Archive for the ‘Galicia Emigrante’ Category

Migracións e medios de comunicación: aumentar o contacto, mellorar as prácticas

Martes, Novembro 9th, 2010

A facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela acolle esta semana o VI Foro Cidadanía e Medios de Comunicación, centrado nesta ocasión nas migracións. Entre os obxectivos do congreso está analizar as mensaxes que crean os medios sobre a migración co propósito de xerar boas prácticas entre os profesionais da comunicación. Tamén se busca coñecer a dinámica dos medios dos que dispoñen os migrantes como comunidades de diáspora co ánimo de recoñecer e valorar a súa cultura e as iniciativas de participación nos medios. Finalmente, traendo estas reflexións e debate ao ámbito galego, quérese pór de relevo o coñecemento da experiencia migratoria galega como elemento de encontro e proposta de valor á hora de comunicar políticas de recursos e dereitos ou elaborar información.

Entre os traballos máis destacados que se presentarán destaca, por exemplo, a achega do investigador brasileiro Denis P. Reno, que falará sobre As redes sociais como aliadas de grupos migratorios, ou a da francesa Isabelle Rigoni, cun relatorio titulado Migración, comunicación, mundialización e diversidade cultural.

Haberá tamén mesas redondas, como a que reunirá a Marga Tojo (Galicia Hoxe), Sonia Torre (La Región Internacional), Mónica Alzate (USC) e Carlos Punzón (La Voz de Galicia) para debater o tratamento das migracións na prensa. Ou o que tratará a emigración galega na radio, coordinado por Mónica Rebolo. Para rematar, o venres 12 pola tarde, desenvolverase un obradoiro sobre Usos das redes e outros medios de comunicación por colectivos migrantes coordinado por Maria Fidalgo da Plataforma polo Emprego.

‘Follas Novas’: A mellor obra de Neira Vilas non é un libro

Venres, Novembro 5th, 2010

En Gres, á beira do Río Ulla, ano 2010; en Bos Aires, calle Asunción 3035, ano 1957. Hai dous elos que fan coherente e exacto unir dous momentos e dous espazo tan distantes. Un é o suxeito, dobre: son Xosé Neira Vilas e Anisia Mirada. O outro é o obxecto, o propósito: a difusión da cultura galega. En 1957 nacía en Bos Aires a editorial e “feira permanente do libro galego” Follas Novas.

Bos Aires nos anos 50 era a primeira cidade de Galicia. Érao en poboación, pois en ningunha outra cidade do mundo vivían máis galegos, e érao a súa alma e vontade de ser galega. A nosa cultura brillaba na outra beira do océano Atlántico: Seoane, Dieste, Lorenzo Varela, Arturo Cuadrado, Blanco Amor… Durante o Primeiro Congreso da Emigración Galega en América, celebrado en Bos Aires en xullo de 1956, falouse moito da necesidade de difundir a nosa cultura. Xa se estaba a facer a través de revistas, actos e conferencias, e mesmo por medio de programas de radio, teatro e editoriais, mais non no terreo da distribución de libros, tanto os que se publicaban en Galicia como os que vían a luz en América. En Galicia estaba Galaxia, pero os libros que editaba aínda eran poucos e chegaban a América con retraso e dificultades. De aí a idea de Neira Vilas e Anisia de crear un centro distribuidor, unha librería galega para todo o continente.

