Archive for the ‘Cultura Galega’ Category

‘Follas Novas’: A mellor obra de Neira Vilas non é un libro

Venres, Novembro 5th, 2010

En Gres, á beira do Río Ulla, ano 2010; en Bos Aires, calle Asunción 3035, ano 1957. Hai dous elos que fan coherente e exacto unir dous momentos e dous espazo tan distantes. Un é o suxeito, dobre: son Xosé Neira Vilas e Anisia Mirada. O outro é o obxecto, o propósito: a difusión da cultura galega. En 1957 nacía en Bos Aires a editorial e “feira permanente do libro galego” Follas Novas.

Bos Aires nos anos 50 era a primeira cidade de Galicia. Érao en poboación, pois en ningunha outra cidade do mundo vivían máis galegos, e érao a súa alma e vontade de ser galega. A nosa cultura brillaba na outra beira do océano Atlántico: Seoane, Dieste, Lorenzo Varela, Arturo Cuadrado, Blanco Amor… Durante o Primeiro Congreso da Emigración Galega en América, celebrado en Bos Aires en xullo de 1956, falouse moito da necesidade de difundir a nosa cultura. Xa se estaba a facer a través de revistas, actos e conferencias, e mesmo por medio de programas de radio, teatro e editoriais, mais non no terreo da distribución de libros, tanto os que se publicaban en Galicia como os que vían a luz en América. En Galicia estaba Galaxia, pero os libros que editaba aínda eran poucos e chegaban a América con retraso e dificultades. De aí a idea de Neira Vilas e Anisia de crear un centro distribuidor, unha librería galega para todo o continente.

Os mozos galeguistas que vivían en Bos Aires nos anos 50 non eran unha multitude, mais eran activos, moito. Agrupábanse, sobre todo, nas Mocedades Galeguistas, fundadas en 1953, organizaban actos diversos e tiñan a lingua como emblema e signo da súa identidade galega. Un exemplo desa actividade foi o reparto polas rúas de mileiros de copias da denuncia que as sociedades galegas realizaran ante a Asemblea Internacional da Unesco, reunida en Montevideo en 1954, da persecución da que era vítima a lingua galega na ditadura franquista. Os rapaces repartían tamén o artigo El idioma prohibido, de Francisco Luís Bernárdez. As súas reivindicacións dos dereitos políticos e da cultura galega eran continuos. Os bonaerenses ollaban estes rapaces con certa estrañeza: as reivindicacións políticas dun recuncho do Estado Español ficaban lonxe, e a existencia dunha cultura gallega (gallega de Galicia, non como xentilicio común a todos os emigrados/exiliados españois) era moi descoñecida. Pero os mozos galeguistas eran incansables. A súa defensa de Galicia era moito máis ca unha actividade, era unha forma de vida: o seu comportamento debía ser sempre un exemplo, o mesmo que o seu aspecto e vestimenta, así coma os seus hábitos. “Cando iamos no autobús ou no subte levabamos sempre dous libros, sempre en galego. Iamos lendo un, todo o tempo, e o outro levabámolo nas pernas. E se preguntaban: ¿en que lengua lee usted?, respondiamos En galego, e despois lles dabamos un discurso sobre a cultura e a lingua galegas”. Así fala Neira Vilas.

Buenos Aires e Gres. Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda. En febreiro de 1957 casaron en Arxentina, el con 28 anos e ela con 24. E decidiron que o que en principio ía ser unha libraría na Avenida Constituyentes sería finalmente unha editorial e “feira permanente”, dedicada exclusivamente aos libros galegos, e que ademais se instalaría na súa propia casa, en Asunción 3035. Acababa de nacer Follas Novas.

A libraría-editorial inaugurouse o 15 de xullo dese ano, aniversario do pasamento de Rosalía. Na inauguración, coa presenza moi numerosa de amigos, así como da prensa arxentina, falaron eles dous, expoñendo aquel proxecto, e exerceu de “pregoeiro” o xornalista e ex deputado Ramón Suárez Picallo, cun fermoso discurso.

Os primeiros fondos estaban compostos por obras galegas publicadas en BosAires, con selos editoriais de Emecé, Nova, Botella al Mar, Ánxel Casal, Nós, Alborada (da Federación de Sociedades Galegas) e As Burgas e Lérez (dos centros ourensán e pontevedrés). Despois comezaron a chegar obras editadas en Galicia, por exemplo todas as publicadas por Galaxia, ademais de Porto, Bibliófilos Gallegos e Monterrei, e tamén libros procedentes de Madrid, Barcelona, París, México, Uruguai… Neira e Anisia crearon un sistema de información postal de novidades, así coma unha rede de colaboradores en Rosario, Mar del Plata, Santa Fe, Santiago de Chile, Montevideo, Nova York e Caracas. Ademais, as editoriais Galaxia e Bibliófilos Gallegos encomendáronlles a súa representación na Arxentina.

