano 2003, a incomprensión que recebemos deles tivo un custo económico que non compensou as devanditas axudas. Iso si, no ano 2005 Política Lingüística, aínda co goberno do PPdeG rachou con esta miserenta axuda e achegounos uns xenerosos 1.600 euros.
9) Na súa recente obra Os movementos de resistencia fronte á globalización capitalista (Xerais, 2005).

Reunión de Fillos.org co Secretario Xeral de Emigración

Venres, Outubro 6th, 2006

A delegación da Asociación Fillos de Galicia mantivo unha reunión con Manuel Luis Rodríguez para solucionar a falta de entendemento. Esta reunión semella que abre unha nova etapa de colaboración.

No encontro oficial mantido o pasado xoves 21 en Santiago ambas as dúas partes conseguiron achegar posturas e aclarar desencontros previos derivados da falta de comunicación e da posta en marcha en 2005 do portal GaliciaAberta sen a participación de Fillos de Galicia, segundo valoraron tras a reunión os responsables desta organización. O encontro produciuse como resposta da Xunta á proposta de convenio que Fillos presentara hai sete meses. Os dirixentes de Fillos.org, portal pioneiro en achegar Galicia aos emigrantes, explicaron ao máximo responsable de Emigración da Xunta de Galicia cal era ao seu entender o problema da duplicidade de funcións entre ambos os dous portais que ate o de agora viñeron funcionando de forma illada e ofreceron a súa colaboración e experiencia en Internet para contribuiren a beneficiar aos destinatarios finais dos dous proxectos.

“Parecíanos absurdo e demasiado custoso que GaliciaAberta fixese en parte o mesmo ca Fillos, e a partir de agora traballaremos doutra forma, procurando sinerxias e menos en competencia”, declarou Manuel Casal Lodeiro, presidente e xestor de Fillos de Galicia. Desde esta entidade amosaron a súa satisfacción por poñeren fin a unha etapa de desencontros e comezar outra que ao seu entender deberá estar marcada “por unha colaboración a prol de todos os internautas de orixe galega que demanden acceso á nosa cultura e mais a todo tipo de informacións e trámites sociais,
laborais ou de reencontro familiar”.

Así, a devandita colaboración iría tomando corpo deica fin de ano por medio do financiamento extra co que a Secretaría de Emigración fornecería a Fillos, en tanto que o veterán portal da emigración galega tería intención de “iniciar certas accións promocionais das novas da Secretaría Xeral e de GaliciaAberta”. Máis adiante e segundo os resultados obtidos estudiaríase a posibilidade de ampliar o acordo de colaboración entre a Secretaría e Fillos a fin de millorar os servizos e informacións que aporta Fillos.org, portal con máis de 3.700 mebros rexistrados e 100.000 visitas mensais, á diáspora galega.

Asemade agárdase que o financiamento acordado “contribúa a estabilizar as nosas contas de ingresos e gastos de tal xeito que deixemos atrás definitivamente a constante precariedade e poidamos contratar máis axuda para levar adiante os nosos proxectos. Pero non queremos quedarnos aí, e pensamos que é precisa unha redefinición conxunta do que fai e contén cada portal, Fillos.org e Galicia Aberta.”

De todos os xeitos e aínda que o resultado desta reunión foi acollido favorábelmente pola comunidade virtual que compón Fillos de Galicia éstes sinalan que “segue haber certo escepticismo, vista a evolución anterior das nosas relacións coa Secretaría Xeral de Emigración.” Amáis, este escepticismo estaría tamén baseado no feito de que a Xunta non contempla a posibilidade de que Galicia Aberta deixe de exercer as labouras que Fillos leva desenvolvendo dende hai case 10 anos ou alomenos de optimizar os recursos da Administración aproveitando a experiencia de Fillos.

Porén, Manuel Casal Lodeiro expresou o desexo de que o vindeiro ano, haxa oportunidade de crear un ambiente propicio para “que cada quen se dedique ao que mellor pode facer e o que lle corresponde como entidade civil ou como administración, esa é a filosofía que penso debe guiar calquera modificación dos respectivos
servizos.”

