Archive for Decembro, 2006

Da memoria esquecida, recuperada e perdida de novo

Sábado, Decembro 30th, 2006

Recentemente lin no Capítulo 0 unha historia feita de lembranzas sobre o campo de concentración franquista da Probra do Caramiñal que me deixou abraiado e, ó mesmo tempo, espertou en min memorias da miña nenez.

De pequeno, e como fan os nenos de tódolos pobos da Galiza, eu trisquei arriba e abaixo por “castelos” de madeira, por edificios en construcción (nunca esquecerei a casa da cultura) e por edificios abandoados.

Nesta última categoría entra o cárcere que, baixo o nome de “Prisión preventiva”, agachaba un mundo distinto ó de fóra. Chegábamos alí armados con lanternas e cunha especie de medo reverencial nos intestinos, ese que agarra as entrañas e non deixa de apretar ata que marchas. Abríamo-la porta desvencillada e entrábamos nun espacio escuro, cheo de escombros e que fedía a mexos e a podre. Cada ruido facíanos saltar o corazón. Camiñabamos con coidado en falando en voz baixa e iamos dándolle nomes e utilidades ós cuartos. Supoño (non o lembro) que de visita en visita os nomes e os usos cambiarían. Salvo nas celas e no patio. As celas eran oscuras, sen ventás e cunha porta estreita e alta. A mín metíame medo no corpo só o pensar en quedar atrapado nunha delas, pero sempre acababa por entrar. E sempre sentía o mesmo nó na gorxa e na boca do estómago o ve-los grafitis feitos polos presos nas paredes: non eran grandes cousas, raias marcando os días (supoño) na maioría dos casos e outras coma “Mañana me fusilan”. Estas últimas parecían feitas con seguridade, sen medo, coa certeza do inevitable.

O patio era outra cousa. Cheo de malas herbas, co ceo aberto e liberador despóis da opresión de dentro. Ata que vías o paredón, cheo das feridas das balas. Dentro da nosa viaxe imaxinaria, diciamos que alí era onde se executaban os delincuentes. Dicíamolo cáseque ledamente, coma se fose o máis normal, e esquecendo ou ignorando a parte política. Co tempo, xa hai moitos anos, tiven ocasión de ollar certos documentos franquistas que dicían que, na provincia de Lugo “só” houbo catro fusilados (dos executados nas cunetas non dicía nada). A mín pareceume unha cifra moi baixa tendo en conta a dureza das represións e que había varias partidas de “fuxidos” nos montes que rodean o meu pobo. Intrigado e estranado a partes iguais, comenteillo ó meu pai, moito máis coñecedor da nosa historia que eu e con moitos máis testimonios de primeira man. O que me dixo deixoume marcado para sempre: primeiro, porque aprendín a non crer en todo o que leo e a ser crítico; segundo, porque, segundo me dixo o meu pai (¿por que non debería acreditar en el?) moitas veces, demasiado a miúdo, chegaban ruido de disparos dende o patio do cárcere.

Agora, o cárcere está sendo restaurado como museo etnográfico ou algo similar. Entrei este vrao a ver unha exposición sobre instrumentos musicais de todo o mundo e aproveitei pra repeti-lo paseo que facía cos meus amigos aínda que desta fose ca miña muller. Espliqueille todo o que vos acabo de contar, salvo unha cousa. Ó baixares ó soto e chegar onde as celas (que xa non están) entráronme arrepíos. Igualmente busquei os grafitis dos presos, por se quedase algún, pero non os atopei. Saimos ó patio, todavía a monte, e busquei as marcas do paredón: nada. A memoria perdida. Foiseme o medo infantil que tiña no corpo e invadiume un, non sei se adulto, pero sí polo menos consciente, a perde-la nosa historia e a que volva a repetirse.

A precaria revolución tecnolóxica da identidade galega

Mércores, Decembro 27th, 2006

Reproducimos o artigo que Casdeiro escribiu en Maio de 2006 para o monográfico sobre a Galiza Mundial publicado polo Foro Cívico Galego de Barcelona este verán.