Pero Follas Novas era moito máis ca unha libraría. Os mozos emigrantes, así como algúns arxentinos de ascendencia galega, participaban cada vez con máis asiduidade nas reunións e debates sobre temas de cultura galega que se realizaban os sábados. Así mesmo, instaláronse oito vitrinas noutras tantas importantes sociedades galegas, como mostrarios bibliográficos que se renovaban cada quince días. Editáronse catálogos e organizáronse tres significativas exposicións do libro galego contemporáneo. A primeira levouse a cabo na sala de arte do Centro Lucense de Bos Aires en 1958.; Seoane colaborou no catálogo e nunha achega complementaria de gravados, que se utilizaran en cubertas de libros. Meses despois montouse unha instalación similar no Patronato da Cultura Galega de Montevideo. E por último outra do mesmo carácter tivo lugar en Caracas, organizada pola Hermandad Gallega, acto no que tomaron parte o profesor Emilio González López e a poeta Pura Vázquez. Así mesmo, no Centro Lucense presentouse unha mostra orixinal: a primeira exposición do Periodismo Galego na Arxentina, tamén organizada por Follas Novas.

O 10 de outubro de 1959 Neira e Anisia propuxéronlles aos mozos porteños que asistían aos debates dos sábados de Follas Novas crear unha Asociación Arxentina de Fillos de Galegos, e de inmediato quedou constituída unha comisión xestora. A asociación tivo unha longa e frutífera existencia (unha revista, campamentos de estudantes na Patagonia, cursos de galego, visitas a Galicia…). Era a única entidade do tipo no país. Así mesmo, por vez primeira emitíronse comentarios de libros galegos na radio arxentina. Neira e Anisia escribían os textos, que eran lidos por Elsa Fernández, moza porteña de pais galegos.

En 1959 chegou a Bos Aires Ramón Otero Pedrayo, convidado polo Centro Galego para asistir a unhas xornadas que se celebraron o día de Galicia. Ademais, Follas Novas ofreceulle unha homenaxe no Centro Lucense. Ademais de Neira e Anisia, tomaron parte no acto Alonso Ríos, Suárez Picallo, Rafael Dieste, Ramón de Valenzuela, Víctor Luis Molinari e Xosé Blanco Amor, e entre outras personalidades estiveron presentes Seoane, Lorenzo Varela, Antonio Baltar, Emilio Pita… Para esta homenaxe recibíronse adhesións da maior parte das asociacións galegas de América, encabezadas polas da Unidade Galega de Nova York e a Casa Galicia de Caracas, e mesmo chegou unha carta de felicitación dende Xacarta, en Indonesia. Dende Galicia recibíronse misivas colectivas, como a asinada por Ramón Cabanillas, Manuel Gómez Román, Francisco Fernández del Riego, Ricardo Carvalho Calero, Domingo García Sabell, Fermín F. Penzol, Ramón Piñeiro, Xesús Ferro Couselo, Celestino Fernández de la Vega, Ánxel Fole, Xaime Isla Couto, Franco Grande, López Nogueira, González Salgado, Méndez Ferrín, Xohana Torres ou Xohan Ledo. Ou a enviada polos “Brais Pinto” dende Madrid: Bernardino Graña, Reimundo Patiño, Xosé Fernández Ferreiro, Ramón Lourenzo, Blanco Losada, Bautista Álvarez ou, de novo, Méndez Ferrín, que se adheriron ao recoñecemento “con cariño e admiración ao cantor e mensaxeiro da nosa terra”. Finalmente, recibíronse outras cartas, tan sorprendentes coma a da actriz María Casares, que en galego escribiu: “Pra Follas Novas, un recordo cheo de agarimo”. Montouse, ademais, unha exposición con toda a obra do gran polígrafo e narrador, que agradeceu a homenaxe; falou da Galicia atafegada e do pulo da emigración “onde se sente o fervor da patria nunha constante e creadora afirmación da propia identidade”.

Días despois, Otero Pedrayo visitou a sede de Follas Novas con Fita e con Virxinia de Castelao. Foi recibido por mozos e mozas galeguistas. Dedicou exemplares da súa obra e falou dos seus anos de estudante, das súas inquedanzas patrióticas e do significado da difusión do libro galego no Novo Mundo. Ademais de Otero Pedrayo, a sede de Follas Novas ten sido visitada por Laxeiro, María Casares, Luís Seoane, Rafael Dieste, Nicolás Guillén, Machado da Rosa, Díaz Pardo, Emilio Pita, Lorenzo Varela, Arturo Cuadrado, Blanco Amor, Leandro Pita Romero, Alonso Ríos, Sánchez Guisande, Antonio Baltar, Rodolfo Prada, Mosqueira Manso, Xosé Ruibal, Marcos de Abeleda, Xosé Conde…

En 1958 Neira Vilas e Anisia Miranda viron cumprido un dos seus grandes obxectivos: Follas Novas converteuse en editorial, pequena, pero fértil. A primeira obra publicada foi Itinerario Galego, de Víctor Luis Molinari (con prólogo de Suárez Picallo, cuberta de Laxeiro e tradución de Neira Vilas); e logo virían Esta es Cuba, hermano, de Anisia Miranda; Dende lonxe e Memorias dun neno labrego, de Neira Vilas; e Terra aluciada, de Xosé Conde. Existía tamén o proxecto de reeditar o Sempre en Galiza de Castelao, que finalmente non puido ser , por non acabar de definirse a inclusión dos capítulos inéditos. Follas Novas enviou clandestinamente a Galicia moitos dos exemplares remanentes da primeira edición; os últimos que quedaban trasladáronllos á distribuidora Atlante, de México, con sucursal en Bos Aires, que contaba con medios eficaces para remitir a España diversas obras de literatura “subversiva”.

