Archive for Agosto, 2006

Síndrome de Ulises

Xoves, Agosto 24th, 2006

A emigración é un acontecemento vital que marca profundamente ás persoas que a sofren. Ningunha outra circunstancia lle supón ao individuo tantos cambios no seu entorno: A familia, a cultura, a lingua, a paisaxe, as amizades , a situación social…todo cambia e supón un esforzo titánico adaptarse a esta situación.

Fai aproximadamente dous anos, un médico psiquiatra , profesor da Universidade de Barcelona, España, o doutor Joseba Achotegui, acuñou o termo “síndrome de Ulises” para referirse a unha forma de depresión que afecta a un colectivo moi específico: As persoas emigradas.

No seu libro “La depresión en los inmigrantes: Una perspectiva intercultural” estuda os síntomas e características desta depresión .

Anque parte do estudo de síntomas na poboación extra europea que chega a España nos últimos anos, el mesmo recoñece que estas conclusións son aplicables aos emigrantes galegos de todas as épocas porque as súas características son universais e non dependen do tempo, raza ou lugar.

O dó migratorio

Denomina así J, Achotegui ao proceso de reorganización da personalidade ao que debe facer fronte un emigrante nesa situación de cambio.

Como é lóxico, a emigración tamén ten o seu lado positivo , o logro do desexado, o acceso a novos horizontes, máis oportunidades…pero ten o seu lado escuro, que é a perdida de todo o bo que fica atrás.

O dó migratorio e o intento de conciliar e superar ambas caras.

Este proceso ten unhas características definidas:

-É parcial :
Ao contrario de outras perdas na migración o obxecto amado non desaparece totalmente, sempre cabe a posibilidade de contactar de novo con el, de volver definitivamente para quedar.
É un dó de separación máis que de perda, pero iso non o fai menos forte.
É unha separación no tempo e no espacio que causa intensa ansiedade, moita confusión e en ocasións fortes depresións.

-É temporal:
Aínda no caso de que haxa posibilidade de retorno, no tempo en que o emigrante está fóra suceden cambios , nel mesmo, e nos lugares de orixe e acollida, e á volta nunca é nada igual, como lle sucede a Ulises, que nin recoñece a súa terra , nin a terra o recoñece a el…”Nunca volve o mesmo home á mesma terra” como escribiu Avilés de Taramancos.

-É unha separación no espacio: Pola distancia física da súa familia, da súa terra, da paisaxe…O país de acollida é “terra estraña “

-Recorrencia:
O feito da parcialidade do dó migratorio, a posibilidade de contacto a través de cartas, viaxes, teléfono, etc.faino recorrente, inacabado, perpetuo, moito máis difícil de elaborar, porque está recomezando a cada pouco, podendo chegar facerse crónico e esgotando ao individuo no seu intento de superalo, afundíndoo na desesperanza.

-Multiplicidade:
Cada unha das perdas supón un dó específico a elaborar:
-pola familia e amigos,
-pola lingua,
-pola cultura,
-pola terra,
-polo nivel social,
-polo contacto co grupo étnico
-polos riscos físicos ligados á emigración.
Nestes ámbitos diferenciase entre primarios , que son aqueles que afectan ou preocupan sobre todo nos primeiro momentos ( a familia, o status social e os riscos físicos) e secundarios, que só pasan a primeiro plano cando o asentamento do emigrante tivo éxito e deixan de preocuparlle os primarios ( a lingua, a cultura, a terra, o grupo étnico)

-Afecta á identidade:
A multiplicidade de aspectos do dó migratorio leva consigo profundos cambios na personalidade do individuo e modifica a propia identidade. Se logra superar axeitadamente a situación convértese nunha persoa cunha personalidade máis complexa e rica. Unha cita que aparece no libro do Dr. Achotegui é moi gráfica ao respecto: “ Los que amamos dos países debemos de tener el corazón más grande que los que aman solo uno”

– Regresión psicolóxica:
Ante o stress que supón a experiencia migratoria a miúdo o emigrante tende a sentirse abrumado, inseguro, e adopta actitudes regresivas , como dependencia ou submisión ante de figuras de autoridade, excesiva procura de apoio, actitude menos autónoma, queixas, protestas ante os servizos sociais que por outra parte son os que máis os atenden etc….
A volta á cultura de orixe é tamén unha forma de regresión. Persoas que no seu lugar de orixe non estaban en absoluto apegadas ás tradicións, de súpeto fíxanse nelas .
Os actos colectivos das súas culturas de orixe apórtanlles máis seguridade e unha sensación de pertenza a un grupo que perden cando emigran..

– Ambivalencia:
Con respecto aos sentimentos de cara os dous países (de orixe e de acollida) Amor ao de orixe polo que representa , e ao de acollida polas oportunidades que lle ofrece , pero ao mesmo tempo odio ao primeiro porque se sente expulsado del e ao de acollida polas frustracións que lle impón ter que adaptarse e progresar .
Unha expresión corrente desta ambivalencia é que cando están no pais de orixe gaban ao de acollida e cando están no de acollida os eloxios son para o de orixe.