Que é o que supón Internet para a galeguidade?

O impacto da Rede sobre o propio concepto de Galeguidade, desa forma de nos identificarmos como galegos con independencia do noso lugar de nacemento, aínda non foi asumido por moitos na súa total potencialidade. Na miña opinión estamos asistindo a un momento histórico dentro da relación entre Galiza e a súa diáspora, ao dispormos hoxe do primeiro espazo compartido por todos os que formamos parte dese ente abstracto chamado a Galeguidade. E ese espazo que por fin vén concretar nunha ubicación determinada a presenza simultánea de galicianos e emigrados, de naturais e descendentes, non é outro ca Internet.

Cando un prende o ordenador en calquera lugar do mundo e se adentra na Internet de temática galega, está a abrir unha xanela a Galiza. Este feito, esta sensación que milleiros de persoas experimentamos a cotío, non é doadamente comprendido desde Galiza, xa que alí Internet non é senón outra xanela máis ao mesmo espazo no que se vive, ou en calquera caso a espazos alleos e culturalmente estranxeiros. Pero para os galegos da diáspora é algo de carácter case máxico, unha especie de portal marabilloso de teletrasportación mental que nos sitúa de forma imediata na nosa terra de orixe, que nos ubica nas coordenadas emocionais e culturais que todos levamos dentro, que nos dá un lugar para expresarmos a galeguidade… un espazo vivo e sen límites, sen comparación con nada do que dispuxeramos ate o de agora na emigración.

Iso explica o éxito dunha experiencia coma a da comunidade virtual Fillos de Galicia (Fillos.org), posta en marcha por min no ano 1997 como forma de extender e trasmitir a miña experiencia persoal de galeguización por medio da Rede a canto descendente de galegos estivese na mesma situación: a de levar Galiza dentro, pero vivir fóra dela. E ese contaxio foi un éxito: desde aquela non deixaron de se achegaren fillos, netos, galegos emigrados, galegos retornados, galicianos interesados en compartir o noso sentir… demostrándose o mesmo teorema do e-commerce que fala do axeitamento de Internet como medio para satisfacer necesidades minoritarias ou nichos de interese espallados xeograficamente. É por iso que namentras os centros galegos tradicionais seguen a sufrir un declive terminal, minguando a maior ou menor ritmo o seu número de socios e usuarios, nós atraemos cada ano máis e máis1 galegos de corazón orfos dun lugar onde expresaren e compartiren a súa identidade galega. De feito, como xa advertín no meu ensaio “O papel de Internet na conservación da identidade e cultura galegas entre os descedentes dos emigrantes”2, e no meu artigo “Fillos de Galicia é o único centro galego con futuro”3, existe unha clara tendencia que leva a que cada vez máis persoas utilicen Internet para o que antes se usaban tradicionalmente os centros. E esta tendencia conflúe coa das comunidades virtuais ou social networking sites, que se están a constituir no tipo de webs que maior éxito amosa a nivel social en todo o mundo.

Características desta revolución da identidade

Ao longo destes anos nos que a identidade dos fillos de Galicia se veu desenvolvendo e evoluindo neste novo hábitat virtual, puidemos apreciar certos rasgos moi interesantes que caracterizan sociolóxica e politicamente a experiencia que estamos a vivir.

En primeiro lugar o que máis chama a atención é que estamos a falar dunha identidade que se afortala en lugar de minguar. A identidade nacional ou cultural, fóra do hábitat nutricio do país á que está vencellada, normalmente fica desamparada e recibe a agresión intensa doutras identidades, doutros ámbitos culturais, lingüísticos, sociais… E así, privada do contacto identitario que a alimenta permanentemente co seu propio ser, vai diluíndose, vai ficando reducida a expresións folclóricas ou sentimentaloides, e non consegue trasmitirse ás novas xeracións. Ate o de agora iso parecía inevitable, e co cese de novos fluxos migratorios levaba inexorablemente ao esmorecemento das diversas colectividades galegas no mundo. Pero é neste contexto cando xorde Internet, abrése un espazo como Fillos de Galicia, e as identidades galegas non só non esmorecen, senón que renacen e se intensifican. Velaquí algunhas expresións dos participantes en Fillos a xeito de mostras deste punto de inflexión4:

FILLOS me dio una familia que no tenia, me devolvió ese cariño adormecido a Galicia, la parte más linda de mi vida, la infancia junto a mis Padres Gallegos y un sin fin de Amigos. (Manuel, Arxentina)

Fillos de Galicia possibilitou a minha primeira experiência com meu pôvo ancestral. Aprendí algumas palavras de sua lingua e um pouco de seus costumes. Jamais serei a mesma pessoa após esta fantástica experiência. (Leida, Brasil)

Fillos fue la manera de encontrarme con mis raíces. (Carlos, Cuba)

Gracias a Fillos recuperé la memoria emotiva! (Norma, Arxentina)

Gracias a Fillos de Galicia recuperé el “ser gallego” que mis padres sembraron en mí y que el tiempo iba borrando. (Enrique, Panamá)

Esta re-identificación chega a tal punto neste entorno online que os membros de Fillos adoitan identificarse como galegos utilizando expresións que inclúen a modo de sinatura nas súas mensaxes, como Eu son galega ate as mans, Galega desde o ADN, Eu son fillo de Galicia, Galiza vive en nós, etc. ou utilizando un e-mail que os identifica por onde queira que vaian na Rede, como galegos (…@DeGalicia.org).

Pero o impacto deste tipo de comunidade virtual non só se produce por medio dunha identificación grupal abstracta nun pobo común, senón que se traduce nunha recuperación individual de rasgos culturais e lingüísticos. Nunha enquisa feita en 2003 para avaliarmos o impacto de Fillos de Galicia sobre os nosos usuarios neste terreo, máis do 80% respondeu que Fillos fixera que se sentira bastante ou moito máis galego, o 67% afirmou que contribuira (bastante ou moito) a aprender ou mellorar o idioma galego, e o mesmo pódese dicir da cultura galega en xeral (75%), a historia de Galiza (75%), gastronomía e costumes (70%), contribuindo tamén a integralos informativamente na actualidade de Galiza (80%).

Por outra banda estamos a falar dunha identidade que non se vencella con ningunha fronteira, pois en canto entramos en Internet, estas desaparecen e compartimos territorio (virtual) os galegos de calquera lugar do mundo, sen que ninguén nos esixa ter papeis, nin nos asigne máis ou menos dereitos en función dunha nacionalidade asignada aleatoriamente segundo leis diferentes, lugares de nacemento e experiencias migratorias e familiares diversas. Coido que estamos a falar do que podería ser o cerne dunha auténtica nacionalidade virtual. De feito na nosa comunidade virtual dispomos do que poderíamos chamar un sistema de goberno democrático e participativo, da nosa propia moeda virtual (o galeuro5), relacións sociais case tan multiformes coma en calquera territorio físico, e de certos rasgos que poden estar comezando a plasmar nalgo sólido esa Galeguidade ate o de agora moito máis abstracta ou mesmo retórica.

Outro rasgo que define esta experiencia identitaria na Rede é que racha, ademais de coas fronteiras territoriais, con ese illamento e incomprensión que moitas veces sufrimos os que nos sentimos galegos nunha sociedade non-galega. Unha das expresións máis repetidas entre os que se achegan a nós é: por fin encontrei xente coa me podo sentir galego/a! Este é un efecto psicosocial moi interesante. E podemos falar aínda doutra barreira máis coa que estamos a rachar: a xeracional. O habitual nos centros galegos, e nas familias galegas da diáspora en xeral, é que exista unha certa barreira tanto cultural como vital entre os vellos e os novos. E así nos centros un pode observar grupiños de vellos xogando á brisca ou lembrando a súa vida en Galiza, e por outra banda, polo xeral sen moita relación cos primeiros, pequenos grupos de xente nova aprendendo bailes, gaita, ou en cursiños de galego. En troques, no noso caso aproveitamos unha característica da comunicación en Internet: que permite nivelar idades, sexos, niveis culturais, económicos e sociais diferentes, para por en contacto directo, igualitario e permanente a persoas tan só polo feito de teren algo importante en común: se consideraren membros dun mesmo pobo ou dunha mesma cultura.

