Archive for Abril, 2005

O monte Medulio

Mércores, Abril 20th, 2005

De tódolos mitos, lendas e historias de Galicia, o do monte Medulio tal vez sexa un dos máis descoñecidos e interesantes.

A historia corre alá polo 26 antes de Cristo, cando o emperador Augusto ten que vir a península Ibérica para acabar co continuo asedio ó que as tribos cántabras, astures e galaicas sometían ós exércitos romanos e para acabar co risco que supuñan estos ataques para a Pax Romana. Ademáis do anteriormente dito, os romanos Os detalles pérdense, como di o tópico, nas brétemas da historia. Tanto é así, que aínda hoxe é un misterio onde se atopaba o último reducto galaico.

DATOS HISTÓRICOS

A nosa historia, como a de Cartago, Alesia ou Numancia, segue o esquema cáseque clásico das guerras dos romanos contra as tribos bárbaras: as lexión romanas acosan ás tribos rebeldes, sítianas nunha cidade e agardan a morte dos sitiados (ben por fame, ben por suicidio, ben por rendición -sempre- incondicional).

Neste caso, despóis de que Augusto derrotara ás tribos norteñas en Segísama, Monte Vindio e Aracillum, as sete lexións (entre 50 e 70.000 homes) do emperador perseguiron ós supervivintes ata un monte de Galicia chamado Medulio. Unha vez alí, os rebeldes atrincheráronse e despóis de dous intentos infructuosos, os romanos decidiron sitiar ós bárbaros. Para aillalo monte, precisaron de facer un foxo de 15 millas (uns 25 kilómetros) que rodease o asentamento.

Unha vez que os sitiados, seguramente unha mezcla heteroxénea de tribos e non só membros da familia galaica, foron conscientes do que lles esperaba (morrer de fame ou vivir para ser esclavos) e optaron por ficar “denantes mortos que escravos”. Despóis de matar ás súas mulleres e fillos, algúns homes morreron polo veneno (feito a base de piñas de teixo) mentres o resto preferiu morrer en combate.

DATOS XEOGRÁFICOS

O máis grande misterio do monte Medulio é a súa ubicación. Hai quen di que é o monte Aloia, preto de Tui; outra teoría apunta ó monte Cido, onde apareceu un águia de bronce dun estandarte romano e cuio nome podería vir de occidio (matanza, carnicería) ou de caedere (matar), algo que concordaría coa a historia do Medulio; unha terceira teoría sitúa ós acontecementos no paraxe berciano coñecido por As Médulas, antigas minas romanas de ouro.

A segunda teoría é, baixo o meu pobre punto de vista, a máis probable ou, a lo menos, a máis próxima. Ás razóns son as que expón Orlando Álvarez na súa colaboración ca Asociación Informática Amigus. As máis importantes son a proximidade do Miño e do Sil; a cercanía dos dous maiores xacementso de ouro do Imperio (Toca-Turubio e As Médulas); a súa situación entre os tres campamentos romanos que, ó parecer, tomaron parte no sitio (Astorga, Lugo e otro na provincia de Ourense); a abundancia de teixos (con que os sitiados fixeron o seu veneno); e a aparición da águia no monte Cido.

As bandas de gaitas

Venres, Abril 15th, 2005

Reproducimos a contiuación a nota de prensa que a Asociación de Gaiteiros Galegos emitiu por mor da sinatura dun convenio entre a Deputación Provincial de Pontevedra e a Asociación Banda de Gaitas Provincial de Pontevedra. Nela a AGG argumenta o seu rexeitamento a este tipo de bandas de gaitas, alleas á tradición musical galega, que se están a crear con profusión nos últimos tempos con cartos públicos.

