Archive for Agosto, 2005

Empresario ourensán asasinado en México

Venres, Agosto 19th, 2005

O cadáver do empresario galego xubilado Camilo Guerra, de 75 anos, foi descoberto pola policía o pasado mércores 17 de Agosto nunha fraga dos arredores de México DF. Ao parecer o empresario sufrira un secuestro express no mes de Xullo.

Alexandre Bóveda na cerna da memoria histórica

Xoves, Agosto 18th, 2005

Discurso de Xosé María Álvarez Cáccamo pronunciado o 17 de Agosto de 2005, no cemiterio de San Mauro, no acto que aló se celebra todos os anos en homenaxe a Alexandre Bóveda. (Extraído de Vieiros.)

Naquela hora da madrugada negra comezou a medrar a familia dos destinatarios da túa derradeira vontade. Hoxe somos multitude ardente a dos que vivimos contigo na paixón luminosa de Galiza, na homenaxe da túa intelixencia de serena anatomía, do teu claro rumbo de amor expansivo, do teu inimitábel estilo humano e das túas certezas políticas, que son tamén nosas e ti alimentas e cuidas desde a memoria dilatada en herdo milenario.

A memoria do teu exemplo vive naturalmente consubstanciada coa evocación imprescindíbel do levantamento fascista do 18 de xullo. Nin queremos nin podemos esquecer. Contra as industrias esmagantes do esquecemento como maquinaria devastadora traballa en estado de alerta indeclinábel a vontade soberana do pobo, ese corpo universal que constrúe a cidade da Historia. Lembramos para defender a casa común da cíclica ameaza xenocida. Lembramos, ardorosamente, para erixir o documento libérrimo da xustiza popular.

A memoria histórica é unha forza natural, regato clandestino en curso novo que vai acrecentando o seu caudal conforme a conciencia colectiva fai seu o labor das vanguardas políticas. Poden coutar o seu curso con toda caste de encoros represores. Algún día as augas da verdade rebordarán, con presión inevitábel, todo impedimento censor, toda mordaza. Así acontece hoxe, logo de seis décadas de silencio imposto e pactado a dereita e esquerda. Estoura neste tempo noso de entre dous séculos unha vontade unánime de luz, milleiros de fachos acesos en mans da sociedade civil organizada. Logo de tantos anos despois da morte do ditador, reprimidos para elaborar o dó da mortandade infinita e para xulgar aos responsabeis do exterminio, obrigados a calar fronte á agresión dos símbolos, monumentos, inscripcións, prazas e rúas que consagraban o terror do estado fascista -celebrativa vergoña que permanece aínda en insultante excepción a furar os alicerces mesmos da democracia- comezamos a difundir o relato da verdade que a Historia reclama.

A nós non nos foi concedido o dereito de encausar aos criminais através dun tribunal internacional como o de Nuremberg, cuxas actuacións poderían ter ido encamiñadas a procesar tamén aos responsabeis de crimes contra a humanidade como os perpetrados polo réxime de Franco, aliado das Potencias do Eixo. Sen papel legal onde poder asentala, o pobo, porén, pronunciou xa a sentenza condenatoria. Algúns sentímonos moral e politicamente obrigados a colaborar como testemuñas da acusación no curso desa causa. En Crónica do espanto, libro da miña autoría, quixen contribuír co listado dunha nómina simbólica de ” paseantes, verdugos, militares, delatores, fiscais e falanxistas, señoritos da noite, corvos do amañecer.” O meu testemuño pronuncia unha incitación, unha proposta de exhaustiva declaración en beneficio da verdade total. Calquera restrición, imposta ou voluntaria, do dereito universal ao coñecimento e divulgación da verdade invalidaría o sentido da nosa esixencia de xustiza. Hoxe, sesenta e nove anos despois, no derradeiro lugar do corpo de Alexandre Bóveda, quero declarar outravolta os nomes e apelidos dalgúns dos responsábeis da violencia extrema que, na Galiza republicana de 1936, impuxo unha sombra de terror planetario:

“Francisco Rodríguez alcumado “O Rabioso”,
Fernando Lago Búa, Víctor Lis Quibén,
Manolo Sanjurjo, Rosendo Bugarín,
Benito de Haro, Rivero de Aguilar,
José Peñarredonda, José Tabeirón,
Monseñor Reisiño, Paulino Lago Roig,
Martín Barbadillo, José Viador,
Joaquín Yáñez, González Vallés,
Pita Lasantes, Panchito Leal,
González Zaera, Antonio Rosón,
Manuel Díaz Vilela, Luis Rosón,
José Vila Fano, Pascual Pérez Rosón,
Padre Nieto, Manuel Pérez Rosón,
Pancho Hervada, Fermín Pérez Rosón…”

