Archive for Outubro, 2001

A difusión do Manifesto de Fillos de Galicia

Sábado, Outubro 27th, 2001

Casdeiro, responsable de Fillos de Galicia, analiza os resultados obtidos con este importante documento político promovido pola nosa comunidade virtual.

O Manifesto que elaboramos de cara á súa presentación aos candidatos das eleccións en Galicia, en Outubro de 2001, reclamando os nosos dereitos como descendentes dos emigrantes galegos, tivo os seguintes resultados:

  • Foi entregado ao candidato do BNG (X.M. Beiras), ao candidato do PSdeG (E. Pérez Toruiño) e a un representante do PPdeG (X. Palmou) que nos asegurou que chegou ás mans do que á postre había resultar reelexido presidente da Xunta: Manuel Fraga.
  • Na entrega ao PP démonos a coñecer a quen tras as eleccións foi nomeado Secretario Xeral para a Relación coas Comunidades Galegas do Exterior: Aurelio Miras Portugal.
  • Tamén foi entregado a outras personalidades políticas galegas como: J.M. Castelao Bragaña, presidente do Consejo General de la Emigración; a diputada do PSdeG M. Soneira, membro da comision especial sobre emigración do Parlamento Galego, quen ademais expresou publicamente aos medios de prensa en Arxentina a gran concordancia do Manifesto co programa do PSdeG para a emigración, e que o tiña asinado por Internet; o diputado do BNG Carlos Aymerich, integrante da comisión sobre emigración do Parlamento Galego, con quen houbo un extenso diálogo.
  • Houbo un encontro co anterior Secretario Xeral para as Relacións coas Comunidades Galegas do Exterior, Fernando Amarelo de Castro, do PP, quen tras as eleccións é diputado por A Coruña, e que manifestou publicamente o seu desexo de ser el o Defensor dos Emigrantes (figura proposta no noso Manifesto). Ademais nas súa intervención pública en Buenos Aires, salientou a importancia que no futuro inmediato ten Internet.
  • Polo tanto conseguimos que os principais líderes políticos galegos escoitasen as nosas demandas (ademáis das persoas que ocuparon e van ocupar o principal cargo da Xunta en relación cos emigrantes).
  • O PP expresou publicamente antes da celebración das eleccións que había cumprir dalgunha forma as nosas reclamacións:

    “Neste documento existen peticions que están exactamente na mesma liña que algunhas das propostas que o PP presenta no seu programa para a Galicia Exterior. Cónstame que Don Manuel Fraga leu este documento con todo detemento e que terá resposta, non só por Internet, despois do 21 de outubro, senón tamén a través de accións concretas de governo, precisamente de cara a emigración da área da Plata.” (X. Palmou)

  • Recibimos 455 apoios a través de Internet (durante os meses de Agosto, Setembro e Outubro de 2001). 1437 persoas accederon ás páxinas onde publicamos o Manifesto e onde podían expresar o seu apoio (905 en castelán e 532 en galego).
  • Recolléronse tamén un número aínda por computar de sinaturas fóra da Rede, concretamente en Arxentina.

Debemos agradecer especialmente a Alberto Velo Bares, Juan Carlos Iniesta, as persoas que participaron desde a lista FILLOS-L na redacción e difusión do Manifesto, e por suposto aos que asinaron as demandas que contiña, por teren contribuido a acadar estes obxectivos tan importantes no camiño cara ao recoñecemento dos nosos dereitos.

O Sur da Galiza e o Norte de Portugal

Luns, Outubro 1st, 2001

Suso de Toro, o destacado escritor galego, envíanos unha contribución sobre as relacións entre Galicia e Portugal.

Suso de Toro, un dos principais escritores galegos, envíanos esta contribución. Trátase dun texto inédito que ha formar parte dun próximo libro que o autor publicará en Edicións Xerais.