Os mozos galeguistas que vivían en Bos Aires nos anos 50 non eran unha multitude, mais eran activos, moito. Agrupábanse, sobre todo, nas Mocedades Galeguistas, fundadas en 1953, organizaban actos diversos e tiñan a lingua como emblema e signo da súa identidade galega. Un exemplo desa actividade foi o reparto polas rúas de mileiros de copias da denuncia que as sociedades galegas realizaran ante a Asemblea Internacional da Unesco, reunida en Montevideo en 1954, da persecución da que era vítima a lingua galega na ditadura franquista. Os rapaces repartían tamén o artigo El idioma prohibido, de Francisco Luís Bernárdez. As súas reivindicacións dos dereitos políticos e da cultura galega eran continuos. Os bonaerenses ollaban estes rapaces con certa estrañeza: as reivindicacións políticas dun recuncho do Estado Español ficaban lonxe, e a existencia dunha cultura gallega (gallega de Galicia, non como xentilicio común a todos os emigrados/exiliados españois) era moi descoñecida. Pero os mozos galeguistas eran incansables. A súa defensa de Galicia era moito máis ca unha actividade, era unha forma de vida: o seu comportamento debía ser sempre un exemplo, o mesmo que o seu aspecto e vestimenta, así coma os seus hábitos. “Cando iamos no autobús ou no subte levabamos sempre dous libros, sempre en galego. Iamos lendo un, todo o tempo, e o outro levabámolo nas pernas. E se preguntaban: ¿en que lengua lee usted?, respondiamos En galego, e despois lles dabamos un discurso sobre a cultura e a lingua galegas”. Así fala Neira Vilas.

Buenos Aires e Gres. Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda. En febreiro de 1957 casaron en Arxentina, el con 28 anos e ela con 24. E decidiron que o que en principio ía ser unha libraría na Avenida Constituyentes sería finalmente unha editorial e “feira permanente”, dedicada exclusivamente aos libros galegos, e que ademais se instalaría na súa propia casa, en Asunción 3035. Acababa de nacer Follas Novas.

A libraría-editorial inaugurouse o 15 de xullo dese ano, aniversario do pasamento de Rosalía. Na inauguración, coa presenza moi numerosa de amigos, así como da prensa arxentina, falaron eles dous, expoñendo aquel proxecto, e exerceu de “pregoeiro” o xornalista e ex deputado Ramón Suárez Picallo, cun fermoso discurso.

Os primeiros fondos estaban compostos por obras galegas publicadas en BosAires, con selos editoriais de Emecé, Nova, Botella al Mar, Ánxel Casal, Nós, Alborada (da Federación de Sociedades Galegas) e As Burgas e Lérez (dos centros ourensán e pontevedrés). Despois comezaron a chegar obras editadas en Galicia, por exemplo todas as publicadas por Galaxia, ademais de Porto, Bibliófilos Gallegos e Monterrei, e tamén libros procedentes de Madrid, Barcelona, París, México, Uruguai… Neira e Anisia crearon un sistema de información postal de novidades, así coma unha rede de colaboradores en Rosario, Mar del Plata, Santa Fe, Santiago de Chile, Montevideo, Nova York e Caracas. Ademais, as editoriais Galaxia e Bibliófilos Gallegos encomendáronlles a súa representación na Arxentina.

Pero Follas Novas era moito máis ca unha libraría. Os mozos emigrantes, así como algúns arxentinos de ascendencia galega, participaban cada vez con máis asiduidade nas reunións e debates sobre temas de cultura galega que se realizaban os sábados. Así mesmo, instaláronse oito vitrinas noutras tantas importantes sociedades galegas, como mostrarios bibliográficos que se renovaban cada quince días. Editáronse catálogos e organizáronse tres significativas exposicións do libro galego contemporáneo. A primeira levouse a cabo na sala de arte do Centro Lucense de Bos Aires en 1958.; Seoane colaborou no catálogo e nunha achega complementaria de gravados, que se utilizaran en cubertas de libros. Meses despois montouse unha instalación similar no Patronato da Cultura Galega de Montevideo. E por último outra do mesmo carácter tivo lugar en Caracas, organizada pola Hermandad Gallega, acto no que tomaron parte o profesor Emilio González López e a poeta Pura Vázquez. Así mesmo, no Centro Lucense presentouse unha mostra orixinal: a primeira exposición do Periodismo Galego na Arxentina, tamén organizada por Follas Novas.