A emigración estivo presente no Foro da Cidade da Cultura da man de Fillos

Martes, Outubro 3rd, 2006

Manuel Casal Lodeiro, presidente da Asociación Cultural Fillos de Galicia, asistiu como invitado da Fundación Cidade da Cultura ao Foro que tivo lugar os pasados días 29 e 30 en Compostela, e no que o Goberno Galego consultou a representantes diversos do tecido cultural galego acerca do futuro da Cidade da Cultura. Velaquí publicamos as súas impresións acerca do acadado no foro.

O obxectivo co que tomei parte neste proceso participativo aberto, foi o de que non se esquecera aos emigrantes no proxecto Cidade da Cultura. Cando se fala de cultura en Galiza ás veces esquecemos que os galegos residentes no exterior (e mais os seus fillos, netos, etc.) teñen dereito a acceder a esa cultura, en todas as súas formas, tanto pasivamente (como receptores dos actos, proxectos e produtos culturais) como activamente (como creadores de cultura, artistas, etc.). E ese dereito está recolleito oficialmente en leis como a Lei de Galeguidade ou no propio Estatuto de Autonomía, agora ambas as dúas en fase de reforma e afortalamento deses dereitos.

Así é que a miña voz no foro teimou por facer fincapé en que un proxecto desta envergadura, e no que as Novas Tecnoloxías han estar moi presentes, debe fornecer medios para que toda a cultura que nel se produza ou coordine, estea ao alcance dos galegos do exterior, e que no sentido oposto, teña as portas aberta á cultura galega creada por eses mesmos galegos de fóra.

Estou satisfeito porque conseguimos que nas directrices xerais do proxecto Cidade da Cultura se recolla como un aspecto trasversal a Galicia Exterior, ademais de terse en consideración destacada en diversos puntos da versión ampliada do documento de Recomendación e propostas, nomeadamente no que atinxe á coordinación e promoción cultural.

Por exemplo suxerimos que a Cidade da Cultura dispoña dunha versión online, tanto como plataforma global, como de todos os seus actos e proxectos, como vía máis doada para os facer chegar aos emigrantes, complementado opcionalmente cunha canle de TV temática que emita en Internet os actos da Cidade da Cultura. Isto feito complementario dunha promoción dun turismo cultural de raíz, para aqueles descendentes de galegos que poidan vir visitar a Cidade da Cultura física.

Tamén apoiamos ideas doutros participantes relativas á participación da nosa emigración na Cidade da Cultura, como foron a inclusión do enorme e valioso patrimonio cultural do que dispoñen as Comunidades Galegas, no catálogo de recursos culturais que se propón para a Cidade da Cultura, ou a integración da pegada dos galegos nas culturas dos países de acollida entre os contidos da Cidade.

En definitiva, representamos a voz deses galegos que utilizamos principalmente as Novas Tecnoloxías da Información e da Comunicación (Internet principalmente) para acceder á cultura galega. Esperamos que a plasmación final da Cidade da Cultura contemple todas estas ideas e recomendacións, o cal permitirá que os emigrantes esteamos moi presentes na política cultural de Galiza en torno a este xigantesco proxecto.

Entrevista co novo responsable de financiamento de Fillos de Galicia.

Luns, Xuño 26th, 2006

PlanetaGalego entrevista a Miguel Goyanes, que vén de ser nomeado Responsable de Captación de Fondos da Asociación Cultural Fillos de Galicia. Ademais, forma parte da Xunta Directiva da mesma como Delegado en Madrid, e desenvolve un labor moi destacado a prol de Fillos.org desde hai varios anos.

Por que é necesario un responsable de captación de fondos en Fillos de Galicia?

Como en calquera organigrama executivo, é necesaria a figura dun responsable nesta área. Como organización sen ánimo de lucro as vías comerciais (vendas de produtos e servizos) non poden ser a nosa única fonte de ingresos, xa que a mayoría do que ofrecemos facémolo gratuitamente. De feito esta gratuidade e a facilidade para o acceso dos fillos de Galicia, son a nosa razón de ser. Por isto precisamos canalizar a nosa capacidade a través dun posto directivo coma este.

De que vías de financiamento dispón hoxe en día a asociación?

Na actualidade as vías de financiamento son escasas e moi esparexadas. Cotas de socios, servizos de Internet, algunhas (pequenísimas) subvencións e os ingresos por A Parcelaria conforman a nosa financiación. Fannos falta seguridade e periodicidade nos ingresos, de xeito que nos permitan emprender novos proxectos, detrás dos cales levamos moito tempo e que seguen no caixón por falta de ingresos.