Fronte ás paredes das igrexas onde permanece a relación de “Caídos por la Patria”, os mortos exclusivos do franquismo, o listado das vítimas da outra ribeira, a dos construtores da Galiza republicana, comunista, socialista, galeguista, nacionalista, a dos defensores dun réxime democrático que medraba en razóns de progreso e liberdade, van enchendo as páxinas dos libros e as placas dos monumentos. Habitaban xa na nación indestrutíbel da memoria colectiva, na Raíz do Pensamento que ninguén poderá nunca arrincar. En Pontevedra, con Alexandre Bóveda, permanece viva a seiva do souto formidábel que foron e son Vítor Casas, Telmo Bernárdez, Amancio Caamaño, José Adrio, Germán Adrio, Paulo Novás, Ramiro Paz, Jacobo Zbarsky, Gonzalo Acosta Pan, Jorge Echeverri, Juan Rico, Benigno Rey, Luis Poza… Esta é tamén unha nómina simbólica, representativa dos centos de milleiros de seres perseguidos, depurados, torturados, paseados, asasinados en Galiza e en toda España.

Entre eles os que, como Bóveda, remataron os seus días fronte un pelotón de fusilamento logo de ser condenados á pena capital en xuizos sumarísimos que repetían mecanicamente un modelo de implícita sentenza de morte e que deben ser revisados para demostrar a súa radical ilegalidade. Tratábase de disfrazar de formalidade xurídica un programa minucioso de masacre dirixido a eliminar todo impedimento á instauración do fascismo. A intelixencia crítica e creativa, a determinación solidaria, a vontade soberanista das nacións sen estado, o progreso igualitario, o laicismo democrático… eran os albos selectivos da acción exterminadora. Os seus efectos alongaron a súa vixencia até o mesmo día de hoxe, até a hora presente da monarquía de semente franquista e da igrexa do nacional-catolicismo, a do pensamento estandarizado e colonizado, a da demonización perpetua dos nacionalismos emancipadores.

Pero outro río de alta montaña, como o daquel regato clandestino que mantivo viva a flor da Memoria contra os designios da ditadura e contra as estratexias da transición, as augas sempre mozas dunha corrente fluvial que vén baixando pola vertente da esquerda, medra paseniño e rega o campo dunha nova conciencia política. Quero enviarche, Alexandre, unha noticia: o franquismo -¡sesenta e nove anos despois!- resultou derrotado nas últimas eleccións, en España e en Galiza. Unha boa noticia, que será espléndida realidade se conseguimos que se cumpran os proxectos máis progresistas da vontade popular, os soños nos que traballou a República e a Galiza pola que ti deches a vida: a vitoria da fermosura e da intelixencia contra as tebras, a entrega colectiva en favor das causas solidarias, a vontade libre das nacións sen estado, o progreso igualitario, o laicismo democrático…

Que terá futuro e razón se ninguén sucumbe á tentación, pronunciada xa como propósito inexplicábel, de outorgar recoñecimento público de servizos prestados ao expresidente da Xunta de Galiza, un dos máis notábeis colaboradores do réxime de Franco, o que significaría contribuír á negación da Historia, ao negacionismo erixido polos responsábeis do xenocidio e da ditadura. A sociedade civil, o pobo, vaise manter alerta en defensa da Memoria Histórica da que ti, Alexandre Bóveda, eres cerna acesa na madrugada do día 17 de agosto.

Ir coas vacas

Venres, Agosto 12th, 2005

En resposta a unha pregunta que fixo fai un tempo Débora Campos na rolda Fillos-L, quero contar todas estas cousas sobre este humilde labor de coidar as vacas e as lembrabzas que teño do tempo en que eu, unha nena da montaña luguesa, o facía a cotío.

Como moitos de vos sabedes xa, nacín nunha aldeíña da Fonsagrada, filla de pais labregos, e nas dúas primeiras décadas da miña vida fun coas vacas moitas veces, coma calquera neno ou nena do mundo rural nesa época.

Daquela (nos anos 60) a miña casa era a que tiña o rabaño máis grande do pobo, con sete vacas, que era moito comparado coas 4-5 que tiñan os demais viciños.