A marxe de ganancias obtida cada mes por Follas Novas destinábase a doar coleccións de libros a institucións e bibliotecas públicas para difundir a presenza da cultura galega en Arxentina. Como afirma Neira Vilas, “a nosa laboura tiña un definido sentido patriótico, non mercantil”. Foi un traballo intenso e eficaz, ao que Neira e Anisia, dedicaron longas horas. Lamentan que non puidese cristalizar un dos seus proxectos: a revista Letras Galegas, para a que contaban con apoios de entidades e persoas de Bos Aires e Montevideo. O proxecto non foi adiante porque Neira e Anisia decidiron deixar a Arxentina.

Porque Follas Novas era unha revolución. Pero en Cuba estábase producindo outra, e había que vivila. “Doíanos interromper o labor de Follas Novas, pero ao mesmo tempo facíasenos moi atractivo vivir a experiencia dun país en revolución; un país do noso ámbito cultural, a onde tiñan emigrado tantos galegos. Queriamos participar, con todos os riscos e incomodidades previsibles, naquel histórico proceso”. Elsa Fernández mantivo aceso o soño de Follas Novas entre 1961 e 1964. Pero faleceu, moi nova, nese ano 1964. No fondo, gran parte da vitalidade cultural e política galega no Río da Prata comezaba a esmorecer. Galicia afastábase, pero ao tempo, en Galicia, neses anos sesenta, algo comezaba a moverse, moi de vagar comezaba a alumear unha nova esperanza.

A vida é un río. Ou son dous, o da Prata e o Ulla. Bos Aires, 1957. Gres, 2010. A mesma persoa, o mesmo propósito. A Fundación Neira Vilas é unha iniciativa pioneira (se non é única) no rural galego. Cos seus 8.600 volumes, un museo etnográfico, unha sala de exposicións e concertos, concursos literarios para nenos, a súa vizosa actividade cultural, as súas representacións teatrais para os veciños… ¿Que ten que ver cunha librería galega, unha “feira” de libros aberta no exilio 50 anos antes? Muda o contexto, o espazo, o momento, mais o obxectivo é o mesmo: difundir a cultura, a cultura galega. Mais nada, a cambio de nada máis. Como dixo Seoane, en cada actividade cultural que se celebraba en Arxentina, Neira Vilas e Anisia Miranda presentábanse cun tenderete para vender libros galegos, “perdendo cartos e recobrando vontades para Galicia”.

‘Mafia Galega’, hip-hop na nosa lingua feito en Suíza

Xoves, Novembro 4th, 2010

Mafia Galega é un colectivo musical liderado por Francisco Fernandez, Paco, que dende Xenebra (Suíza) fai hip-hop en galego. Falamos de colectivo porque de forma elástica músicos galegos distibuídos por varios puntos da diáspora europea participan no moitos proxectos que se van poñendo en marcha. Os seus versos falan da emigración e dos veráns na aldea pero tamén dos problemas cotiás que afectan ás suas vidas. A web mafiagallega.com, dirixida polo propio Paco, aglutina dende Suíza boa parte destes grupos que se expresan a través do rap e que están a xerar todo un movemento Hip Hop na diáspora. Na actualidade, esta plataforma virtual canaliza e difunde o traballo de preto de vinte grupos entre os que se atopan bandas como Gale´n´raven, Gran Purismo, Xoko Suízo ou a propia Mafia Galega.

Mafia Galega estreouse en 1998 co tema Bad Boys de Ferrol, que inspira o nome e o concepto do grupo. Naquel momento, a banda está composta por Vida (Evidenzia) e Paco, que no ano 2000 se unen a Obé, que permanece no grupo até 2004. Durante estes anos Mafia Galega deu varios concertos en Xenebra con grupos como l’Evidence e Lyrikal Kartel, cos que tamén montou un estudio, Faya Records, e o seu propio selo, Faya Effect. Mafia Galega defínese como “organización musical de corte independentista” e advirte de que ten “ramas internacionais principalmente en poboacións galegas, pero até pode que teña axentes infiltrados noutros lugares como as Illas Canarias e la parte alemá de Suíza, Schaffhousen ou algo así. Posible expansión por Europa e América latina e obxectivos mundiais”.

Mafia Galega representará a Galicia o vindeiro 27 de novembro na sétima edición do Liet International, unha especie de Eurovisión para linguas sen Estado de seu, e que terá lugar en Lorient, na Bretaña. Esta é a cuarta vez que Galicia conta con representación no festival de música en linguas minorizadas, despois de Uxía (2004), Narf (2006) e Boy Elliott & The Plastic Bags (2008) e por primeira vez a representación correrá a cargo dun grupo nacido na diáspora. Pero será por iniciativa dunha entidade deportiva non institucional -A Liga Nacional de Billarda (LNB)- que a lingua galega estará presente, pois ningunha entidade nin institución pública, comezando pola Xunta, promoveu a presenza do galego. A LNB presentou a candidatura do grupo co tema Billarda sempre, o himno da Liga Nacional de Billarda, con letra do poeta Xabier Cordal e música de Paco; o tema foi un dos cinco elixidos por un xurado internacional entre as 46 candidaturas.