O 10 de outubro de 1959 Neira e Anisia propuxéronlles aos mozos porteños que asistían aos debates dos sábados de Follas Novas crear unha Asociación Arxentina de Fillos de Galegos, e de inmediato quedou constituída unha comisión xestora. A asociación tivo unha longa e frutífera existencia (unha revista, campamentos de estudantes na Patagonia, cursos de galego, visitas a Galicia…). Era a única entidade do tipo no país. Así mesmo, por vez primeira emitíronse comentarios de libros galegos na radio arxentina. Neira e Anisia escribían os textos, que eran lidos por Elsa Fernández, moza porteña de pais galegos.

En 1959 chegou a Bos Aires Ramón Otero Pedrayo, convidado polo Centro Galego para asistir a unhas xornadas que se celebraron o día de Galicia. Ademais, Follas Novas ofreceulle unha homenaxe no Centro Lucense. Ademais de Neira e Anisia, tomaron parte no acto Alonso Ríos, Suárez Picallo, Rafael Dieste, Ramón de Valenzuela, Víctor Luis Molinari e Xosé Blanco Amor, e entre outras personalidades estiveron presentes Seoane, Lorenzo Varela, Antonio Baltar, Emilio Pita… Para esta homenaxe recibíronse adhesións da maior parte das asociacións galegas de América, encabezadas polas da Unidade Galega de Nova York e a Casa Galicia de Caracas, e mesmo chegou unha carta de felicitación dende Xacarta, en Indonesia. Dende Galicia recibíronse misivas colectivas, como a asinada por Ramón Cabanillas, Manuel Gómez Román, Francisco Fernández del Riego, Ricardo Carvalho Calero, Domingo García Sabell, Fermín F. Penzol, Ramón Piñeiro, Xesús Ferro Couselo, Celestino Fernández de la Vega, Ánxel Fole, Xaime Isla Couto, Franco Grande, López Nogueira, González Salgado, Méndez Ferrín, Xohana Torres ou Xohan Ledo. Ou a enviada polos “Brais Pinto” dende Madrid: Bernardino Graña, Reimundo Patiño, Xosé Fernández Ferreiro, Ramón Lourenzo, Blanco Losada, Bautista Álvarez ou, de novo, Méndez Ferrín, que se adheriron ao recoñecemento “con cariño e admiración ao cantor e mensaxeiro da nosa terra”. Finalmente, recibíronse outras cartas, tan sorprendentes coma a da actriz María Casares, que en galego escribiu: “Pra Follas Novas, un recordo cheo de agarimo”. Montouse, ademais, unha exposición con toda a obra do gran polígrafo e narrador, que agradeceu a homenaxe; falou da Galicia atafegada e do pulo da emigración “onde se sente o fervor da patria nunha constante e creadora afirmación da propia identidade”.

Días despois, Otero Pedrayo visitou a sede de Follas Novas con Fita e con Virxinia de Castelao. Foi recibido por mozos e mozas galeguistas. Dedicou exemplares da súa obra e falou dos seus anos de estudante, das súas inquedanzas patrióticas e do significado da difusión do libro galego no Novo Mundo. Ademais de Otero Pedrayo, a sede de Follas Novas ten sido visitada por Laxeiro, María Casares, Luís Seoane, Rafael Dieste, Nicolás Guillén, Machado da Rosa, Díaz Pardo, Emilio Pita, Lorenzo Varela, Arturo Cuadrado, Blanco Amor, Leandro Pita Romero, Alonso Ríos, Sánchez Guisande, Antonio Baltar, Rodolfo Prada, Mosqueira Manso, Xosé Ruibal, Marcos de Abeleda, Xosé Conde…