Nos anos vinte Castelao debuxou o parolar dun vello e mais dun meniño sentados na beira galega do Miño, “¿E logo os da banda de alá son máis extranxeiros que os de Madrid?”, pregunta o cativo.

Cando eu era tamén meniño o galego eran para min as palabras dos meus avós, palabras cálidas como o olor animal dos bois e a xente do terrón, eran as palabras das xentes traballadoras, unha fala de clase. Mais algunhas noites tamén oía na radio desconcertado aquelas palabras en emisoras estranxeiras, aínda que a sotaque era outro as palabras eran as mesmas. Aquilo tamén a min me desconcertaba naquel tempo do Franco no que viviamos nunha “España, grande y libre”. Preguntei e dixéronme que era a emisora portuguesa. Había uns extranxeiros por aí fóra…, cavilei.

Anos despois fun a Guimaraes e alí vin cravada nun penedo unha lenda: “A nossa lingua floresce en Portugal. Castelao.” Na tarde daquel día un meniño que me falou na rúa preguntoume extrañado: “¿E se vostede é extranxeiro como é que fala portugués?”.

Os meniños acostuman facer as preguntas imprescindibeis. Eu de mociño fíxenme daqueles galeguistas e entón iso era para nós a reivindicación dunha identidade galega esmagada e distinta da española. Buscabamos dentro do horizonte hermético español o que nos facía diferente, e o que nos facía diferentes era o predominio do mundo rural (o atraso socioeconómico, pódese dicir tamén). Naquel mundo preindustrial ciframos a nosa identidade.

E fixemos da cultura dos nosos avós labregos e da fala da clase operaria e sen ilustrar a nosa bandeira e a nosa concepción nacional.

A Galiza, tamén a España, ten unha cultura dramática, no século XIX: o noso atraso. A Galiza dentro daquela España encerrada estaba encerrada entre unha fronteira con Portugal e eses montes que nos separan da meseta. Na Galiza un grupo de ilustrados e artistas galegos, coa formación e as ideas propias da España romántica do momento, comezan a reivindicar a identidade e a lingua negadas. Mais descoñecían mesmo que o galego fora lingua escrita na Idade Media (antes da derrota da nosa nobreza frente ao partido de Isabel “a Católica”). Tamén descoñecían a cultura portuguesa. A única referencia que tiñan para comparar aquela lingua da clase labrega era o castelán. E organizaron, para escribir, unha lingua con aquelas palabras do modo que sabían.

Contra o castelán escolleron non só as palabras propias do galego senón tamén calquera vulgarismo que fixese distinta unha palabra común aos dous idiomas. Do castelán colleron a ortografía. (Desde o punto de vista ortográfico este galego actual é un dialecto da lingua castelá). Aquela xente xenerosa deixounos un herdo que era autolimitado, sobre ese terreo de identidade non se podía construír unha cultura nacional, diversa e interclasista, nin se podía levantar unha lingua nacional, apta para cruzar fronteiras do Rexurdimento O galeguismo tan débil históricamente seguiu instalado nesa reivindación da vella identidade, ata que pasou tempo e houbo un galeguismo máis maduro, que entrou en contacto coa sociedade e se plantexou os desafíos históricos. Os galeguistas da II República viron a necesidade de non aceptar a Historia, de modificar o mapa peninsular e por iso eran fundamentalmente iberistas e no lingüístico reintegracionistas, querían camiñar cara a reunificación idiomática con Portugal no posíbel.

Pobres, sss. Fixemos o que puidemos. Fixeron o que puideron. Aqueles da ignorancia. Reivindicamos para nós. Fixemos o que puidemos. Tamén nós repetimos os erros dos nosos vellos, aqueles mozos do Rexurdimento. Malia a nosa rabia na reividindicación na realidade non podiamos saltar por riba do horizonte español e o que defendiamos era unha cultura “rexional” e dependente, que nunca podería servir para unha sociedade complexa, nacional. Eramos casticistas, “enxebres”. Unha lingua subalterna non pode sobrevivir se acepta o horizonte político no que está sometida. Unha lingua en crise ou se reduce a fala ou se institúe en idioma.O certo era que pola nosa indixencia cultural e política, pola nosa historia recente, este paisiño séguese a chamar hoxe oficialmente co nome dos que venceron hai séculos, “Galicia”, e non co seu nome histórico propio, “Galiza”.