"Alfonso I de la Amazonia, rey de los jíbaros". Nuevos datos

Luns, Decembro 3rd, 2007

Maximino Fernández Sendín é o biógrafo e descubridor para os tempos que corren dunha das figuras máis apaixoantes que se lembran das que Galicia deu o mundo. A historia de Alfonso Graña resume a de moita da emigración galega, orixe humilde e triunfo final, pero un tiunfo sobre o que poder dos negocios ou as habilidades comerciais non poden obrar, senón a personalidade e a intelixencia. Sobre el mellor ler o artículo. Sobre Maximino cabe resaltar a súa labor, dura, ardúa, meticulosa, brilante, única e exploradora do ignoto, dado que, antes de chegar el, había un par de folios escritos sobre o Rei galego da Amazonia , agora temos unha biografía detallada, rigurosa e traballada. Gracias a el. Tamén gracias a el podemos ter un extracto resumido desde libro e a aportación de novos datos, o seu traballo non para nun libro. O seu interese é constante e real. O seu amor por Galicia levouno a establecer recentemente a Casa Museo Pazo da Cruz, un museo con máis de 3.800 pezas sobre Galicia e a súa historia. Sen dúbida un home necesario para a nosa cultura do que agardamos máis novas. (máis…)

Vivamos como galegos: las gaitas

Sábado, Decembro 1st, 2007

O Fol traenos unha reflexión, realmente necesaria, sobre o folclore galego, encarnado na súa máxima expresión, a gaita e a veneración que moitos prestan hacia un instrumento que parece que non sufre evolución, senon invasión. Moitas formacións actuais caen dentro dunha espiral con oríxenes recoñecibles e alleos, e cunhas estéticas que se afastan da tradición que, súponse, desexan representar. Como toda expresión folclórica, é o resultado e a delatora do carácter dn pobo. Coidado: pode provocar reflexións. O debate está aberto. Xa sabedes como opinar. (máis…)

Lamatumbá: Galicia e a música polo mundo

Mércores, Novembro 21st, 2007

Sergio Zearreta, vocalista de Lamatumbá, e vello coñecido dos escenarios galegos, debuta, que saibamos, no mundo das colaboracións, compartindo con Planeta Galego a súa experiencia á fronte do grupo que revoluciona os veráns galegos dende fae anos. A súa narración ten dous momentos clave: a gravación do seu próximo disco, na que se atopan inmersos, e o Popkomm, o festival musical máis importante de toda Europa para a industria musical. Prometen novas e prometen manternos informados. Namentres seguen co obxectivo de que todo o mundo saiba que, en Galicia, vívese a festa como onde máis. É o poder do licor café, é a boa aplicación do LUME!!!!! Podedes seguir informados en www.lamatumba.com e en www.panetagalego.info
(máis…)

Entrevista con Jorge Peteiro, novo participante da Parcelaria.com

Martes, Setembro 18th, 2007

No momento en que atravesas o limiar da casa-estudio de Jorge Peteiro e che inunda a luz, a ledicia e a cor única dos seus cadros, un decatase o instante que esta diante de un xenio. Fai tempo xa que mercar un �Peteiro� non so supón unha decisión acertadisima coma investimento pola súa constante revalorización, senón tamén intelixente, polo innegábel pracer e a enerxía que de cada un dos seus cadros flúe ata o seu afortunado dono.

Jorge Peteiro e Daniel Tomé (máis…)

Costa da Morte Blues: historia de un amor y una camiseta

Luns, Xaneiro 22nd, 2007

Entrevista de Erika Araya Araya con Lluc Pedrero, sobre el origen de la camiseta que este catalán enamorado de A Costa da Morte ha diseñado y donado para su venta e beneficio de la Asociación Cultural Fillos de Galicia.
(máis…)

O Galeguismo

Luns, Xaneiro 22nd, 2007

¿O do galeguismo? Pois mirade, eu téñoo moi claro… (Un texto de Lorena Varela Amboage estudante de 4º de ESO)

Xa sei que, ao mellor, vos aburro a algúns con este tema, xa que ultimamente é bastante repetitivo, pero…¡éche o que hai, amigo!

Nestes anos nos que vivimos, padecemos unha constante perda de falantes, sobre todo nas novas xeracións. Unha perda de falantes que, de seguir así, poderianos levar a unha lingua “residual”. Penso que a situación da nosa lingua nestes momentos é bastante grave, pero coa axuda de todos, estou segurísima de que podemos evitar a súa extinción.

Están a meternos caña por todos os medios, pero aínda así, parece que non é suficiente.

Pero as cousas como son: non creo que a gaita sexa o mellor instrumento do mundo, nin a muiñeira a mellor danza. Nin que as costas galegas sexan a mellor paisaxe, nin lerias desas. Con isto, só quero dicir que non se trata de que o noso sexa o mellor, porque todos os sitios teñen cousas boas e malas, simplemente que é o noso. E dende logo, temos algunhas cousas que debemos cambiar ou destruír e outras que mellorar. E se nós non as defendemos, ¿quen as vai defender?

Pois con isto, a lingua.

Non hai linguas mellores nin peores, por suposto, pero cada un debe coidar a que ten.
Ata, ao mellor, algún de vós, chegastes a preguntarvos se é tan malo que unha lingua desapareza ¡Pois home!, imaxinade que desaparecera a Catedral de Santiago, ou o Partenón. A vida podería seguir tranquilamente ¿non?, pero xa non sería o mesmo.
Todo o mundo sabe que debemos defender a construcción de monumentos. Pois a nosa lingua é coma un monumento. E o único xeito de que non desapareza é ¡¡¡FALÁNDOA!!!, así de claro.