BANDA DE GAITAS PROVINCIA DE PONTEVEDRA
Recentemente a Deputación Provincial de Pontevedra asinou un convenio coa asociación
“Banda de gaitas provincia de Pontevedra” destinado a creación e posta en marcha de catro escolas
de gaitas e percusión distribuídas en catro zonas: Sur, Centro, bisbarra do Salnés e bisbarra do
Deza, na actualidade este número xa se incrementou cunha nova escola situada en Cangas.
A Asociación de Gaiteiros Galegos, quere manifestar que sempre serán os primeiros en
alabar e apoiar calqueira iniciativa que se tome dende as distintas institucións públicas encamiñadas
a facilitar e apoiar o ensino da música tradicional, sempre e cando, sexan levadas a cabo dunha
maneira transparente e despois dun proceso de selección público con todas as garantías e
publicidade.
O convenio suscrito entre a Deputación e esta asociación foi aprobado no pleno do día 14 de
febrero FORA DO ORDE DO DÍA, e previa declaración de urxencia . Dende a Asociación de
Gaiteiros Galegos non cremos que este sexa o camiño adecuado para destinar unha partida de
90.000,00€ no ensino da música tradicional, e denota un amplio descoñecemento da realidade
cultural da provincia de Pontevedra
Todo nos fai pensar que en ditas escolas daranse aspectos como os que a continuación
detallamos:
• Ditas escolas de gaita subvencionadas con cartos públicos destinados, en teoría, para a
cultura galega mostrarán unha gaita que non é galega, composta por tres roncos colocados
verticalmente, ao igual que as gaitas escocesas. Ademais, a técnica de execución ensinada é
completamente allea á nosa tradición musical.
• A percusión utilizada neste tipo de formacións é exactamente a mesma que a percusión
utilizada en Escocia, percusión de plástico de alta tensión, rexeitando a nosa percusión
tradicional galega tambor e bombo de pel, pandeiretas, cunchas, tarrañolas, charrascos.).
Tamén no caso da percusión son empregadas técnicas claramente non tradicionais,
ignorando -de xeito intencionado- a riquísima cultura existente neste campo.
• O carácter marcial e militarizado que adoptan estas bandas en ningún momento se achega ao
carácter propio da nosa música tradicional.
• O modelo escollido para estas escolas é o mesmo que o que utiliza desde hai anos a
Deputación Provincial de Ourense, modelo do que é coñecido públicamente o dano que
ocasionou á musica tradicional nesa provincia.
• Os métodos de ensino utilizados nestas escolas son totalmente parciais e persiguen a
alineación e uniformidade do alumno ou alumna nunha banda de gaitas, non adquirindo
unha formación completa e integral do alumnado con respecto á música tradicional galega.
Con relación a actividade musical tradicional na provincia de Pontevedra, dende hai moitos
anos a provincia e referente en canto o ensino reglado da nosa música, ben a través do conservatorio
superior de música de Vigo, a Universidade Popular de Vigo ou no mais recente conservatorio
Folque de Lalín. Ademáis destas institucións hai numerosas escolas municipais, así como multitude
de asociacións culturais que se encargan de impartir aulas en todolos concellos da Provincia.
Podemos afirmar que calqueira persoa desta provincia sen ningún tipo de limitacións pode acceder
o ensino da nosa música tradicional.
Na provincia de Pontevedra son moitas as bandas de gaitas que utilizan instrumentos
tradicionais galegos e basan as suas ensinanzas na nosa técnica de execución
A riqueza de matizes e visións que aportan as numeroras agrupacións de distitnto tipo da
provincia fan desaconsellable volcarse nunha única agrupación, e cremos que sería de mais proveito
apoiar as iniciativas xa existentes que veñen traballando dende fai moitos anos no ambito da música
tradicional galega.
Sería unha enorme decepción que as institucións públicas apoiaran o proxecto sen ter
brindado con anterioridade ese apoio ás actividades musicais tradicionais levadas a cabo na
provincia.
Con este escrito queremos mostrar a postura da Asociación deGaiteiros Galegos reiterando o noso
apoio a calqueira forma de ensino da nosa música tradicional e a nosa oposición a calquer intento de
confundir os galegos tentando pasar por noso algo que nos é alleo. Asi mesmo poñémonos á vosa
disposición para o que queirades.
Atentamente.
Santiago Caneiro. Presidente da AGG.
www.gaiteirosgalegos.com
gaiteirosgalegos@gaiteirosgalegos.com

En Niuchese non se fala o galego (disque)

Venres, Abril 15th, 2005

Niuchese é un dos nomes galegos para o estado de Nova Jersey, o que lle dan aló os emigrantes da nosa numerosa comunidade.
(Extraído de www.vieiros.com)