Cando reducimos ao galego a instrumento dun modo de ser antropolóxico, expresión e reflexo dunha cultura étnica, condenámolo a esvaecerse (do mesmo modo que se esvaen as diferencias antropolóxicas e étnicas). Só recobrando a memoria que nos tolleron: volvendo a apropiarnos da memoria do noso idioma, a escrita medieval, e aprendendo que como dicía Castelao o noso idioma floreceu en Portugal, comprenderemos que a Galiza hai séculos que lle amputaron un punto cardinal, o noso Sur, Portugal.

Mais tamén Portugal sofre dunha amputación, o seu Norte, a Galiza. Para Portugal é moi incómodo recoñecer un parentesco de orixe coa Galiza, ¿poden recoñecer os portugueses que don Enrique separou o seu condado do reino que había ao norte e que hoxe pertence a España?

Tamén co idioma, sabendo que o idioma portugués é un elemento moi importante da identidade nacional portuguesa, que se define profundamente polo antagonismo coa identidade castellana/española, ¿aceptarí
an de grao que o seu idioma tamén é falado nun territorio que forma parte da España?

Ai, si, caeron as alfándegas. É unha realidade rotunda, circulan as mercancías, os capitais, a xente, mais…Ben sinalou Marx que as estructuras ideolóxicas perduran despois de que desapareceran as realidades socioeconómicas que as produciron. Na nova Europa os estados están a perder grande parte da súa consistencia hermética, mais as ideoloxías das nacións estado seguen aí e precisamente reaxen para deter o curso da Historia, nacionalismos que queren conservar as vellas alfándegas. En España, en Portugal, na Galiza, pervive a policía das fronteiras na cabeza da xente. Pouco e pouco vaise tecendo un espacio transfronteirizo galego-portugués, o curioso é que se fai en castelán (Curiosa derrota para galegos e portugueses).

Os intercambios socioeconómicos seguen o ritmo da Historia mais a cultura, e as ideoloxías, non acompañan. Os receos nacionais, a ignorancia da Historia e Lingua común, fan que a comunicación cultural entre a Galiza e Portugal vaia moi por detrás da comunicación económica. socioeconómico

E mentras tanto na Galiza decae aceleradamente o número de galegofalantes, as clases que o conservaron porque era o seu idioma “natural” agora abandónano todo ás présas que poden. A minoría que se incorpora por convicción non pode equilibrar nin de lonxe o rápido abandono masivo. A xente falou galego séculos porque non podía falar outra cousa nin tampouco lle servía de nada, os pobres falaban galego e non podían soñar con deixar de ser pobres. Mais neste tempo afortunadamente hai máis mobilidade social, os pobres aspiran a deixar de selo e ademais de parecelo. E o galego é para eles o que foi durante séculos, o estigma social dos iletrados, rudos e marxinados. Este é un coñecemento que non ten falta de ser expresado en palabras pois está na cerna da nosa xenética social. O idioma élles un estorbo e non lles é útil, por iso non llo pasan aos seus fillos, eses fillos a quen lle queren mellor vida que a que eles tiveron.

Non teño dúbida de que o cambio de situación do galego só é posíbel mediante un profundo movemento social regaleguizador (e este movemento cultural e político só pode ser edificado a partir dun galeguismo aberto, europeísta, modernizador semellante ao republicano). Sen embargo debérase comprender xa que o galego actual non ten outro contexto que unha lingua “interna” dunha comunidade autónoma, un fenómeno lingüístico rexional español. Estámola a entender como unha lingua só escrita desde hai cento e pico anos e que só nos val para falar dentro da Galiza. Debemos abandonar o esquema de pensamento do estado nación que nos arrinconaba nun curruncho.