Aparte das vacas, na miña casa tiñamos tamén un touro que servía de semental para as vacas de toda a rodeada. Pero este non ía a cotío coas vacas para o prado, senón que adoitaba quedar na corte. Era un animal moi grande, con moita corpulencia e non era doado de manexar.

As nosas vacas tiñan nomes coma os que conta Luis Gómez: A Tora , a Marela, a Xovenca, a Gallarda (que tiña unha pata medio torta e saltaba todas as sebes, pero daba moito leite ) a Lucera, a Teixa, e a Moura enchían a corte que estaba debaixo dos cuartos da miña casa, e que, nun recanto preto da porta que daba ao horto, servía tamén coma poleiro das pitas.

En algúns tempos tivemos tamén un bo rabaño de ovellas, pero eu era moi pequeniña cando o venderon meus pais e só lembro o día que xuntaron todas as ovellas na eira pola tardiña para que pola mañá cedo o novo dono se fixera cargo delas.

Daquela as cortes das vacas non estaban pisadas de formigón , nin tiñan canle para o purín, ou coma agora, senón que estaban directamente sobre a terra ou sobre lastras de pedra que se estraban de toxos, xestas e folgueiras (estrume) sobre as que se botaba un feixiño de palla cada día. Este traballo de estrar as vacas facíase pola tardiña, antes de que os pastores voltasen con elas do prado.

Os labregos amañábanlles unha boa cama ás súas vacas antes de choelas e de “despachalas”, é dicir de darlles a cea, botarlles os xatos a mamar e muxilas.

Na corte había un presebe ou manxadoira feito con pedras ou madeira , pegado á parede , onde se lles botaba a fariña ou a auga, e por riba del unha escada de madeira colocada case en horizontal onde se poñía a herba para que os animais tirasen dende abaixo por ela.

Cada vaca tiña o seu lugar na corte e atábanse polo pescozo con unha cadea de ferro que se prendía a unha argola de ferro ou á relleira de madeira do presebe, onde xa había uns furados para iso.

Verán e inverno, senón que houbese neve, as vacas saían aos prados cada día, e había que ir con elas para tornar que non entrasen nas leiras ou nos prados dos outros viciños e que non se agarrasen con outras se as atopaban no camiño, porque as vacas da mesma casa poucas veces pelexaban estando fora, pero cando atopaban ás das outras casas turrábanlles de boa gaña.

Cando o prado estaba pechado era doado e pracenteiro ir con elas. Só había que pecharlles a cancela e agardar xogando, lendo ou buscando grilos ou niños, a que estivesen cheas, o que dependendo da cantidade de herba que tivese o prado o mesmo podía levar hora e media como dúas ou tres, así que había que armarse de paciencia .

O peor era cando as había que alindar nun prado ou leira abertos no medio de outros, porque entón non se podía despistar un nin un chisquiño, e había que estar correndo dun lado a outro para tornar que non comesen fóra do que era de un , nin pisasen as colleitas que estaban a carón do pasteiro.

As vacas paridas de pouco non se levaban os primeiros días, ficaban na corte, e despois levábanse tapadiñas cunha manta vella de trapos e algodón tecidos no tear para que non pasasen frío.

Os nenos, as mulleres, ou os homes menos fortes ou menos competentes da casa (aqueles que non podían facer outro traballo) eran xeralmente os pastores.

No meu tempo xa os rapaciños e rapaciñas pasabamos moito tempo na escola, e entón só podiamos traballar pola tarde, dende que remataba a xornada escolar, pero no tempo dos meus pais e dos meus avós a maior parte dos nenos e nenas só ían á escola dous ou tres meses no inverno, cando non había moito traballo nas casas.

A pesar diso, coñezo, por exemplo, a un notario ilustre da cidade de Lugo que me contou que cando ía coas vacas, de rapaz , levaba, a maiores da aguillada e o paraugas, os seus libros de leis baixo o brazo e que así estudiou boa parte da súa carreira: nos prados, mentres alindaba as vacas. E tamén llo teño escoitado a outros persoeiros de Galicia.

Na miña aldea, e penso que seguramente en toda a montaña galega, as vacas levaban un colar de coiro cunha cinzarra ou unha choca, para que, cando pacían no monte, puidésemos saber por onde andaban, porque daquela as vacas durmían sempre na casa e á tardiña había que xuntalas para choelas.

Se faltaba algunha pasabamos a noite buscándoa.