En 1958 Neira Vilas e Anisia Miranda viron cumprido un dos seus grandes obxectivos: Follas Novas converteuse en editorial, pequena, pero fértil. A primeira obra publicada foi Itinerario Galego, de Víctor Luis Molinari (con prólogo de Suárez Picallo, cuberta de Laxeiro e tradución de Neira Vilas); e logo virían Esta es Cuba, hermano, de Anisia Miranda; Dende lonxe e Memorias dun neno labrego, de Neira Vilas; e Terra aluciada, de Xosé Conde. Existía tamén o proxecto de reeditar o Sempre en Galiza de Castelao, que finalmente non puido ser , por non acabar de definirse a inclusión dos capítulos inéditos. Follas Novas enviou clandestinamente a Galicia moitos dos exemplares remanentes da primeira edición; os últimos que quedaban trasladáronllos á distribuidora Atlante, de México, con sucursal en Bos Aires, que contaba con medios eficaces para remitir a España diversas obras de literatura “subversiva”.

A marxe de ganancias obtida cada mes por Follas Novas destinábase a doar coleccións de libros a institucións e bibliotecas públicas para difundir a presenza da cultura galega en Arxentina. Como afirma Neira Vilas, “a nosa laboura tiña un definido sentido patriótico, non mercantil”. Foi un traballo intenso e eficaz, ao que Neira e Anisia, dedicaron longas horas. Lamentan que non puidese cristalizar un dos seus proxectos: a revista Letras Galegas, para a que contaban con apoios de entidades e persoas de Bos Aires e Montevideo. O proxecto non foi adiante porque Neira e Anisia decidiron deixar a Arxentina.

Porque Follas Novas era unha revolución. Pero en Cuba estábase producindo outra, e había que vivila. “Doíanos interromper o labor de Follas Novas, pero ao mesmo tempo facíasenos moi atractivo vivir a experiencia dun país en revolución; un país do noso ámbito cultural, a onde tiñan emigrado tantos galegos. Queriamos participar, con todos os riscos e incomodidades previsibles, naquel histórico proceso”. Elsa Fernández mantivo aceso o soño de Follas Novas entre 1961 e 1964. Pero faleceu, moi nova, nese ano 1964. No fondo, gran parte da vitalidade cultural e política galega no Río da Prata comezaba a esmorecer. Galicia afastábase, pero ao tempo, en Galicia, neses anos sesenta, algo comezaba a moverse, moi de vagar comezaba a alumear unha nova esperanza.

A vida é un río. Ou son dous, o da Prata e o Ulla. Bos Aires, 1957. Gres, 2010. A mesma persoa, o mesmo propósito. A Fundación Neira Vilas é unha iniciativa pioneira (se non é única) no rural galego. Cos seus 8.600 volumes, un museo etnográfico, unha sala de exposicións e concertos, concursos literarios para nenos, a súa vizosa actividade cultural, as súas representacións teatrais para os veciños… ¿Que ten que ver cunha librería galega, unha “feira” de libros aberta no exilio 50 anos antes? Muda o contexto, o espazo, o momento, mais o obxectivo é o mesmo: difundir a cultura, a cultura galega. Mais nada, a cambio de nada máis. Como dixo Seoane, en cada actividade cultural que se celebraba en Arxentina, Neira Vilas e Anisia Miranda presentábanse cun tenderete para vender libros galegos, “perdendo cartos e recobrando vontades para Galicia”.

‘O retorno’, nas mulleres: dificultades engadidas

Xoves, Novembro 4th, 2010

Na seu estudo Psicopatoloxía do retorno, moi interesante e accesible, os psiquiatras Alexandre García-Caballero e Ramón Area Carracedo analizan os efectos que provocan a transmigración (ou retorno) nos emigrantes que regresan á terra. Fano a partir dos seus propios pacientes, un total de 65 persoas que retornaron a Galicia dende despois de moitos anos de vivir e traballar en distintos países de América ou Europa.