Teño o presentimento de que o galego desaparecerá na Galiza, aínda que as nosas palabras seguirán cada día máis vivas no mundo, mais será noutros lugares. Para que iso non ocorra é imprescindíbel que coloquemos ao galego dentro dun contexto lingüístico máis amplo e internacional, no contexto da lusofonía ou como se lle queira chamar, portugués-brasileiro-africano,…E se volvemos ao trato con Portugal, se reintegramos ao galego nese contexto veremos a productividade de achegarnos todo o posíbel, veremos a rendabilidade do idioma. Porque quizais a única solución para un idioma nunha sociedade como a nosa, con tan pouca autoestima, estea na rendabilidade. O galego pode ser o noso negocio. Ter unha cultura propia é un negocio, é rendíbel, crea unha industria cultural propia. E se ese idioma nos facilita a comunicación é un investimento en novas posibilidades para a poboación.

Hai amores que matan, cando queremos que o galego sexa a expresión exacta das palabras do pasado estámolo matando. Un idioma nunca é a expresión dunha identidade, iso é unha fala. Os idiomas son instrumentos elásticos para expresar identidades contradictorias.

O noso idioma debe ser presentado ante a sociedade galega como o que é, unha pónla do Romance Hispánico Occidental, parte dun continuo que falan millóns de persoas no mundo. Se nos comunicamos con Portugal, se facemos ese mundo parte de nós, perderemos o complexo rexional e provinciano: Non é que falemos raro, distinto, é que falamos outro idioma falado en varios estados do mundo. A Galiza chegou dramáticamente dividida entre Portugal e España, precisamos facer que esa ferida sexa un lugar para vivir ben. No devir da Europa na Historia non sabemos o futuro político da Galiza, mais debemos imaxinar xa agora unha Galiza que no lingüístico forma parte do espacio de dúas linguas extensas, por estar dentro dunha España castelá pertence ao seu ancho mundo lingüístico e por ter este noso idioma propio pertence tamén ao espacio mundial do portugués. O galego e o portugués non teñen nada a perder, non sendo as alfándegas, e teñen en cambio moito a gañar, uns o Sur, e outros o Norte.

E quen sabe quizais teña senso unha frase que lle dixo o José Afonso a un amigo nos últimos anos da súa vida, “a Galiza ten para nós un conteúdo de esperança”. Tamén Portugal precisa liberarse dunha memoria nacional condicionada de máis polas fronteiras. Quen sabe, se cadra a pobriña Galiza é tamén unha oportunidade nova para os portugueses.O galego debe ser útil para facer negocios e comunicarse os galegos e os portugueses.

Eu diría que aceptar a nova realidade da queda de fronteiras e o futuro transfronteirizo, e polo tanto no lingüístico, actualizar, modernizar, o estándar do galego cercano e comprensíbel para os portugueses sería un estupendo investimento. Que falamos, ao noso modo, outro idioma que é oficial

O drama do galego é que actualmente só lle importa aos profesores, os empresarios e os axentes sociais e políticos seguen vendo a través dos lentes do rancio prov
incianismo que olla melancólico para un Madrid que se toma como modelo. Mais as cidades galegas non han ser nunca outra cousa mais que…cidades galegas. E só desde un prisma autocentrado poden as cidades ser dirixentes e organizadoras da vida dunha sociedade, dun país. Os empresarios, os políticos usan do castelán excepto nalgunhas liturxias e non lles importa o idioma do país. De modo que o idioma está minorizado, refuxiado nalgúns círculos académicos e culturais.

Só cando os elementos dirixentes e con responsabilidades da sociedade coñezan a nosa Historia e cultura verán que o noso idioma é un instrumento de moitas posibilidades. Mentras tanto seguirán os profesores a discutiren entre eles os puntos e as comas, as gramáticas e os eñes. ¿A quen lle importa realmente o que discuten os gramáticos galegos?