Na miña casa todas levaban cinzarra , unha campaíña dourada que tiña un son máis agudo e musical cas chocas que son campás máis longas de latón con un son moito máis grave.

Sempre que penso nas vacas, véñenme á memoria eses sons, e lembro especialmente o son das chocas das vacas que pacen nos montes de Ancares, onde a orografía fai de caixa de resonancia e escoitase cada paso que dan a moitos Km. á redonda.

As vacas eran a riqueza da casa. A maior parte dos poucos cartos que se obtiñan na casa viñan da venda dos tenreiros, que se criaban ata os nove ou dez meses e logo vendíanse para carne.

Tamén se sacaba algo do leite, que se muxía á man, e se sacaba en bidóns á estrada para que o camión o levase para Meira, onde estaba daquela a única industria láctea que o recollía pola bisbarra.

Meus pais foron por un tempo os encargados de recoller o leite de toda a aldea, medilo e baixalo todo xunto nos bidóns. Lembro ás mulleres vertendo os caldeiros de leite na medida e os cartóns onde se apuntaba o que levaban cada día, permanentemente colgados da parede na cociña da miña casa, ata que amarelaban co fume.

Cando unha vaca morría era unha desgracia que conmocionaba á familia e a toda a aldea, xa que con ela marchaba unha parte moi notable da economía familiar.

Hoxe cambiaron as tornas, as explotacións modernas van gañando terreo, e este sinxelo e importante labor estase a perder. Isto é debido a que nas bisbarras onde se traballa con vacas de leite, estas están nas cortes sempre (en grandes naves que semellan laboratorios, con salas para muxir con máquinas e tanques para gardar o leite refrixerado) e non saen pacer. E nas que teñen gando de carne estase implantando pouco a pouco o sistema de grandes pastizais cercados onde as vacas viven á intemperie todo o ano.

Sexa como sexa , aquí quedan estas lembranzas, para que moitos de vos coñezan os traballos que con seguridade facían moitos dos vosos antepasados galegos.

Mª Luisa Álvarez Gutiérrez
A Fonsagrada-Lugo
Agosto de 2005

PlanetaGalego supera os 200 artigos publicados

Mércores, Agosto 10th, 2005

O artigo titulado “Entrevista cos patrocinadores de Fillos” foi o que fixo o número 201 dos publicados nesta a nosa revista online. Entre os artigos máis lidos figura en primeira posición “Retorno Amargo”. PlanetaGalego cumpriu recentemente os 2 anos e desde entón forn medrando tanto as visitas como as lecturas ás nosas páxinas.

Queremos darlles as grazas aos nosos redactores por facer posible este medio de comunicación da nosa emigración e invitar a todos os galegos do mundo que queiran expresar a súa voz neste medio para que nos envíen os seus artigos.

Proximamente haberá importantes melloras en PlanetaGalego que esperamos sexan do agrado de todos os milleiros de lectores que nos visitan cada mes.

Entrevista cos patrocinadores de Fillos

Luns, Agosto 8th, 2005

Entrevista de PlanetaGalego a Roberto Goyanes, xerente da empresa Revi, patrocinadora actual do portal Fillos de Galicia.

Que é Revi? A que se dedica?

REVI, é unha empresa dedicada á impermeabilización e illamento de edificios e que participa tanto no sector construcción como industria. En definitiva, unha empresa de servizos con traballos en todo o país.

Que relación ten Revi con Galicia?

Os seus propietarios, nados en Galicia, emigramos a Madrid hai máis de trinta anos ao igual que outros moitos galegos, espallados polo mundo.

Cando se convirtiu Revi en “padriño” de Fillos e que motivos lle impulsaron a isto?

No ano 2.004 foi cando comenzou o noso apadriñamento, despois de ver, como socios de Fillos de Galicia, que unha achega económica extraordinaria era imprescindible para que a Asociación puidera continuar ofrecendo os seus servizos en todo o mundo, desta forma, desinteresada, como o fai Fillos, de maneira que non quedara perdido o gran traballo realizado polos fundadores e en especial polo seu presidente, Manuel Casal.

Que salientaría do proxecto de Fillos de Galicia?

Sobre todo, o desinterese económico a cambio de manteren constantemente ao día a información sobre cultura galega, noticias, etc. Salientaría tamén a colaboración que están realizando persoas desde todos recantos do mundo. O feito de manter unida unha comunidade deste tipo fai bo calquera esforzo.