E finalmente, unha mudanza que aínda está comezando a agromar: a formación dunha conciencia política común entre os galegos da emigración. Esta unidade estase a expresar fundamentalmente en temas que afectan a moitos dos fillos e netos (asunto da nacionalidade) e que espertan a imediata solidariedade dos que compartimos identidade con eles. Pero cada vez máis amplíase esta toma de conciencia a temas de política cultural, social ou xeral, como se pode comprobar nos tres manifestos políticos producidos no ámbito de Fillos de Galicia en diversos momentos6. Neste sentido foi moi alentador comprobar como unha acción convocada en 2002 no seo da nosa comunidade virtual movilizou en apenas dúas semanas, máis de mil internautas de orixe galega que bombardearon os enderezos electrónicos dos senadores españois con motivo da reforma do Código Civil. É evidente que o tempo de facer unha politica unidireccional para os emigrantes pero sen eles, acabou. Na actualidade as demandas deste grupo de presión que se está a consolidar entre os descedentes dos galegos, están xa a inicidir -aínda que modestamente- no proceso de reforma estatutaria galega e mais no da lei electoral. E penso que tamén desde Galiza ten que ser vista con satisfacción esta crecente participación e unidade política da diáspora, a non ser que queiran apostar por unha democracia paternalista, condescendente ou mesmo ilustradamente despótica.

Vai perder Galiza esta oportunidade?

Pode que nos atopemos con todo o devandito no inicio da construción desa nova identidade galega que reclama Xosé Luís Barreiro Rivas cando fala da necesidade de construír unha nova identidade que sexa acaída á situación histórica na que agora nos encontramos, ás novas tecnoloxías e ás novas formas de intercambio (…)7. Talvez.

De todos xeitos hai sombras neste camiño, sombras que nos levan acompañando desde o principio nesta experiencia revolucionaria dos fillos e netos de Galicia na Rede. A nosa é unha revolución que está en perigo por causa da precariedade (en canto a recursos económicos e humáns) na que se sostén esta plataforma principal da súa expresión, que é a comunidade virtual Fillos.org. Porque é lóxico que nacera como naceu: como a maioría dos casos de éxito na Rede, partindo da propia necesidade dos usuarios, e facéndoo a partir da mancomún destes propios usuarios. Pero o que non semella xustificable, nin para nós nin para moita da xente que veu recoñecendo e loubando o noso traballo, é que nestes 9 anos non se concretase unha colaboración institucional seria. Moita xente sorpréndese de saber que Fillos de Galicia non recebe unha axuda económica decidida do goberno galego, e tampouco un claro apoio nin respaldo de tipo institucional. O noso balance co anterior goberno foi practicamente nulo8, mesmo negativo cando presenciamos con estupor a creación dun portal, Galicia Aberta, que non era senón un clon mal amañado dos portais creados pola nosa asociación, no que ademais se incumprían as regras máis básicas de eficacia en Internet ao mesturar públicos que non teñen nada que ver, como son os inmigrantes e os emigrantes, amosando falta de coñecemento e experiencia na Rede, a maiores dun ninguneo ao noso traballo de tantos anos. Sobra explicar que non houbo nin tan sequera unha posta en contacto para solicitar a nosa colaboración ou asesoramento neste proxecto, de sospeitada finalidade electoralista.

Pero aínda maior sorpresa levamos cando tras o troco de goberno, os novos responsables de emigración, en lugar de rectificar continuaron co derroche de investimento público e coas costas viradas a Fillos, apostando por manter e potenciar ese portal clónico. E vaia por diante que na nosa organización consideramos que a Xunta debe ter un web institucional destinado aos nosos emigrantes, desde o que fornecer información e axudas públicas, pero parécenos sumamente lamentable que se dedique este espazo público na Rede a suplantar funcións que ven facendo desde 1997 a nosa asociación, a base de esforzo, dedicación e sacrificios económicos e persoais de moita xente (socios, colaboradores, membros, traballadores, algún emigrante patrocinador…). E iso decepciona e queima. Só continuamos grazas ao apoio e recoñemento expresado día a día desde a base, desde a sociedade civil, tanto desa sociedade virtual de milleiros de internautas da que formamos parte, como desoutras organizacións e medios de comunicación… que é o que nos fai botar para adiante, e non facer caso do desprezo e cegueira das administracións.