Conforme os datos da Xunta, hai case nove milleiros de galegos censados nos Estados Unidos, sen contar os estudantes e traballadores temporeiros, que viven fundamentalmente nos estados da costa leste. Pois ben, conforme un estudo da fundación US English, ningún deles sabe falar o galego. O informe desta organización que procura a declaración do inglés como lingua oficial en USA, baséase no censo do ano 2000, e recolle un amplo abano de 322 linguas faladas no país, dende os 215 millóns de anglofalantes ata os 4 estadounidenses que declaran que a súa lingua é o kalispel. Algo máis de medio millón falan portugués, uns 2.780 vasco, 1.660 catalán e mesmo 45 o bretón. Galego, ningún, ningunha. Afortunadamente os nosos lectores aló non están de acordo con estes datos…

A marcha de Beiras, o papel de Quintana e as elecciós en Galiza

Mércores, Abril 13th, 2005

A retirada de Beiras do panorama político galego, deixa un vacío difícil de encher e unha serie de incógnitas que non se poderán resolver ata as elecciós de novembro.

A política galega perde un dos seus grandes gladiadores e o único capaz de facer frente a Fraga nun combate dialéctico. Coa demisión de Beiras e a súa renuncia a presentarse nas listas as elecciós de novembro, o elector galego perde a un dos principáis actores do teatro político.

A marcha dun histórico como Beiras (con 69 anos recién cumpridos) deixa o nacionalismo galego nunha posición na que non se atopaba dende a fundación do BNG no 1982. A figura que representará agora ó principal partido da oposición en Galiza será Anxo Quintana, que non ten a altura (nin políticamente nin en popularidade) do ex presidente do Consello Nacional do Bloque.

As consecuencias da marcha do home que logrou aglutinar [case] todas as liñas políticas nacionalistas nun só partido poden ser terribles para os seus herdeiros. O calado popular de Quintana é moito menor que o de Beiras, o carácter tampouco é similar e habería que ver se a capacidade de liderazgo dentro do propio partido é equiparable.

En calquera dos casos, parece case inevitable un afundimento electoral dos nacionalistas, algo que, como dixo Baltar “beneficia tremendamente al PP”.


Carta de Beiras ao portavoz nacional do BNG

Carta remitida por Xosé Manuel Beiras ó Consello Nacional do Bloque Nacionalista Galego no que facía constar a súa demisión.

(lunes 11 de abril de 2005)

Pola presente comunícoche a miña decisión de non seguir a desempeñar nen ostentar o cárrego estatutario de Presidente do Consello Nacional do BNG. Procedo a formalizar a miña renuncia perante o próprio C.N. meiante a remisión do correspondente escrito a todos e cadaún dos membros dese máximo órgao colexiado de representación e decisión do BNG entre Asembleas nacionais. Como é natural, esta renuncia non atinxe á miña condición de simples membro do C.N. elexido polo plenario da última AN celebrada.

As normas estatutarias introducidas na XI AN para a criación da Presidencia do C.N., e máis as do Regulamento que as desenvolven, perfilan as funcións dese órgano unipersoal con tres atribucións cardinais: máxima representación interna e externa; garantir a adecuación da acción política ao proxecto estratéxico; facer cumprir as disposicións estatutarias velando polo funcionamento da organización conforme cos principios que a informan. A maneira en que a direición do BNG entendeu a prática desas funcións, diverxente da miña propria leitura das normas que a establecen, conducíume á imposibilidade de exercer sen conflitos as atribucións do cárrego que ostento. Non vou entrar en pormenores nen relatos innecesarios de feitos. Recentes episodios no proceso de elaboración de candidaturas ás vindeiras eleicións corroboraron definitivamente a colisión entre a interpretación da legalidade interna do BNG pola Comisión Executiva e pola Presidencia do C.N., e mesmo a reiterada falta de respeito a ese cárrego institucional e descalificación pública de quen o ostenta e tentou até agora exercelo en defensa do esprito e a letra das nosas disposicións estatutarias. Neste senso, é falso que no último C.N. eu teña asumido as acusacións das que fora obxeto tanto interna coma públicamente por parte da Comisión Executiva.