Se vos fixades, se cada vez que estamos nun grupo no que hai alguén que fala castelán, e non sabe ou non quere falar galego, aceptamos falar a súa lingua, nunca falaremos a nosa. E, aínda por riba, conseguimos que ditas persoas non aprendan a falar galego. Seguro que a maioría de vós nunca vos parastes a mirar a cousa dende esta perspectiva, pero é a pura realidade.

Cando a moita xente se lle rifa pola teima do galego, todos din “si, si, a partir de agora vou falar galego”; e ao cabo de cinco minutos xa están todos “chapurreando” , porque nin se fala ben unha cousa nin a outra.

Tedes que saber que somos a primeira xeración de xente moza que pode perder o galego ¡Pero tampouco digo que deixedes de falar castelán! Debemos falar as dúas linguas por igual, pero o galego é o que está en decadencia, e o que, nun próximo futuro, podería desaparecer. Pero só vos pido que reflexionedes, e que faledes galego, aínda que só sexa “un pouquiño” (adicado á xente que fala sempre en castelán).

A lingua é nosa, de quen a fala e
¡non podemos permitir que se perda!
¡¡¡POR FAVOR, FALADE GALEGO!!!

“… eu quixen e quero que a fala galega
durase e continuase, porque a duración da
fala é a única posibilidade de que nós
duremos como pobo. Eu quixen que Galicia
continuase e, ó lado da patria terreal, da
patria que son a Terra e os mortos, haxe
estoutra patria que é a fala nosa.
Álvaro Cunqueiro.

“Non esquezamos que se aínda somos galegos
é por obra e gracia do idioma”.
Castelao.

Unha rapaza que non perde a esperanza…

Lorena Varela Amboage 4º ESO C.

Encontro con Mendez Ferrín no Tortoni

Luns, Novembro 6th, 2006

Xosé Luis Méndez Ferrín, un dos escritores galegos vivos máis recoñecidos estivo estes días na Arxentina. Alí tivo tempo de pasar polo café Tortoni de Bos Aires.
Un artigo de Débora Campos.

Vivir lonxe -na diáspora- e ficar ausente das grandes polémicas, do cotilleo culto (que non deixa por iso de ser cotilleo), dos aplausos fervorosos e os cuimes e críticas despiadadas, permiten que os galegos de fora teñamos ainda a posibilidade de admirar sen as interferencias da convivencia. E eu admiro a Méndez Ferrín. Non é unha admiración das importantes ou das que engaden algo. Nin sequera lin todos os seus libros para que fora -cando menos- unha admiración racional e académicamente xustificable. O meu é unha lectura de fotocopias, no bus ou no metro indo ou voltando do traballo, loitando por non sair fuxindo deses universos abraiantes de intensidade, de instintos e forzas, de espanto e de fascinación que atrapan e sorprenden ao lector dende a primeira línea sen deixalo escapar ata a derradeira, maxistralmente. E esas mulleres ferrinianas… esas mulleres!

Por iso, renuncio -antes de intentalo sequera- a contar unha historia sobre a visita de catro días que o escritor Xosé Luis Méndez Ferrín fixo a Bos Aires esta semana, xunto á Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo. Sería, cando menos, unha herexía. En cambio, vou valerme das ferramentas do meu oficio para deixar testimonio da conversa que mantivo no tradicional Café Tortoni cos profesores e académicos da Cátedra de Estudos Galegos Alfonso Castelao que funciona na Universidade de Bos Aires. Cos integrantes da cátedra e algúns outros, coma eu.

“Non pertenzo ao partido da Concelleira que vos falou nin ao do Presidente da autonomia galega. Sen embargo, eu son un dos moitos galegos que pensan que coa subida ao goberno autonómico destes dous partidos (o BNG e o PSOdeG), dalgunha maneira, se produce un cambio. Dende longo un cambio simbólico (que un cambio real é moi difícil de prever) pero é un cambio simbólico total. Un home coma eu, un ancian de 68 anos, e calquera persoa coma min naceu baixo a dictadura de Franco e viviu a maior parte da sua vida baixo a dictadura de Franco. E logo, cando se constitúen os gobernos autonómicos, baixo o goberno do ex ministro de Franco, co-culpable da represión, e co-culpable dunha forma moi protagonista xa que foi o que orquestou as campañas internacionais para xustificar -por exemplo- o fusilamento de Xulian Grimau, morto e torturado, por poñer un exemplo entre milleiros. Un franquista que nunca se desdeciu e nunca fixo autocrítica na súa vida. Este feito condiciona que unha persoa coma min, que naceu nesa epoca, que despois tivo que vivir o resto da súa vida cun ministro de Franco, ten a sensación que de -por primeira vez en toda a súa longa existencia- ten un presidente ao que se lles pode dar a man. Porque eu non lle podia dar a man -nin en público nin en privado- a Fraga Iribarne porque era unha man que estaba manchada de sangue”.