Que novas vías explorarás como responsable de captación de fondos?

O meu modo de ver creo máis factible conseguir eses ingresos no mundo empresarial, tanto de Galicia como da nosa diáspora. A eles podemos recurrir para que nos apadriñen con cantidades anuais que, no teñen que ser moi altas, se conseguimos que sexa un bo número e/ou que adquiran unha ou varias parcelas en A Parcelaria. Os galegos espallados polo mundo, empresarios, profesionais, directivos, etc. deben estar convencidos de que a súa achega a Fillos é un diñeiro perdido. Nós encargámonos de revalorizar a súa inversión, convertíndoa en toda unha serie de servizos e contidos que chegan a toda unha comunidade galega mundial, conformada polos milleiros de usuarios de Fillos.

A que se destinan?

Como explicamos dunha forma transparente, no documento informativo da Parcelaria, os nosos gastos son principalmente os das persoas que se dedican a administrar técnica e organizativamente o portal, ademais dos habituais gastos que toda entidade tén (alugueiro, teléfono, Internet, etc.). Hai xa moito que Fillos é algo tan complexo e que xera tantas labores de xestión que decidimos na asociación profesionalizar estas tarefas. Non había outra saída sen non queriamos morrer de éxito. Os voluntarios teñen o seu lugar, moi importante, pero o maior centro galego da Rede non se pode xerir unicamente con traballo voluntario. Penso que é doado de comprender para calquera que coñeza minimamente o que é Fillos e como funciona.

Por que razóns unha empresa debería apoiar economicamente a Fillos? E as administracións públicas? Que beneficios lles achega?

O principio de solidariedade é fundamental cando un empresario pensa en nos axudar. Solidariedade con todos os galegos emigrantes que queren manter os seus lazos con Galicia. Despois poden rentabilizar esa solidariedade por medio dos beneficios inherentes á Responsabilidade Social Corporativa (imaxe, publicidade, etc.) tan de moda, pero se falta a solidariedade con todo o que supón a nosa emigración, non hai nada que facer.

Os ingresos por parte das Administracións Públicas, despois de case 10 anos da existencia de Fillos, deberían estar máis que garantidos. Pero ate o de agora non tivemos sorte ou non nos fixeron o caso que nós pretendemos. As admnistracións deixan esmorecer no tempo as súas boas intencións cos galegos que estamos fóra. Portais de Internet que se crean (cun importante custo para todos os galegos) e que quedan inactivos ao pouco tiempo, investimentos en actos que nada teñen que ver coa nosa cultura ou que non chegan máis que a unha presada de emigrantes, promesas que nunca chegan a se concretar… Ademais parecera que seguen cos ollos pechados ás posibilidades que ten a Rede, malia levar nós tanto tempo sendo a proba do que se pode facer.

Como responsable da captación de fondos hei intentar chegar mellor ás Administracións, que reciban a mensaxe axeitada e clara da nosa parte, que suscite o seu interese. Que abran os ollos. E pensen cómo e en qué están a gastar as partidas orzamentais da emigración. Se algunha asociación ou organización é merecedeira da atención da Administración, esta coido que é Fillos de Galicia. É moi significativo que os únicos que nos chamaron de motu propio para reunirnos con eles foron responsables de emigración do Goberno Vasco, interesados pola nosa experiencia.

Canta financiación precisa Fillos de Galicia?

Aínda que a pregunta pareza obvia, non o é. Fillos precisa fondos para traballar con tranquilidade nos seus proxectos, sen ter que sufrir cada mes por acadar catro pesos simplemente para subsistir, e que a captación de fondos non nos absorba todos os nosos esforzos e toda a nosa actividade. Como tamén detallamos no dossier da Parcelaria isto témolo cuantificado en 40 mil euros anuais.

A nosa función é servir, axudar, animar, compartir e levar Galicia e a cultura galega a todos os rincóns do mundo onde viva un galego ou un descendente interesado por recuperar e manter a súa identidade. É a iso ao que nos temos que dedicar principalmente, e non a buscar diñeiro.

Algún outro comentario para os nosos lectores?

