Archive for Agosto, 2003

O "Desprestige" dos galegos logo das municipais

Martes, Agosto 5th, 2003

Logo dos resultados das eleicións en Galiza, os cidadáns do resto do Estado están a “pedir contas”, namentras, os medios de comunicación conquiren pouco a pouco amosar os galegos como un despreciable fato de iñorantes desagradecidos.

Ó final os galegos teremo-la culpa da marea negra.

Non podo dar creto ó que se está a publicar en diarios como “El Periódico de Aragón”, no que se está a atacar os galegos mediante unha serie de supostas reportaxes baixo o título “Tras las huellas del Prestige”.

No primeiro da serie, baseandose en fontes tan solventes como a cociñeira que lle guisa os besugos a Fraga en Perbes, ou algún rapaz en pleno disfrute do Festival de Ortigueira, o autor das reportaxes amosa os galegos como uns “Iñorantes e conformistas”, especialmente a mocidade, á que non dubidan en presentar como un fato de seres avergonzados que se abandonan ó alcool e as drogas para esquencer o chapapote coa excusa da música celta. No medio de todo esto, as mensaxes dos voluntarios cabreados “La próxima vez lo limpiais vosotros con la lengua”….

Na seguinte que caeu nas miñas mans, máis do mesmo, está vez algo mais o disimule, basicamente tratábase de desprestixiar o Festival de Ortigueira e así converter @s moz@s galeg@s fieis ó acontecemento nun fato de descerebrados, tal vez espoleados pola carta que enviei bastante cabreado e que debeu de facer efecto pois unha páxena adicada so a eso non parece moi espontánea. Poida que un día a publique (a miña carta) neste mesmo espazo.

En realidade esto non pasaría de ser unha anécdota se non fose por unha frase maxistral no medio da “reportaxe”, a frase dí: “Fraga ha ganado la batalla de la propaganda y ahora es el quien salva las costas”.

Pois si, esta frase caseque lapidaria foi a que me meteu o medo na alma en realidade, pois de certo estase a xerar, dun tempo a esta parte, un sentimento de desprezo e enoxo contra dos galegos no resto do estado, que de seguir asi pronto se convertirá na volta a aqueles anos non tan lonxanos nos que os galegos eramos cidadans de segunda clase.

Selo non é implicitamente malo, pois si ollamos para o tren de alta velocidade a famosa frase “Viajeros al tren, Gallegos tambien..” volvese mais actual que nunca, pero neste caso, unha vez mais, solo somos de segunda frente os que gobernan.

O malo é cando é o pobo do resto do Estado o que chega a esa conclusión, pois nese caso afecta a nosa dignidade e repercutirá inevitablemente sobre as nosas vidas, a nosa economía e a nosa cultura. ¿Como? Sinxelo, os pobos acomplexados tenden a querer imitar os seus referentes e a rexeitar a súa propia identidade.

A solución non a teño eu, pero supoño que pasa por ser mais dignos que nunca e, partindo da autocrítica, facer a nosa modesta contracampaña amosando que realmente somos un pobo con dignidade e sen complexos.

En canto o tema das eleicións e do Prestige, ¿Alguen ten a chave para saber que ocorrerá nas vindeiras autonómicas?

Dende zaragoza, leendo a “canallesca”, un saudo

Morre "A Nosa Voz". Nace "Planeta Galego"

Domingo, Agosto 3rd, 2003

Casdeiro neste texto editorial dalle a despedida á anterior revista de Fillos de Galicia e presenta esta nova creadapara todos os galegos do mundo.

Despois de 2 anos e medio exactamente de historia, e 51 artigos publicados, Fillos de Galicia dalle a despedida á súa querida revista on-line, A Nosa Voz.

Parece que foi onte cando publicamos o primeiro dos artigos (que inicialmente foi pensado para a sección de Historia do web da nosa comunidade virtual), escrito polo benquerido Fernando Lamas, cubano neto de galego cuxo coñecemento do idioma e da historia da terra dos seus antergos aínda hoxe nos sorprende…

Detrás viñeron artigos moi variados, escritos desde todas partes do mundo, sobre cultura, política, máis historia, experiencias persoais da emigración, colaboracións dalgún ilustre escritor… e por suposto os relatos das nosas xuntanzas, unha das partes máis sentidas da nosa revista. Houbo artigos polémicos e ata artigos interactivos por medio dos cais Fillos fíxose presente con forza diante da comunidade política galega, gracias ao esforzo de moitos, pero sobre todo de Alberto Velo Bares, principal impulsor do noso primeiro manifesto político e de Xosé Orlandi Piñeiro, alma mater do segundo. Algo se logrou con esas accións, moito queda por facer… pero aí fica a nosa testemuña de denuncia e reivindicación a prol dos dereitos dos emigrantes galegos e a súa descendencia.

Así que desde aquí e como presidente e xestor de Fillos de Galicia, quérolles dar as gracias a cantos contribuiron á edición de tan interesantes contidos.

Pero chegou a hora do cambio. A Nosa Voz morre con este derradeiro artigo, para dar nacemento a un proxecto fillo seu e de moita maior ambición: Planeta Galego.

Este novo medio non queremos que sexa tan só unha continuación de A Nosa Voz (que tamén o vai ser, e por iso esperamos contar con moitos dos que escribiron na anterior revista) senón que con el imos dar unha resposta máis axil -e máis acorde cos tempos tecnolóxicos que se están a vivir na Rede-, ás colaboracións que tanta e tanta xente nos ten enviado e que durante moito tempo non tivemos tempo de publicar baixo o formato estático de A Nosa Voz. Por iso Planeta Galego nace dinámico, nace aberto e nace desde Fillos para toda a galeguidade.

E tan só estamos a comezar. Planeta Galego será o que queiramos que sexa, pero sobre todo, ha ser unha voz galega dun planeta que fala con idioma e alma galega desde Suíza ata a Patagonia, desde Nova Inglaterra ata Australia… dentro e fóra do noso país, porque o noso país non ten límites: está onde estea un galego. Por iso este é un Planeta Galego.

A Nosa Voz: http://www.fillos.org/fillos/anosavoz

Planeta Galego: http://www.planeta-galego.org