A aclaración, se cadra, non era necesaria para os que estaban aí, pero como sempre pasa cos grandes mestres da palabra, cando foi enunciada cobrou unha relevancia enorme. Mentres bebía un café con leite e o barullo da rúa Rivadavia non entendía de verbas impostantes e enchía todo de buses furiosos berrando a sua presencia e de rapaces comentando os últimos romances famosos na compaña dunha cannabis voandeira, Méndez Ferrín foi consultado pola situación do bipartito. “O noso goberno autonómico, de poderes limitadísimos, está ben, tal como pensamos dende a esquerda. O que está pior é a oposición. Ainda que pareza unha paradoxa. O problema de Galiza neste momentos é que hoxe no Parlamento está só na oposición o partido da dereita, podemos decir da extrema dereita, un partido xenéticamente franquista que está presionando sobre o goberno nunha dirección única, que é a dirección dos intereses da dereita. E non hai outro partido de ningún signo o que fai que o goberno esté cotinuamente defendéndose dun so vento que lle ven en contra. Non se sinte presionado polas esquedas ou por outro tipo de cambio que hai. Está presionado únicamente polas políticas de dereita e a eso responde. Ao revés que no Pais Vasco onde hai seis partidos con representacion parlamentaria ou en Catalunya onde hai cinco. En Galiza hai tres o cal revela unha anormalidade e unha pobreza política porque en Galiza hai máis pensamentos, máis ideas que esas. Pero o pobo de esquerdas, na sua desesperación puxo o seu voto neses partidos”.

A súa demanda dunha Galiza independente foi posta en perspectiva europea. “Unha hipotética Galiza independente pois entraría na Unión Europea (UE) como creo eu que vai entrar Eslovenia cos mesmos meritos e o mesmo rango”, dixo e debuxou unha sorrisa discreta pero pícara. Sobre as imposicións económicas que veñen da man da unidade continental, asegurou: “Eso implica que a gandería galega estea na ruína, que o agro estea realmente espoboándose, pero non de persoas senón espoboándose de vacas. E iso foi porque o mercado común tivo e ten a ben protexer o leite francés e holandés e limitar o noso coas cuotas que hai que pagar. Así se chega a que as organizacións de esquedas que se chaman Comisións Labregas cheguen a pedir o liberalismo: «Agora queremos ser liberais, queremos producir todo o leite que queramos e venderllo a quen queiramos sen limites», din”.

Cando foi consultado polas queixas da finalista do Premio Planeta Marta Rivera de la Cruz, quen recriminou non ser nunca convidada a dar conferencias en universidades galegas, Ferrín buscou na sua dona, Moncha Fuentes Arias, referencias sobre o caso. “Esa rapaza quere ser todo, como aquel que na procesión quere estar na banda de música, quere ser Cristo, quere ser santo, que ser o cura… Hai que escoller na vida. Borges decia: «Yo, que tantos hombres he sido», claro, pero os foi sucesivamente xa que ao mesmo tempo é dificilísimo. Tal vez este Café Tortoni teña ecos deses tempos. A min, na miña vida me invitou ninguén a unha universidade de Madrid por ser escritor galego. Se ela escolle ser escritora en castelán ten dereito a levar o Premio Cervantes e eu non porque non escribo en español. Non vou chorar eu porque non mo den. Non teño opción: pódeo levar un arxentino ou calquera escritor que use o castelán. Enton queixase. Evidentemente, isto leva detras outra queixa. De feito, hoxe en Galiza toda a vida literaria faise en galego. O movemento poético que existe en Galiza é en galego. O único teatro que se fai en Galiza é en galego. As dúas únicas revistas de ensaio que se fan en Galiza -que son A Trabe de Ouro que teño o honor de dirixir e a Grial de Galaxia- son en galego. Eu estaría ben conforme con poder gañar o Premio Planeta pero eu non o podo gañar porque non escribo en castelán, e ela non pode gañar o Premio Xerais porque non escribe en galego”.

-Falaba vostede da forza da creación literaria en Galiza. Pero o seu editor Manuel Bragado documenta con frecuencia a falta de lectores. Por qué non hai unha conexión entre eses escritores traballando tan intensamente e os lectores galegos?

-Iso é complicadísimo en todas partes. Eu teño a impresión que en Uruguai -ainda que non coñezo moi ben- se lee moitísimo máis que en España. Un se sube a un metro ou un bus en Uruguai e a xente vai lendo unha novela. Iso é impensado no metro de Madrid, é rarísimo. Un milagro.

A preocupación pola situación do galego tamén se sinte en Bos Aires. Cando foi consultado sobre a perda de falantes do galego dixo sen mediastintas: “Estamos na perda do idioma, estamos nun retroceso, nun proceso de desgaleguización que, claro, se pode revertir. As linguas mortas son un mito, se se quere, unha lingua que esta morta pode revivir e unha lingua muribunda pode recuperarse. O tema é o interese que haxa non so nos falantes senón nos que promoven as políticas lingüísticas. E temos os casos de Catalunya e Euskadi. En Euskadi, cando eu tiña 20 anos o vasco era falado por 500.000 persoas (entre Francia, Navarra e as provincias que chamamos vascas), era pouquitísima xente e era un proceso aceleradísimo de abandono da súa identidade. O goberno autonómico vasco, ocupado por nacionalistas, fixo que puxeran en practica una política lingüística adecuada e o vasco estase recuperando. As políticas lingüísticas en Galiza foron disuasorias contra o galego. A política lingüística é antigalega, de maneira que a filla que temos con Moncha que ten 22 anos, esa menina sae ao mundo dunha familia galega falante e cando entra na escola non lle ensiñaban nin unha triste cantiga. O prescolar en Galiza era castelán-falante ata agora mesmo. E foi unha política deliberada”.