No tocante á miña persoal inclusión ou non nas candidaturas para as vindeiras eleicións ao Parlamento de Galiza, quero que a Comisión Executiva se considere liberada do compromiso explícitado no apartado B) do punto 5 da documentación por ela remitida ás asambleas comarcais o pasado 29 de marzo, no sentido de que “o Presidente do C.N. (…) ocupe un lugar destacado nas candidaturas” e da “inclusión de Xosé Manuel Beiras no posto e circunscrición que el considere conveniente”. Non considero conveniente ningún posto. Portanto, considerate ti tamén persoalmente relevado de calquer compromiso coa escolla que eu fixera e che comunicara verbalmente o domingo 3 de abril, consistente en ocupar o segundo posto na candidatura por Pontevedra. Dixen no último C.N. que sempre considerara estar, e púñame explícitame outravolta, en mans do conxunto do BNG. Mesmamente para ser congruente con iso renuncio á Presidencia do C.N. e a calquer proposta da C.E. para a miña inclusión nas candidaturas eleitorais”.

Santiago de Compostela, 11 de Abril do 2005.

Asdo.: Xosé Manuel Beiras Torrado.


Resposta da Executiva do BNG a Beiras

O Consello Nacional do BNG resposta á carta de demisión de Beiras.

Santiago Domínguez Olveira

No día de hoxe, ás 19.30 horas da tarde, recibiuse na Sede Nacional un escrito de Xosé Manuel Beiras dirixido ao portavoz nacional e aos membros do Consello Nacional e através do cal se comunicaba a súa decisión de non formar parte das candidaturas do BNG ás eleccións galegas e, ao mesmo tempo, a súa determinación de demitir como presidente do Consello Nacional, organismo no que permanecerá como un membro máis dos eleitos pola XI Asemblea Nacional do BNG.

A Executiva Nacional lamenta a decisión de Xosé Manuel Beiras e ao mesmo tempo mostra o seu respeito perante ela.

Xosé Manuel Beiras sempre foi un referente político para o nacionalismo galego e continuará a selo no futuro con independencia do posto que nel ocupe.

A Executiva Nacional quer manifestar a súa convición de que Xosé Manuel Beiras continuará a contribuír ao ascenso do nacionalismo en Galiza e á consecución do cambio galego que no mes de Outubro levará a Anxo Quintana a ser o primeiro presidente nacionalista da historia deste país.

Santiago de Compostela, 11 Abril 2005

Santiago Domínguez Olveira.
Secretario de Comunicación da Executiva Nacional

Santiago de Compostela, 11 Abril 2005

Santiago Domínguez Olveira.
Secretario de Comunicación da Executiva Nacional

As subvencións ao ensino privado incrementáronse nun 421,4% desde o ano 1989

Venres, Abril 8th, 2005

Extracto dun artigo publicado en www.galizacig.com.
As subvencións ao ensino privado pasaron dos case 45.000.000 euros en 1989 a máis de 198.000.000 en 2005, un 421,4% máis.

Esta planificación de reforzamento do ensino privado, baixo a falacia de liberdade de elección de centro –na que a Xunta de Galiza é pioneira–, provocou que haxa máis alumnado de ensino obrigatorio escolarizado nos centros concertados que nos públicos en cidades como Santiago, Vigo, Ferrol, A Coruña e Ourense.

CIG-Ensino comeza un campaña que pretende promover a matriculación no ensino público e pór en valor o súa condición plural e democrática fronte ao privado. Neste sentido, Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino explica que coa campaña tamén se quere denunciar a aposta pola privatización do Partido Popular.

Un modelo de ensino que consolida tamén o anteproxecto de lei presentado polo PSOE, “xa que non lexisla nada no sentido de reducir os concertos no ensino obrigatorio, nin se poñen impedimentos para os concertos no ensino postobrigatorio (FP)”, sinala Louzao.

O anteproxecto ademais vén confirmar e configurar dúas redes de centros pagadas polo erario público. Delas, a concertada vai ter os mesmos dereitos pero distintas obrigas que o ensino público, a pesar de “moverse con criterios ideolóxicos reaccionarios, usar mecanismos fraudulentos na admisión de alumnos, organizarse con idearios propios e non ter apenas fiscalización”, matiza o secretario nacional de CIG-Ensino.