Animaría a outras empresas a colaborar con Fillos?

Non é que os animemos, pregámoslles que colaboren con Fillos de Galicia xa que REVI, por si soa non será capaz de soster as necesidades da Asociación. Fillos debe ir a máis, mellorando e facendo un verdadeiro centro galego na rede.

Los emigrantes españoles excluidos de la doble nacionalidad en Alemania

Sábado, Agosto 6th, 2005

Reproducimos un comunicado de prensa remitido por la Coordinadora Federal del Movimiento Asociativo en la República Federal de Alemania acerca de la injusticia que los emigrantes españoles padecen en ese país.

Sólo ocho paises de toda la Unión Europea no tienen el derecho a la doble nacionalidad. Solicitando la nacionalidad alemana, los ciudadanos de origen danés, estonio, letón, lituano, luxemburgués, austriaco, checo o español tienen que renunciar a su nacionalidad de origen por falta del principio de reciprocidad en estos paises. Desde abril del año 2004 los franceses, griegos e italianos recibieron como primeros paises miembros de la Unión Europea la doble nacionalidad por la resolución del Tribunal Contencioso-Administrativo Federal de Alemania. A finales de septiembre del mismo año siguieron los súbditos de Finlandia, Irlanda, Malta, Portugal, Suecia, Hungría, Gran Bretaña e Irlanda del Norte, y aún un mes más tarde los de Bélgica y Eslovaquia. Desde enero de este año los emigrantes polacos y chipriotas pueden también beneficiarse de la doble nacionalidad. Entre los ciudadanos holandeses y eslovenos sólo grupos determinados tienen este derecho. La Coordinadora Federal del Movimiento Asociativo en la RFA pregunta a los responsables del Estado español hasta cuándo piensan mantener esta situación injusta y desfavorable para los emigrantes españoles en Alemania.”

Les saludamos cordialmente.

Mary Fe Schmitt

Coordinadora Federal del Movimiento Asociativo en la RFA
Bundesverband spanischer sozialer und kultureller Vereine e.V.
Elberfelder Str. 41
D- 42853 Remscheid
(Alemania)
Tel.: 00 49 2191 42 15 31
Fax: 00 49 2191 42 14 32
Email: CFMA1 EN t-online PUNTO de
Website: www.iree.org

Nova xuntanza de Fillos de Galicia en Ordes

Xoves, Agosto 4th, 2005

O día 24 de xullo, varios membros da Comunidade Virtual Fillos.org , que estabamos en Galicia, xuntámonos para celebrar, con unhas horas de antelación, o día grande da nosa terra.

Esta vez o punto de encontro foi a vila de Ordes, entre Santiago e a Coruña, e o xantar no restaurante “Cortés” de Sigüeiro.

A ela asistimos membros de Fillos de Galicia de A Plata (Arxentina), Montevideo (Uruguay), Santiago de Compostela (retornados de Bos Aires), Panamá e A Fonsagrada (Lugo) , anque estaba previsto que asistira tamén unha Filla de Galicia de Bos Aires que por unha indisposición non puido estar connosco.

Para min foi unha xuntanza moi especial, porque, ademáis de permitirme saudar a amigos moi queridos, cos que levo compartido moitos bos momentos nestes dous anos e pico que levo en Fillos, e coñecer en persoa a Elena e Alejandro de Montevideo, dos que sabía pola lista de Fillos-L , tiven a fortuna de poder asistir acompañada polo meu home, os meus fillos e os meus curmáns de A Plata, aos que facía só unha semana que puidera dar a primeira aperta , despois do reencontro familiar de fai algo máis dun ano. Era a súa primeira viaxe á terra dos seus avós 🙂 e tamén a primeira xuntanza na que podian estar.

Contamos tamén coa presencia telefónica de Antonio Rey e de Mirtha Pérez, cos que puidemos falar na sobremesa, e de Ana Martínez e X. L Santiso que o intentaron sen éxito, e remataron por enviar mensaxes que lemos no remate do xantar.

Moitas gracias a todos por estar connosco de algunha maneira!

E tamén moitas gracias a todos os que asistiron, polos bos momentos pasados, en especial a Daniel e Monabell que nos fixeron rir tanto coas súas bromas.

Na seguinte (que penso que será axiña), agardamos máis participación dos membros e socios de Galicia !! 😉

Mª Luisa Álvarez
Socia nº 46 da A.C. Fillos de Galicia

Máis fotos da xuntanza nos álbumes de Fillos