Archive for Xullo, 2004

FILLOS.ORG recolle 1.400 libros en galego para os emigrantes

Martes, Xullo 27th, 2004

A campaña “Un libro galego para os fillos que están lonxe”
permitirá achegar a literatura en lingua galega á emigración.

Despois de finalizaren o inventario dos libros recolleitos nesta
campaña posta en marcha co gallo do pasado Día das Letras, a
Asociación Cultural Fillos de Galicia considera que esta foi todo un
éxito. “Esperabamos máis participación dos particulares que das
institucións, pero ao final quen máis libros doaron foron diversas
empresas, concellos e outras organizacións”, apuntan desde a
Comisión de Acción Cultural de Fillos.org.

Dentro dos 1.400 libros recibidos hai todo tipo de obras, desde
clásicos da poesía galega ata libros de historia, para rapaces ou
comics. As aportacións máis importantes foron as do Concello de
Ferrol, La Voz de Galicia e a Fundación Caixa Galicia, entre as
máis de 20 organizacións que colaboraron, ademais da empresa de
mensaxería MRW que fixo o trasporte gratuito até a sede de Fillos
no País Vasco.

Foi tal a cantidade de libros recibida que agora Fillos de Galicia
está a procura dunha financiación extraordinaria para afrontar os
gastos de lles enviar os libros a aqueles usuarios do seu portal
que queiran ler na lingua de seus pais e avós. “Iremos enviando
pouco a pouco na medida en que os nosos recursos nolo permitan”,
advirten desde a organización, responsable dunha comunidade en
Internet de 1.700 persoas de orixe galega, que tenta entroutras
labores a conservación do idioma galego nas xeracións nadas
na emigración.

Xuntanza de responsables de Fillos de Galicia en Lugo

Sábado, Xullo 24th, 2004

O presidente da Asociación Cultural Fillos de Galicia, o delegado en Centroamérica, a responsable de Acción Social e outros socios, celebraron unha reunión de traballo en Sober, invitados pola Rectoral de Anllo.

A hospitalidade dos anfitrións do fermosa rectoral, edificio restaurado pertencente á rede de Pazos de Galicia, foi o marco ideal para unha xuntanza que tivo moito de encontro persoal (a maioría dos alí reunidos non se coñecía máis que a través de Internet) pero tamén de traballo.

Os socios alí reunidos con familiares e amigos debatiron acerca da situación actual da Asociación Fillos de Galicia, a súa nova estrutura a base de comisións e sobre os prolongados déficits de financiamento que pouco a pouco vanse solucionando gracias aos padriños (patrocinadores).

Tamén se falou da pasada Campaña Un libro galego para os fillos que están lonxe, que vai permitir achegar a máis de mil fillos e netos de galegos que viven lonxe de Galicia, a literatura escrita na lingua dos seus.

Tratáronse diversas liñas de traballo de cara ao futuro máis imediato, como por exemplo, a potenciación do Atopadoiro de Fillos de Galicia, sistema para a localización de familiares na emigración, un dos servizos estrela do portal Fillos.org.

Os asistentes á xuntanza de Fillos en Sober

Os asistentes ficaron con moitas gañas de repetir este tipo de encontros, necesarios para un grupo de persoas que fan posible que todos os días desde 1997 milleiros de descendentes de galegos desfruten dunha comunidade virtual como Fillos.org, e que traballan a cotío por medio do correo electrónico para coordinaren o seu traballo voluntario.

Finalmente os anfitrións guiaron aos asistentes polas belezas naturais de Sober e da Ribeira Sacra, deixando moi boas lembranzas en todo o grupo e gañas de volver a visitar esta fermosa zona do sul de Lugo.