Se Galicia fose a Galiza e tivese de verdade dirixentes con capacidade e altura histórica serían eles quen discutiría que facer co galego, serían eles quen lles esixiría aos gramáticos, como os gobernos esixen leis aos parlamentos, que pulisen as nosas palabras para este desafío do reencontro con Portugal. Con capacidade e altura histórica. Oportunidade nova para os portugueses volveren a pensar quen son dun modo máis aberto e complexo. Se cadra do Norte tamén baixa unha brisa.

Inxusticias debemos sufrir

Luns, Outubro 1st, 2001

Esperanza Brañanoba Gallego pregúntase neste artigo de denuncia polos dereitos que teñen os galegos que retornan á Terra.

Queridos irmans,

Vouvos contar por enriba a grande inxusticia que vivimos os emigrantes cando a orda da concentración parcelaria pasa polos nosos terreos os cales costaronnos tantos sacrificios e sudores.

Pois ben senhores/as,meus pais tiveron que emigrar nos anos cuarenta a Barcelona polo de sempre ,pra poder ganha-lo pan ,e o cabo de moitos anos, vendose xa ca xubilación cumprida, decidiron comprar unha casinha con terreo e unha pequena leira que vinha no lote.

Decidiron tamén de pasa-lo veran tranquilinhos na sua terra querida e o iverno aquí en Catalunya onde vivimos eu, a sua úneca filla, e os seus netos e un bisneto.

¡Grande error cometeron! o principio todo era perfecto, meus pais puxeron todolos aforros en restaurar a casa modestamente pero con gusto.Os paisanos ,non todos que tamén hai moita xente xusta e boa,comezaron a ver con recelo ós “catalans”…sobor de todo un resentido taberneiro,al cal lle pecharon a taberna por non pagar na sua vida a Hacienda, e un vello alcohólico ,que fora o albanhil da casa, primeiro propietario, pero que despois a vendeu a un anterior propietario, e deulle por coller mania sobor a casa.

O terceiro compinche é outro cobarde que faciase pasar por amigo e que varias veces a policía cacheoulle o coche porque “va moito a Vigo”.

A ocasión tiveronna cando se firmou a parcelaria e os delegados -o taberneiro e o cobarde-puxeronse a facer as parcelas. Cousa que nada máis que pasa en Galicia, porque senhores ¿qué cousa fain os inxenhieiros da Xunta?

Fixeron o que quixeron, a unha familia que están en Arxentina lles roubaron seica o capital, a duas familias intentaronlle cortar o paso da sua casa,a outras duas que tamén están fora deronlles as peores terras . Todo pola ambición persoal.

Meus pais interpuxeron unha queixa diante da delegación de Lugo,onde misteriosamente desapareceu un documento, gracias a un senhor que agora está apoltronado por algún despacho da Diputación, cuio nome calo de momento.

Foron a Santiago a falar con outro senhor que hoxe en dia está xubilado e que tamén calo de momento. Quedaron en que subiria un inxenhieiro a medi-lo terreo, o cal si que subiu, pero chegando a Meira foi interceptado polo cacicón do taberneiro e seguro que quedaron dacordo.

O final contactamos con unha abogada particular a cal asesorounnos cousa que facianos falta.
O fallo foi negativo ainda que a nosa documentación era clara e transparente e tinhamos cartas a favor noso do alcalde , o Secretario da Emigración e eles tinhan as maos manchadas con un documento de testigos falsos.Agora estamos pendentes do veredicto do Contencioso Administrativo.

Senhores/as, ante todo o que vos expliquei, eu preguntovos: temos dereitos os emigrantes cando chegamos a nosa Terra tan vencellada o sistema caciquil? ¿querennos a maior parte dos galegos que non sairon?