– Transxeracional :
A elaboración do dó migratorio e as súas vivencias non rematan no emigrante senón que afectan aos seus fillos e incluso a outros descendentes, que moldean a súa personalidade de acordo coas figuras dos seus pais.
A miúdo os fillos dos emigrantes viven un dó migratorio aínda máis complexo ca os seus pais.
O grao de elaboración desta experiencia polos pais terá unha profunda influencia nos descendentes e se se producen circunstancias de marxinación ou exclusión estas favorecerán que o dó migratorio de prolongue a través de varias xeracións.
Po outra banda, os descendentes, mellor situados socialmente terán maior acceso a expresárense e facer escoitar as súas dificultades nos medios de comunicación.

Etapas do dó migratorio

Son tres dende a perspectiva biolóxica:

Alarma : O organismo do emigrante reacciona con gran intensidade ante o stress da emigración.

Resistencia: Póñense en marcha respostas organizadas e sostidas.

Adaptación: o organismo acomódase..

Mecanismos de defensa :

Negación: Ou ben “todo é igual ca no país de orixe”, ou , anque se recoñeza que as cousas son distintas, “ a min non me afecta”
É un mecanismo que xorde nas primeiras fases da emigración e é máis precoz nos homes ca nas mulleres.

Proxección: Todo o malo é dos outros, dos estraños, dos diferentes.

Idealización: Tanto do país de orixe ( o meu pobo é o máis fermoso do mundo”) como do de acollida (o típico “ aquí atan os cans con longaínzas”)

Animismo : Atribuír á terra de orixe características humanas, en especial de nai : “Galicia, terra nai “ “ Galicia sofre polos seus fillos emigrados “ etc…

Formación reactiva ou híper adaptación : Facer xusto o contrario do que estaría naturalmente inclinado a facer, é dicir, acomodarse e por completo á nova cultura en troques de intentar manter as súas tradicións e costumes.

Racionalización: Intentar separa o compoñente afectivo do cognitivo, quitándolle importancia ao primeiro( á dor da emigración) de forma excesiva.

A emigración afecta a todos: Aos que se van, aos autóctonos do país de acollida que teñen que modificar aspectos da súa vida na súa relación cos inmigrantes, con aspectos positivos e negativos, e á familia que queda , que nota intensamente a dor da separación , ás veces ao longo de moitos anos.
Isto sen contar cos efectos que ten para a terra de procedencia (coma Galicia) a sangría de persoas fortes e capacitadas que deixan un baleiro tamén na economía , na sociedade e na cultura moi difícil de encher.

O retorno:

Supón unha nova migración, un novo transplante, “sempre se vai, nunca se volve”
Como xa dixen anteriormente a persoa que volta é diferente á que marchou , pero tamén son diferentes a terra, a aldea, a xente, a familia…
Volven a aparecer perdas polos vínculos establecidos ao longo dos anos no país de acollida. E ademais, é curioso que canto máis difícil lle fose a adaptación fóra e máis fosen os mecanismos de defensa empregados naquel momento do pasado, máis difícil lle será o novo proceso de adaptación do retorno.

Galiza en lapas!!!!

Xoves, Agosto 24th, 2006

Dous anos despois doutro artigo titulado Galiza arde, temos que seguir berrando, esixindo, que isto pare. Ano tras ano o lume mata as cada vez menos árbores que temos. Por que? Quen quere que, e paga para que, Galiza morra entre as lapas?

Vigo, Pontevedra e Santiago de Compostela viven dende hai catro días cubertas de fume. Ás veces unha dubida se son nubes, se hai un eclipse, ou se se trata da fin do mundo. A cinza que entra polas ventás da casa dime que se trata de fume, e nada máis que de fume.
Galiza arde, de novo; desta volta, as provincias da Coruña e Pontevedra son o obxectivo. As xentes de Cerdedo, Pazos de Borbén, Vilaboa, Combarro, Brión… levan varios días sen durmir, loitando contras as lapas. Algúns veciños resístense a marcharen das súas casas, e teñen que forzalos a desaloxar. Catro persoas morreron xa como consecuencia do lume en só tres días. Non sei cantas hectáreas están queimadas, e continúan a queimarse mentres escribo. Non sei cantas persoas teñen a luz, o teléfono e a auga cortadas por mor dos incendios. Non sei cantas casas están rodeadas de lume e os seus habitantes levan días sen parar de regar ao seu redor.

Non sei quen quere que Galiza arda. Non sei cantos incendios comezaron ao tempo en puntos diferentes das dúas provincias.
Si sei que non son cousas do destino nin de catro pirómanos tolos.
Dicía naquel artigo, de hai dous anos, que o problema que ten o monte é estrutural: non se usa, non se coida, non se limpa, e non importa que arda. Ese problema segue a existir: un monte útil, que dá de comer, non arde; arde o monte que non interesa, que mellor estaría sendo unha urbanización ou un campo de golf.

É que hai intereses urbanísticos detrás das queimas? Eu non o sei, non o podo saber. Podo saber que se os equipos de extinción están onde o lume acecha as casas, non están noutros sitios, que aproveitan para arder sen control. E que se nunha mesma fin de semana xorden centos de incendios, non é por casualidade, nin por un brote de esquizofrenia colectiva, nin porque centos de campistas decidiran facer churrasco sen controlar as brasas.

E os galegos e galegas merecemos saber quen, por que, queima o noso país. E despois de sabelo, merecemos que NUNCA MÁIS ocorra.