Sen sair do tema, engadiu que a diglosia se traduce “á dotrina oficial do PP que se chamaba “política de bilingüismo armónico”, que ademais mostra unha falacia enorme. Tamén eu quero o bilingüismo armónico, que os nenos galegos saiban falar o galego perfectamente, e o castelán perfectamente e ainda máis linguas. Como que eran eles os que pretendían a armonía e nós a desarmonía, a confrontación e la intranxigencia e con esa frase facían unha caricatura de nós. A política lingüística catalana busca que todos os nenos catalanes sexan peritos no uso escrito e falado do catalán e igualmente peritos no uso do castelán. Si iso non é armonico! O que pasa é que en Madrid sigue o españolismo que pensa que a existencia de outras linguas que non sexa o español é unha maldicion bíblica ou un insulto á patria. Hay un odio irracional, unha especie de fobia”.

No remate da xuntanza, a profesora Andrea Cobas Carral sinalou “la relación ineludible entre literatura y política y su presencia permanente en su obra. Qué pasa con esa relación en el panorama actual de la nueva y joven narrativa?”, quixo saber.

“Pasamos por varias etapas nos últimos anos. Pasamos por unha etapa de movida baixo o signo do posmodernismo pero con xente que non sabia o que era o posmodernismo nin o modernismo sequera. Entón, produciuse un posmodernismo vulgar nos anos 70 e 80 que trouxo consigo unha despolitización moi grande das letras. Pero en seguida, sobre o propio proceso, aparecen os movimientos máis radicais en materia política y en materia literaria. É un fenómeno que se da en Galiza e non se da en Portugal nin en España. Despóis ven o que está dominando nestres momentos: eu nunca vin unha poesía galega tan radicalmente politizada, na historia non a houbo así nin ao mesmo tempo tan innovadora. Aparece aqui a figura de Chus Pato e das mitas poetas. Hai un fenómeno no que a máis nova poesia galega é unha poesía faminina. Algo que non o houbo nunca e estamos falando dunha nacion que é simbolizada por unha muller: Rosalia de Castro. Ainda así chama a atención a presencia de mulleres novas, de menores de 50 anos. E tamén estase dando en poesía o fenomeno curiosísimo (que en novela todo está nun periodo máis conservador, un periodo de best sellers, no que non se arriscan tanto), de que hai imitadores dos poetas galegos. En León, en Andalucía, en Madrid… Na novela todo é mais conservador. Se hai un novelista que é o noso representante é Manuel Rivas. Manuel Rivas non fai grandes alardes técnicos, conta as cousas moi ben contadas, moi líricamente contadas, pero non é un grande esperimentalista. El é moi lírico, dunha tendencia moi persoal a unha narración moi sincera. E é un escritor que ten peso. E ainda que non hai ese esperimentalismo que hai na poesia, que non existe na narrativa (tal vez porque xa pasou o tempo de esperimentar na narrativa, que xa esperimentamos todos e non hai tanto mais que experimentar) parece que é a epoca de contar as cousas claras, que está ben tamén, como debe de ser, pois ben tamen está presente a política. A política é inseparable da novela de Rivas, incluso a memoria histórica da que se está falando moito é inseparable da súa obra e de moitas. A política non se vai da literatura galega. É que é difícil que se vaia dunha literatura que vive unha situación tan precaria, tan subalterna. Dun pobo que non acaba de ser un pobo cos seus propios recursos. Enton ten sempre esa inquedanza interior. Por iso, a literatura dende Rosalia ata hoxe está politizada”.

Brinquedia, a Rede de Xogo Tradicional Galego

Mércores, Xullo 12th, 2006

Dende Brinquedia, enviannos este artigo sobre as suas iniciativas a prol da conservacion da cultura galega, en concreto das formas de xogo tradicionais.

Os homes son en realidade deuses que inventaron o mundo como un xogo. Entón, descenderon a el, rematando por se converter en vítimas da súa propia amnesia, até o punto de ficar atrapados no xogo para sempre. (L. Ron Hubbard)

O Patrimonio Lúdico Galego
Podemos definir ao xogo tradicional como aquel nacido ou desenvolvido nunha determinada comunidade para dar satisfacción ás súas necesidades lúdicas, marcadas polo seu particular xeito de vida. Consideramos de importancia capital o conxunto das nosas prácticas lúdicas tradicionais, sendo várias as razóns que nos levan a esta conclusión. Entre elas podemos enumerar:

Algúns dos xogos tradicionais que integran o Patrimonio Lúdico galego son prácticas culturais máis antigas que muitos dos monumentos arquitectónicos que temos todos na cabeza.
O material preciso para a práctica dos diversos xogos tradicionais acostuma ser de balde ou mui económico, polo que facilita a dinámica social dos xogos e diminúe os límites sociais.
A súa práctica favorece a comunicación inter-xeneracional, tan en desuso nos nosos días, que ven ser o principal xeito de transmisión cultural e afectiva.

Brinquedia. O nacemento dunha Rede
Actualmente, os xogos e deportes populares e tradicionais galegos están gozando dun pequeno auxe depois de atravesar unha situación de desaparición progresiva. Podemos constatar nos últimos tempos a continua aparición de colectivos (clubes, asociacións, empresas, centros de ensino, iniciativas particulares…) interesados ben na recuperación das práticas lúdicas tradicionais en xeral, ben dunha modalidade específica.