Si. A miña pretensión é chegar máis ao corazón dos galegos, que á súa carteira. Axudar a Fillos en realidade é moi doado. Sumando esforzos e co gran número de galegos emigrantes, potenciais aportadores de fondos, sumados aos que desde Galicia se sinten solidarios cos emigrantes, serían bastante pequenas as cantidades individuais coas que contribuirmos cada un. E as formas son moi diversas: hoxe en día quen queira axudar a Fillos ten moitas formas de o facer, ao alcance de todos os petos: cotas de socio, doazóns, compra de produtos, participación na Parcelaria, etc.

A nova estrutura organizativa de Fillos de Galicia:

Organigrama actualizado de Fillos de Galicia

Os cen acentos e cen cores de Fillos

Luns, Maio 15th, 2006

Nova iniciativa de Fillos co gallo do Día das Letras.

Como xa saberedes, pois leva varios días anunciado na nosa web, Fillos está a desenvolver unha nova e orixinal iniciativa pra facervos partícipes da conmemoración, este vindeiro mércores 17 de maio, do Día das Letras Galegas. Todos os anos por estas datas, o galego vístese de gala e recibe unha homenaxe merecida por parte de institucións e persoas de toda a Galiza.

Fillos, na súa condición de portal da diáspora galega non podía deixar pasar a ocasión de lembrarvos esta celebración e asi como xa vimos facendo dende hai varios anos, argallamos algo especial pra esta data.
Trátase da iniciativa Cen acentos, cen cores coa que queremos homenaxear tanto ao persoeiro ao que está adicado este ano o día das Letras, Manuel Lugrís Freire coma a todas as persoas que forman parte da nosa Comunidade Virtual ás que invitamos a enviarmos um poema, “Amor” do devandito Lugrís, ou calquer outro texto en lingua galega.

Sinalar que a eleición deste escritor e xornalista tén un significado especial pra nós, pois Lugrís Freire ao igual ca outros grandes vultos, xa homenaxeados coma Curros Enríquez ou Luís Seoane tén unha relación moi estreita coa emigración galega. El mesmo, marchou pra Cuba con 20 anos e foi alí, na Habana onde puido tomar contacto coa literatura e con boa parte da intelectualidade galega.

Coa nosa iniciativa, dende Fillos pretendemos amosar, por boca dos nosos membros aló onde estén, dende Arxentina a Alemaña ou dende os Estados Unidos á Euskadi, a diversidade e sonoridade das ducias de acentos, de procedencias que conforman a nosa Comunidade, distintas orixes e visións do mundo, máis que partillan un feito común, o sentimento de galeguidade.
Pra rematar, salientar a boa acollida que a nosa iniciativa está a ter na Galiza, xa que logo a Xunta, o portal de información xeral Vieiros ou a blogosfera galega (o “Blogomillo“), tiveron a ben facerse eco do noso traballo.

Sen dúbida, un motivo máis pra participar dela, así que se aínda non enviaches a túa aportación ao noso correo fillos@fillos.org, non tardes!

RedeGalega patrocinará o aloxamento da Ciberirmandade da Fala

Luns, Marzo 20th, 2006

A CiberIrmandade da Fala e a asociación cultural Fillos de Galicia anuncian o acordo polo que a CiberIrmandade pasa a hospedarse no servidor de RedeGalega propiedade de Fillos de Galicia.

Desde a CiberIrmandade quere facerse público o seu agradecemento, desexando que o acordo vaia en beneficio dos obxectivos mutuos.

Mentres que en Fillos de Galicia considérase que a unión de todos os galegos e galegas, residentes e emigrantes, naturais de Galiza e descendentes, debe basearse na nosa lingua común, e para que as persoas que queren recuperar o idioma dos seus antergos teñan información dispoñíbel na nosa lingua, paréce fundamental apoiar unha iniciativa como a da CiberIrmandade da Fala. Por isto, pola converxencia dos obxectivos culturais e lingüísticos de ámbalas dúas organizacións, tomouse a decisión de fornecerlle un aloxamento de balde que permita sumar esforzos e optimizar recursos.

CiberIrmandade e Fillos agardan que a colaboración se estenda a outros ámbitos e que os milleiros de participantes na comunidade virtual Fillos.org poidan apoiar as campañas da CiberIrmandade, a maiores de que os voluntarios que colaboran con esta poidan estar máis en contacto e apoiar as actividades dos emigrantes que usan Internet para se achegaren a Galiza, á súa cultura e identidade como galegos.