Archive for Setembro, 2005

Fascismo cibernético

Xoves, Setembro 29th, 2005

SOLIDARIEDADE com galizalivre.org e radioGaliza.net.

No dia 26 de Novembro, o portal informativo galizalivre.org e e o projecto radioGaliza.net sofreram um terrível ataque que acabou com eles. Nos últimos tempos, são vários os webs comprometidos que estão a ser vítimas deste tipo de acções violentas.

“Não há machado que corte
a raíz ao pensamento,
porque é livre como o vento,
porque é LIVRE….”

A gobernadora galega de Luisiana

Luns, Setembro 19th, 2005

Kathleen Blanco, a gobernadora de Luisiana, ate hai pouco descoñecida por estes pagos, esa que choraba nas roldas de prensa cando as primeiras ondanadas do Katrina, a mesma que despois dicía que esperaba que o exército disparase a matar cando deu chegado á zona devastada… xa dicía eu que con ese apelido algo tiña que ver con Galicia. (Por Casdeiro)

A miña investigación deu como resultado que a súa relación con Galicia non é directa senón por matrimonio. A señora gobernadora está casada con Doug Blanco, fillo dun exiliado galego (ourensán?) da guerra civil, de oficio afiador: Gumersindo Blanco.

Ademais o tema do apelido Blanco parece que deu pé a certa controversia nesta familia segundo conta unha sobriña da gobernadora no seu blog: polo visto segundo os membros da familia pronuncien Bleinkou (como a propia gobernadora, de nome de solteira Babineaux, fai) ou Blanco, autoidentifícanse coa comunidade anglosaxona ou coa hispana:

O meu irmán Joe ponme a parir por pronunciar o noso apelido Bleinko, di que estou renunciando á miña herdanza. (…) Hoxe en día haiche diferencia entre dicires o apelido dunha ou outra forma. (…) Hai pouco que me trasladei a Lafayette, a cidade onde a miña tía Kathleen ascendeu ao poder, e notei que hai diferencia no xeito de a xente me trataren dependendo de cómo pronuncio o meu apelido. E coma se de súpeto gañase un respecto que é maior canto máis vella é a persoa coa que trato. Cando digo Blanco, é coma se usase unha especie de super-poder ou un código secreto nun vídeo-xogo.

Pensei en lle enviar unha mensaxe á rapaza comentándolle que en realidade non debería ser nen unha forma nen a outra, xa que a forma orixinal galega sería Branco. Aínda non tiven resposta, aínda que espero ter contribuido así a lles incentivar algo a curiosidade polas súas orixes e porque recoñezan a súa herdanza, que pouco ten que ver cos chicanos cos que conviven e si con ese pequeno curruncho ibérico chamado Galiza… da que me gostaría saber se alguén lles contou algo algunha vez na saúa familia.

Renovando PlanetaGalego

Luns, Setembro 5th, 2005

Durante este mes de setembro imos realizar importantes melloras no web de PlanetaGalego. Entre elas por fin contaremos cunha interfaz completamente en galego, ademais de conservar as actuais posibilidades de acceder en castelán, inglés e português. Pregámosvos saibades excusar os posibles problemas técnicos e de visualización que poida haber durante os traballos de mellora e actualización do web. Grazas.

III Manifesto de Fillos de Galicia

Venres, Setembro 2nd, 2005

A Asociación Fillos de Galicia solicita en 14 puntos diversas actuacións ao novo goberno galego.

Como resultado dun debate interno posto en marcha tras as pasadas
eleccións galegas, a asociación responsable do principal
portal da emigración
, que reúne a cerca de 2.500 participantes,
acaba de publicar unha serie de demandas dirixidas aos novos
responsables da Xunta.

Entre as súas demandas inclúense algunhas de carácter político como
o recoñecemento da nacionalidade para os fillos e netos de
todos os emigrantes, ampliar o dereito a voto aos emigrantes
residentes en España ou a xestión participativa do orzamento
da nova Secretaría Xeral de Emigración, así como outras de
carácter cultural como a demanda da integración e ampliación
dos portais de Internet dirixidos á emigración galega. Tamén
reflicten unha importante preocupación social por aspectos como o
fomento do emprego entre os retornados, sempre facendo fincapé no
uso de Internet, ámbito onde a asociación conta cunha
ampla experiencia desde 1997. Outras demandas inclúen a creación
dun “Plan da Arte Galega Exterior” ou descontos en servizos
turísticos para os descendentes dos emigrantes.

Fillos de Galicia invita a todos os seus visitantes a se adheriren
ao manifesto por medio do seu web www.fillos.org, onde tamén se
poden consultar pasadas reivindicacións que foran presentadas a
responsables políticos galegos con motivo de diversas citas
electorais.

III Manifesto de Fillos de Galicia completo