Podemos salientar as ligas de Birlos/Bolos do Val Miñor, de Viana do Bolo, de Xove ou da Órrea; as Regatas de Dornas da Illa de Arousa e de Ribeira; as Ligas de Chave de Ourense e Ferrol, Santiago e A Coruña; a realización de numerosas actividades no tecido asociativo, o tratamento incipiente dos nosos xogos nos centros de ensino (de salientar aquí o Museo de Xogos Populares do CEIP de Esteiro en Ferrol ou o CEIP Mosteiro de Caaveiro n’A Capela, nas terras do Eume, colexio que ademáis, proxecta a apertura dun Centro de Interpretación dos Xogos Tradicionais, recuperando espazos do patio escolar e marcando diferentes zonas de xogo con paneis explicativos); a creación de novos espazos e infraestruturas que gardan estreita relación co mundo do xogo (o MUPEGA en Santiago, o Palao en Ourense, o Museu do Xoguete en Allariz…) e multitude de asociacións e centros de ensino que traballan arredor dos xogos tradicionais, ben no dia a dia, ben na organización de interesantes e fructuosas actividades.

Porén, tamén observamos que, malia existir tantas iniciativas, o xogo tradicional non se atopa recoñecido socialmente, véndose relegado habitualmente a unha segunda plana. Con relación a isto, podemos nomear o caso tan curioso de que a Asociación da Chave de Ourense (xogo galego de fonda raigame), para poder desenvolver a súa Liga, teña que estar inscrita na Federación de Petanca (xogo importado da Franza há apenas un século). Do mesmo xeito, constatamos que ao longo das 3 últimas décadas o xogo tradicional (agás algunhas excepcións) perdeu presenza nomeadamente entre a mocidade, centrándose a sua práctica entre os “vellos”, ou ben en programas culturais que os protexen.

Estes argumentos tiveron un peso especial cando a finais maio do 2004, un grupo de persoas e colectivos participantes do I Curso de Xogos e Deportes Tradicionais -celebrado en Ourense- aprobabamos entre as Conclusións do Congreso a necesidade de crear unha entidade que agrupase a todas as manifestacións que, arredor dos xogos tradicionais existiran en Galiza e deseñase un proxecto de actuación común.
Cumpriu case un ano e diversas reunións en distintos pontos do país para lle dar forma á idea. En Melide redactamos o Documento Fundacional, n’A Capela xestáronse os I Encontros Escolares de Xogos Tradicionais e finalmente en Riotorto celebramos a Asemblea Fundacional o 27 de marzo de 2005.

Entre os obxectivos marcados por Brinquedia – Rede Galega do Xogo Tradicional, podemos salientar:
-Creación dunha Rede de información e comunicación entre todas as iniciativas adicadas aos xogos tradicionais.
-Deseño dun Plano Galego de Rehabilitación dos Xogos Tradicionais e inclusión do Patrimonio Lúdico na lexislación deportiva e cultural galega.
-Difusión e promoción do catálogo lúdico tradicional.
-Contemplar a creación e adaptación de espazos para os nosos xogos ao deseñar as infraestruturas escolares, deportivas e de lecer.
-Implicación dos meios de comunicación galegos e dos representantes das distintas disciplinas artísticas, recoñecendo ao xogo tradicional como unha parte máis da nosa Cultura.
-Conservar e promover a cultura popular; através da promoción do Património Lúdico, promovemos também o coñecimento da língua e do meio galego, as clases de árbores, de madeiras, pedras, crenzas, ofícios, ferramentas e muitos outros apartados do noso Patrimonio Inmaterial.

Ademáis disto, desde Brinquedia, impulsamos a organización de distintas actividades, como o Encontro Escolar de Xogos Tradicionais, que xá vai pola segunda edición, promovendo a inclusión do xogo tradicional no currículo escolar de 17 centros de ensino, ou a iniciativa, tamén escolar, Polo San Martiño, peóns ao camiño, que pretendía potenciar o xogo do Peón na que tradicionalmente foi a data que marcaba a estacionalidade deste xogo, conseguindo que nesa xornada bailasen ao longo do noso país máis dun milleiro de Trompos.

O Xogo Tradicional
O conceito de xogo tradicional cicais teña mudado nos últimos anos grazas á existencia de certos traballos etnográficos, sociolóxicos e antropolóxicos que viñeron a complementar pouco a pouco o punto de vista que se tiña dos mesmos; posibilitando así que estas prácticas deixasen de ser curiosidades exótico-folclóricas, para as incluír –dun xeito reflexionado e coa importancia que merecen- dentro do Patrimonio Cultural de cada pobo.
Así, pois, o proceso de rehabilitación xa non se fai acudindo a un prantexamento nostálxico ou a unha recuperación museística, senón que pasa por favorecer a súa promoción actual, conscientes da realidade e coñecedores das distintas prácticas lúdicas.

Os xogos representan, logo, un entrenamento variado do conceito de calidade social e comunitaria, conformando un punto de reunión e de comunicación inter-xeneracional. Son unha fonte de enriquecemento individual e colectivo así como unha experiencia local e territorial. E dado que muitos xogos ten unha prática semellante fóra do noso país, levan implícitos unha clara dimensión internacional e globalizadora.

Lois Pardo
Presidente de Brinquedia – Rede Galega do Xogo Tradicional