Os autores explican, ademais, que existen diferenzas entre os efectos psicosociais que ese retorno ten para homes e para mulleres. Existen diferenzas de xénero nas narrativas dos homes e mulleres emigrantes. Mentres no homes o cerne é o que conseguiron, presentando a súa narración coma unha serie de de actos conscientes dirixidos cara a unha meta concreta, as mulleres prestan atención a outros aspectos, especialmente aos relacionais, evitando insistir no que fixeron e salientando con quen e para que. Estas diferenzas de xénero son importantes, xa que van determinar a construción da queixa. Nos homes a queixa vén pola perda do obxecto (a ruína, a falta de recoñecemento…), as mulleres en troques salientan as relacións (os fillos que quedaron na emigración, os fillos criados polo avós e que agora non as entenden…).

Para moitas mulleres, sobre todo emigradas en Centroeuropa, o retorno supón ademais sacrificar o seu status como obreiro para volver integrarse no mundo rural e doméstico. Ese rol de operario durante a emigración, conleva tamén unha relación diferente coa parella, a quen, moitas veces, non lle queda outra que compartir as tarefas da casa dun xeito igualitario. Para as mulleres, entón, o retorno supón adaptarse de novo a un contorno que, especialmente no rural, segue anquilosado, mantendo espazos de diversión diferenciados para homes e mulleres, e a un modo de vida tradicional que ao non teren traballo asalariado implica para elas facer as tarefas do fogar mentres eles non fan nada. Para os homes esta adaptación é moitas veces máis doada pola existencia de actividades sociais fóra da casa.

Os cambios no voto dos emigrantes

Xoves, Novembro 4th, 2010

Despois de catro meses de debates no seo da subcomisión que estuda no Congreso a reforma da lei electoral, os principais partidos do arco parlamentario tomaron a decisión de que as eleccións municipais só conten coa participación das persoas que manteñan vivo o seu empadroamento nas localidades onde pretendan exercer o seu dereito ao voto. Os emigrantes si poderán votar, segundo acordou a subcomisión, nas eleccións ao Parlamento (Congreso e Senado, sen ningunha circunscrición específica), nos comicios autonómicos, nas Eleccións Europeas e en todos os referendos que convoque o Estado.

O acordo alcanzado finalmente por todos os partidos excepto Esquerda Unida (que votou en contra) e Coalición Canaria (que se abstivo) deixa fóra na práctica a todos os residentes no exterior, como estaba previsto, aínda que abre a porta á participación aos españois que emigrasen temporalmente e non se deron de baixa no seu padrón municipal de procedencia. Fillos e netos de emigrantes quedarán así fóra do proceso de elección de alcaldes e concelleiros, do mesmo xeito que os seus ascendentes, se xa non contan cunha relación censal directa cos seus concellos de orixe. A proposta será elevada agora pola subcomisión á Comisión Constitucional da Cámara baixa, que á súa vez a remitirá ao pleno do Congreso para o seu debate e votación, coa previsión de que entre en vigor antes das eleccións municipais do próximo ano. Desta forma, os 1.334.772 españois incluídos no censo electoral de residentes ausentes (CERA) perderán por primeira vez a posibilidade de votar nas eleccións locais. Deles, 353.896 están adscritos electoralmente a Galicia, o que supón un 13,29% do censo da comunidade, aínda que en provincias como Ourense representa un 22,1% do seu corpo electoral, e en Lugo, un 13,7%. Isto afectará tamén aos descendentes de exiliados durante a Guerra Civil e o franquismo que segundo a Lei da Memoria Histórica van recibir a nacionalidade española, o que previsiblemente elevará o Censo de Residentes Ausentes de 1,3 a 1,7 millóns de persoas nos próximos meses. O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo animou aos seus alcaldes a incumprir a lei empadroando como veciños aos emigrantes e aos seus descendentes que quixesen votar, o que xa foi moi criticado por PSOE e BNG.

