Archive for Novembro, 2002

Galegos no País Vasco

Martes, Novembro 19th, 2002

Casdeiro fálanos da emigración galega en Euskadi, a súa presencia, a súa relevancia, e o seu nivel de integración.

Outra quinta provincia galega

O País Vasco é un dos puntos de maior presencia de emigrantes galegos dentro do territorio peninsular. Hoxe en día hai aproximadamente uns 75.000 residentes nesta comunidade que naceron en Galicia (3,6 % da poboación total, que podería superar doadamente o 10% se contamos fillos, netos e bisnetos).

Os galegos en Euskadi repártense de forma moi pouco uniforme, estando concentrados en zonas de forte pasado industrial como a Marxe Esquerda do río Nervión (agora chamado Ibaizábal, seica), Ermua, Elgoibar, Pasajes ou Trintxerpe. Seica en Arxentina din que Bos Aires é a Quinta Provincia Galega; pois outro tanto din no País Vasco de moitas destas localidades.

Barakaldo, capital galega de Euskadi

O caso de Barakaldo é moi significativo: aínda non sendo a minoría maioritaria neste verdadeiro Nova York biscaíno (son superados en número polos extremeños), si que é de lonxe a máis notoria na vida cotiá da cidade. Por exemplo é imposible pasear moito tempo polas rúas desta noutrora industriosa anteiglesia sen escoitar falar unha lingua galega que aínda que moi castrapizada no léxico, sabe conservar unha fonética absolutamente enxebre.

Coa desindustrialización esta presencia vai desaparecendo: os vellos retornan en gran medida á aldea (case 1.000 persoas volven definitivamente a Galicia cada ano) e os fillos e netos que quedan non falan -salvo contadas excepcións- o idioma. Este feito e a progresiva euskaldunización da mocidade fan que o que aínda hoxe é certo (que en Barakaldo se escoita moitísimo máis galego que euskera), vaia camiño de desaparecer. Dos 25.000 galegos que chegou a haber en Barakaldo xa soamente quedan 6.000 (6% da poboación, que podería superar o 15% se contamos fillos e netos).

Os primeiros galegos chegaron a San Vicente de Barakaldo a finais do século XIX atraídos polas fábricas que traballaban no ferro a carón de Bilbao. E así segui sendo en diversas ondas ata a década de 1980. Agora o lume enriquecedor das fábricas está practicamente extinguido e os galegos xa hai anos que non emigran a aqueles destinos prometedores que se chamaban Barakaldo, Sestao, Santurce… e que agora son zonas en declive e con altas cotas de desemprego.

Os galegos na sociedade vasca

A presencia de galegos ou descendentes de galegos non é moi notoria na vida social vasca, case se podería dicir que pasa desapercibida, pero si que hai algúns exemplos destacados como o do líder do partido político Unidad Alavesa, Pablo Mosque(i)ra. Outro político de orixe galega, aínda que de base, foi o famoso Miguel Ángel Blanco, asasinado en 1997 pola organización terrorista ETA nun crimen que conmoveu ao mundo.

A presencia de galegos na política pode ter exemplos que falen da integración na sociedade vasca, pero no conxunto dos galegos de a pé… ¿pódese falar de integración? Por moito que sempre se alardee, penso que non é así. Integrar significa sumar. E aquí os galegos soamente sumaron o seu traballo, a súa aportación á economía. Pero en termos culturais, por exemplo, non existe integración: os galegos conservan en círculos paisano-familiares as súas costumbres, fala, gastronomía… de tal forma que medrar nunha familia galega en Euskadi é moitas veces case equivalente a criarse en Galicia. Pero non se incorporou nada disto á cultura vasca, que é impermeable á galeguidade que vive no seu mesmo territorio. Ou deberiamos dicir ás culturas vascas, ás dúas identidades tótem de Euskadi: a española e a vasca, ás que forzan a todos os que aquí vivimos a nos adscribir. De tal xeito é así que se fai imposible ser simplemente galego nesta terra: ou se é vasco -renegando como moitos fillos de galegos fixeron, das súas raíces, mesmo chegando ao fanatismo do converso– ou ben se é español (dando igual que sexas andaluz, castelán, extemeño, rioxán… ou galego).

Tampouco se recoñece a realidade da minoría galega cando nas enquisas soamente se recollen datos lingüísticos do euskera e mais do castelán, esquecendo que a lingua de uso na casa de moitas familias do país é o galego. O mesmo cando se inquere sobre o sentimento identitario: aquí non se concibe que un se poda sentir galego. Aínda que a moitos se din sentir tan galegos coma vascos e outros, simplemente galegos.

Os símbolos galegos en Euskadi

O que si hai no País Vasco (tal vez máis por parte dos que se sinten vascos que dos que se sinten españois) é respeto e reconocimento aos galegos. Mesmo agarimo. Exemplifica claramente isto o feito de que no segundo canle da TV pública vasca (ETB2, que emite en castelán), haxa un espacio en galego todas as semanas: unha versión acurtada do popular programa de variedades Luar, da TVG. Ou que os dirixentes vascos (co lehendakari á cabeza) non falten nunca aos actos do Día de Galicia en Euskadi ou a calquera celebración solemne dos centros galegos / casas de Galicia. Mesmo no PNV homenaxean cada ano a Castelao. O ano pasado precisamente fixéronse diversos actos para lembrar os 100 anos do Centro Galego de Barakaldo (o máis antigo de toda Europa e o segundo máis antigo do mundo), ao que non faltaron os políticos vascos.

E non faltan os símbolos galegos nas rúas de moitas cidades: desde os nomes dalgunhas rúas de Barakaldo (Galiza, Breogán,
Santiago
…), ás estatuas (a Castelao en Bilbao, ao campo galego simbolizado nun hórreo achegado polo Concello en Barakaldo…).

Outro símbolos máis oficiosos pero máis achegados á xente son os nomes de bares e comercios de todo tipo. Un paseo polos enclaves galegos nesta terra é imposible sen que ante os nosos ollos pase toda a toponimia galega: Bar Lugo, Bar Sobrado, Bar Celta de Vigo, Bar Pardiñas, Pulpería A nosa Terra, Bar Taboada, Bar Coruña, Bar Freire, Bar Laxe, Bar Melide, Bar Nogueira, Bar O’Enxebre, Bar Riazor… por non falar de empresas de todo tipo, maiormente de autónomos de todos os gremios, que levan apelidos galegos.

Visto que as xeracións nadas aquí non van conservar a lingua e a identidade dilúese moitas das veces nunha das dúas confrontadas na sociedade vasca, a española ou a vasca… ¿serán os apelidos, os letreiros dos bares, os nomes das rúas, as estatuas… a única pegada que vai quedar dos galegos en Euskadi?