Planificación para garantir os intereses do ensino privado

A planificación deséñase en función dos intereses do ensino privado, como se constata no feito de que “os 198 millóns de euros que recibe o ensino privado superan o que inviste a consellaría en transporte escolar, comedores, funcionamento dos centros, formación do profesorado, investimentos reais, construción, reparación e aplicacións”.

Esta planificación en función do ensino privado tamén é palpábel “cando se comproba como se van enviando os centros públicos á periferia das cidades ou cando vemos como os centros privados ofrecen diferentes servizos mentres que no público practicamente non hai oferta de algún tan básico como os comedores escolares, por exemplo”.

Diste xeito, mentres que en primaria, no ensino público, se suprimiron desde o ano1998 un total de 378 unidades (12%), no ensino concertado só se suprimiron 34 unidades (2%).

Para Anxo Louzao é especialmente preocupante que a Consellería de Educación “concerta unidades que non son necesarias e ciclos formativos en concellos nos que non hai oferta pública co que o ensino público estase convertendo en subsidiario”.

Aplicando a ratio legal nas localidades nas que hai ensino público e concertado, “o ensino público podería absorber 263 unidades de infantil: 836 de primaria e 551 da ESO”.

Ademais a FP tamén está planificada en función dos intereses da privada. A oferta en ciclos medios na privada é de 2.442 prazas mentres que na pública é de tan só 708. Ademais, nos ciclos superiores, na privada hai 800 e na pública non superan as 530.

Por outra banda, desde a CIG-Ensino tamén se denuncia que a Consellaría encobre actuacións irregulares nos centros privados: desde que as familias teñan que contribuír economicamente, cando está legalmente prohibido; selección do alumnado; incumprimento do calendario escolar; supéranse as ratios; funcionan con máis unidades das que teñen concertadas -que está prohibido- e mesmo impiden a escolarización mista.

Por ende, son centros cunha xestión antidemocratica, xa que o titular do centro ten potestade para nomear ao director, tres representantes no Consello Escolar e a seleccioar o persoal.

Fillos.org promocionará en Internet as ONGs galegas

Martes, Abril 5th, 2005

Ofrécelles milleiros de impresións publicitarias cada mes…

A Asociación Cultural Fillos de Galicia comezou unha campaña
de comunicación dirixida a outras entidades non lucrativas
galegas para informarlles da súa oferta de promoción gratuita.
Esta iniciativa consiste en publicar os banners (anuncios
gráficos e animados para Internet) das asociacións, fundacións
e plataformas socio-culturais
de todo tipo que traballan en e
desde Galicia, utilizando como soporte os diversos portais
que xestiona esta Asociación na Rede. Estes portais inclúen
Fillos.org (portal que reúne á comunidade emigrante en Internet
desde 1997), Galeguidade.net (dirixida aos centros galegos) e
PlanetaGalego.info (revista electrónica da diáspora),
supoñendo entre todos case 200 mil páxinas vistas ao mes e un
número equivalente de impresións publicitarias.

Con este ofrecemento pretenden, en palabras do presidente e
xestor de Fillos de Galicia, Manuel Casal Lodeiro, “achegar
o Terceiro Sector galego á nosa emigración, para darmos a
coñecer o que fan este tipo de entidades aos galegos
do exterior, aos que moitas veces non chega suficiente
información desde Galicia, e menos no que se refire a
proxectos non lucrativos”
. En Fillos de Galicia enmarcan
esta iniciativa dentro das súas actividades a prol de
unir labor cultural e social con Internet, alén do seu
traballo específico coa emigración, e cuxo primeiro paso
supuxo a creación en 2004 dun departamento para ofrecer
os seus servizos de Internet baixo unha nova denominación:
RedeGalega.org.

As ONGs interesadas en verse promocionadas gratuitamente
por Fillos de Galicia deben dirixirse a eles por correo
electrónico
enviando os banners que desexan publicar
para atraer aos internautas galegos ás súas páxinas.