A pesar do desacordo que entre a representación do PSOE no exterior suscitou a reforma electoral, o acordo foi total entre os dous partidos maioritarios, que fixeron seu un ditame do Consello de Estado no que se interpreta que o dereito de voto nas municipais debe quedar restrinxido ás persoas que manteñan a condición de veciñanza onde vaian exercer o voto. Ambos os dous partidos decidiron igualmente instaurar o voto rogado no exterior para as demais consultas electorais, un sistema que rexía até agora nas municipais. Así, os residentes no estranxeiro recibirán a partir de agora un modelo oficial de solicitude para votar nos comicios autonómicos, xerais e europeos, que deberán devolver contestado se queren participar en cada comicio. Con esa petición de participación recibirán a documentación electoral e as papeletas. Desta maneira garántese que todos os inscritos na CERA recibirán de oficio a solicitude e ao mesmo tempo reducirase sensiblemente a impresión e envío de millóns de papeletas como até agora. Ademais, a subcomisión decidiu que se instalen urnas nos consulados para que poidan emitir o voto nelas todos os emigrantes que o soliciten previamente. Os colexios electorais do estranxeiro estarán abertos o tres últimos días de campaña e deberán contar con 52 urnas nos procesos xerais. Os sobres cos votos deberán chegar a España por valija diplomática un día antes dos comicios.

Porén, na práctica, máis alá do previsto pola nova lei, o voto en urna para os residentes no exterior terá que agardar. A reforma electoral abre a porta á posibilidade de exercer o dereito a voto nos consulados ou embaixadas. No entanto, e á falta de que se determine con detalle o modelo, o Goberno central xa asume que o sufraxio en urna “será inviable” e “case imposible de aplicar”. Así o aseguraron fontes do Goberno central, que aclaran que hai “estudos e informes abondos” que consideran “practicamente inviable” facilitar o voto en urna para os emigrantes. O motivo está no complicado sistema electoral español, con circunscricións provinciais. Aplicar o voto presencial no exterior suporía “unha urna por cada circunscrición e papeletas de todas as candidaturas de cada circunscrición en cada espazo consular que se habilite”. Unha tolemia que a Administración considera “imposible” de artellar. Suporían milleiros de paquetes para cada consulado, un problema que se cadra se podería solucionar aplicando outra demanda histórica: unha circunscrición exterior e única para os emigrantes. Pero aí tamén hai atrancos, malia que foi unha das posibilidades seriamente analizadas durante as vinte reunións celebradas pola subcomisión. “Sería fácil de encaixar no Senado, pero imposible no Congreso”, aseguran xuristas do Estado.

Os residentes no exterior mobilízanse
A emigración galega non dá por perdida a durísima loita por tratar de manter a súa participación nas eleccións municipais e por iso iniciou unha ofensiva para intentar modificar a proposición de reforma da lei electoral, que o pasado sábado se rexistrou no Congreso co respaldo de todos os partidos, excepto Izquierda Unida e Coalición Canaria. Desde a directiva dos tres consellos de residentes españois existentes en Suíza decidiuse intentar coordinar aos demais organismos de representación oficial da diáspora en Europa para mostrar en bloque o rexeitamento que aseguran existe entre a emigración á perda da súa condición de electores nos comicios locais. As principais formacións políticas mostraron xa a súa vontade de aprobar a reforma da lei electoral no menor tempo posible, trámite que desde o Congreso se estima que puidese acontecer en febreiro próximo, co que a exclusión da diáspora nos comicios municipais se levaría a cabo xa nas que se convocarán para o 22 de maio. Desde Suíza mandáronse aos consellos de residentes do resto de Europa escritos buscando a adhesión de todos os emigrantes posibles a un escrito que sinala que “os cidadáns asinantes esiximos ao presidente do Goberno de España que impida a exclusión do colectivo emigrante e de non residentes para votar nas eleccións municipais, así como a implantación do voto rogado ou de calquera outro mecanismo que mutile o noso dereito constitucional e recoñecido dereito de sufraxio universal”.