Para unha vez que os galegos fomos innovadores, e estamos en primeira liña desta revolución identitaria xunto con diásporas como a irlandesa, estamos permitindo que nos estean a tomar a dianteira pobos como o vasco, que aprenderon da nosa experiencia online e -eles si- recibiron un apoio significativo das súas institucións, para seguir os nosos pasos.

Polo tanto é hora de eliminar os atrancos (descoñecemento, incomunicación, illamento) que fan que a maior parte da sociedade galega viva allea a este fenómeno que estamos a desenvolver na emigración, e que traballemos xuntos (colaboración) para facer o camiño que ten de levar a Galiza a facerse un espazo de seu, activo e mundial na nova Sociedade do Coñecemento cara á que nos leva Internet. E ese futuro pasa por dispormos dun dominio de noso (o .GAL), como nova sinal de identidade compartida entre todos os que nos sentimos parte da Galiza Mundial, e por apuntalar as pontes virtuais como Fillos.org ergueitas entre ambas beiras da alma dual galega (Galiza+Diáspora) polo esforzo e dedicación voluntariosa da nosa propia xente máis activa.

Non queremos pensar que nos atopamos diante dun Estado, que como di Carlos Taibo9 parece interesado en que as ONGs os liberen do deber de satisfacer demandas elementais. Moitas veces nos dixeron que estabamos facendo un labor que debía ter feito a administración, e xa vai sendo hora de que nolo recoñezan e deixen de actuar contra un dos principais motores desta revolución da identidade. Ou seica imos pasar do clientelismo á competencia coa sociedade civil? Pode permitirse o noso pobo esa desunión, esa anti-cooperación? Porque se Fillos de Galicia desparece por esgotamento dos propios recursos, por cansazo fronte á incomprensión e os erros dos gobernos de turno en Galiza, esta revolución non morrerá, e Internet seguirá servindo para procurarnos a nós mesmos como galegos… Pero si que se botará a perder un inmenso traballo feito, recuaremos anos, malgastaremos milleiros de euros dos contribuintes galegos volvendo a facer o desfeito, botaremos a perder o noso principal edificio de encontro nesta a nosa particular aldea mundial, e caeremos dun tren no que foramos -por unha vez na nosa historia- dos primeiros en subir, desaproveitando o mellor que pode ter para os galegos como pobo, este fenónemo da mundialización tecnolóxica.

…Ao final, imos axudar a facer ou a desfacer esta revolución?


NOTAS:
1) No ano 2005 inscribíronse un 228% máis de usuarios que no 2004. Hoxe son máis de 3.300.
2) Pódese descargar desde varios lugares da Rede, entre eles o portal de Fillos de Galicia para os centros galegos, Galeguidade.net no atallo: http://opapeldeinternet.galeguidade.net
3) Pódese localizar procurando as palabras único futuro en PlanetaGalego.info.
4) As citas están tiradas da sección de testemuñas de Fillos.org. En calquera sección deste portal pódense atopar moreas de mensaxes, e-mails ou comentarios no mesmo sentido.
5) Vid. http://www.galeuros.com.
6) O último foi con ocasión das eleccións galegas de 2005.
7) A Terra quere Pobo (Galaxia, 2004).
8) Malia recibirmos axudas practicamente simbólicas de Emigración desde o ano 2003, a incomprensión que recebemos deles tivo un custo económico que non compensou as devanditas axudas. Iso si, no ano 2005 Política Lingüística, aínda co goberno do PPdeG rachou con esta miserenta axuda e achegounos uns xenerosos 1.600 euros.
9) Na súa recente obra Os movementos de resistencia fronte á globalización capitalista (Xerais, 2005).