“Resulta triste que o PSOE e o PP, que non se pon de acordo para nada, fágano para recortar os dereitos dun grupo de cidadáns”, laméntase José Raimundo Insúa, secretario do Consello de Residentes Españois en Berna e Basilea. Para este emigrante natural de Vimianzo “esta situación deprime moito cando ves como aquí os grupos folclóricos, educativos e sociais loitan por manter viva a súa identidade e tradicións, mentres que en España se nos trata de apartar e desvincular da nosa terra. Que pensen ata os máis galeguistas que con esta lei, tal e como a queren deixar, Castelao xa non podería votar”, engade. O Defensor do Pobo e a vía de amparo ante o Tribunal Constitucional son as estratexias xurídicas que os consellos de residentes no exterior preparan tamén, se as Cortes non modifican a súa proposta de reforma.

Declarar persoas non gratas aos deputados que apoien a exclusión dos emigrantes é outra posibilidade que apunta Insúa, mentres Francisco Lores, presidente da Federación de Asociacións Galegas en Arxentina, asegura estar a valorar ata a ocupación de sedes oficiais españolas no devandito país para realizar unha protesta internacional. “O Goberno español está a mostrar unha soberbia desmesurada cara aos emigrantes ao non querer nin escoitarnos”, engade Lores. “Non deixan votar, cando o voto é a columna vertebral da democracia”, sentencia, ao tempo que estendeu as críticas á propia formación: “o BNG tennos abandonados, non quere aos galegos de aquí” e lanzou tamén unha mensaxe aos grandes partidos —PSOE e PP—: “se hai corrupción no voto emigrante é porque eles mercan axentes electorais e sacos de votos”. “Nin nos recibiron, a pesar de solicitalo”, constata tamén Francisco Ruiz, presidente do Consello Xeral da Cidadanía Española no Exterior, para quen a exclusión das municipais “é un atropelo que trataremos de levar ás institucións europeas para que se nos escoite”, engade. Para o mandatario do máximo órgano de representación dos emigrantes, a reforma da lei electoral non garantirá máis transparencia, “xa que a suposta mesa electoral que se montará nalgúns consulados estará presidida e vixiada non por cidadáns neutrais, senón por funcionarios ou os cónsules. ¡Pero en que país estamos!”, exclama Francisco Ruiz. Mentres, o secretario xeral do PSOE en Venezuela e ex senador socialista por Ourense, Cándido Rodríguez, lamentou o acordo acadado e expresou o seu malestar con que se supriman dereitos aos “fillos do exilio político e económico, aos que marcharon de España por necesidade”. Rodríguez laiouse polo trato que España dispensa á súa colectividade emigrante, fronte ao que contrapuxo que países como Italia e Portugal lexislaron “en favor” da súa diáspora: “envéxoos, porque nós estamos sendo maltratados polo Goberno”. Finalmente, propuxo que “se aproveite o potencial dos emigrantes como embaixadores dos produtos españois para revitalizar a economía e resolver a crise”.

María Teresa Michelón Martínez, presidenta do Consello de Residentes Españois, Pedro Belo Díaz, presidente da Federación de Sociedades Españolas da Arxentina, Adonis Pampín Cagide, Presidente da Federación Unión de Asociacións Galegas da República Arxentina, Francisco Lores Mascato, Presidente da Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina e Julia Hernando, Presidente da Federación de Sociedades Castelán-Leonesas, asinaron un comunicado no que rexeitan a reforma da lei electoral, lembrando que a Constitución no seu artigo 68.5 consagra que “Son electores e elegibles todos os españois que estean en pleno uso dos seus dereitos políticos. A Lei recoñecerá e o Estado facilitará o exercicio do dereito de sufraxio aos españois que se atopen fose do territorio de España”. Así mesmo, advirte de que o Estatuto da Cidadanía Exterior no seu artigo 4.1 establece que “os españois que residen no exterior teñen dereito a ser electores e elixibles, en todos e cada un dos comicios, nas mesmas condiciones que a cidadanía residente no Estado Español, nos termos previstos na normativa de aplicación”. O comunicado péchase dicindo que “a Comunidade española de Arxentina rexeita enfáticamente calquera reforma limitativa dos seus dereitos e discriminatoria da nosa condición de cidadáns residentes no exterior. Se as expresións do abanico político español uníronse para suprimir os nosos dereitos constitucionais, os cidadáns españois no exterior unirémonos para impedilo, calquera sexa a nosa crenza política individual, pois se trata de xeito evidente dunha proposta discriminatoria, insolidaria, inxusta e lamentable. Se a reforma segue adiante, non nos quedaremos de brazos cruzados. Estanse avaliando todas e cada unha das accións que sexan necesarias para evitar este atropelo, facendo reserva do noso dereito de presentar recursos ante o Tribunal Constitucional, e de denunciar ante a Unión Europea a flagrante, anticonstitucional e discriminatoria supresión de dereitos a máis dun millón e medio de cidadáns dun dos seus países membros”.

Ademais, creouse un grupo en Facebook chamado Ningún español sin voto, que xa conta cun milleiro de membros, para difundir e coordinar as accións de protesta.


Secretaría Xeral de EmigraciónEste artigo foi publicado
grazas ao financiamento
da Secretaría Xeral de Emigración
da Xunta de Galicia.

‘Mafia Galega’, hip-hop na nosa lingua feito en Suíza

Xoves, Novembro 4th, 2010

Mafia Galega é un colectivo musical liderado por Francisco Fernandez, Paco, que dende Xenebra (Suíza) fai hip-hop en galego. Falamos de colectivo porque de forma elástica músicos galegos distibuídos por varios puntos da diáspora europea participan no moitos proxectos que se van poñendo en marcha. Os seus versos falan da emigración e dos veráns na aldea pero tamén dos problemas cotiás que afectan ás suas vidas. A web mafiagallega.com, dirixida polo propio Paco, aglutina dende Suíza boa parte destes grupos que se expresan a través do rap e que están a xerar todo un movemento Hip Hop na diáspora. Na actualidade, esta plataforma virtual canaliza e difunde o traballo de preto de vinte grupos entre os que se atopan bandas como Gale´n´raven, Gran Purismo, Xoko Suízo ou a propia Mafia Galega.

Mafia Galega estreouse en 1998 co tema Bad Boys de Ferrol, que inspira o nome e o concepto do grupo. Naquel momento, a banda está composta por Vida (Evidenzia) e Paco, que no ano 2000 se unen a Obé, que permanece no grupo até 2004. Durante estes anos Mafia Galega deu varios concertos en Xenebra con grupos como l’Evidence e Lyrikal Kartel, cos que tamén montou un estudio, Faya Records, e o seu propio selo, Faya Effect. Mafia Galega defínese como “organización musical de corte independentista” e advirte de que ten “ramas internacionais principalmente en poboacións galegas, pero até pode que teña axentes infiltrados noutros lugares como as Illas Canarias e la parte alemá de Suíza, Schaffhousen ou algo así. Posible expansión por Europa e América latina e obxectivos mundiais”.

Mafia Galega representará a Galicia o vindeiro 27 de novembro na sétima edición do Liet International, unha especie de Eurovisión para linguas sen Estado de seu, e que terá lugar en Lorient, na Bretaña. Esta é a cuarta vez que Galicia conta con representación no festival de música en linguas minorizadas, despois de Uxía (2004), Narf (2006) e Boy Elliott & The Plastic Bags (2008) e por primeira vez a representación correrá a cargo dun grupo nacido na diáspora. Pero será por iniciativa dunha entidade deportiva non institucional -A Liga Nacional de Billarda (LNB)- que a lingua galega estará presente, pois ningunha entidade nin institución pública, comezando pola Xunta, promoveu a presenza do galego. A LNB presentou a candidatura do grupo co tema Billarda sempre, o himno da Liga Nacional de Billarda, con letra do poeta Xabier Cordal e música de Paco; o tema foi un dos cinco elixidos por un xurado internacional entre as 46 candidaturas.